NON ESTÁ MAL PARA SER UN LIBRO EN GALEGO

Posted by franciscocastro - 15/02/10 at 10:02 p.m.

Hoxe pola mañá nas radios non se falaba doutra cousa. Que viva Luis Tosar e, sobre todo, o seu discurso en galego. Que tomen nota algúns.

Iso, que non se falaba doutra cousa. E mentres camiñaba na xeada da mañá, rememorando nas radios nas miñas orellas os discursos victoriosos dos galardoados, aterrei nunha tertulia onde un señor, rindo, dixo, en referencia a Celda 211, algo así como:

– No está mal para ser cine español.

O comentario é terrible. Porque detrás, ou por debaixo, ou vai ti saber onde, habita a crenza, irracional, prexuizosa e estúpida, de que o cine español é máis español que cine e, xa que logo, calquera creación cinematográfica é españolada (todos sabemos a que tipo de fitas remite a verba) e, xa que logo, ten que ser mala. Detrás, ou por debaixo, ou vai ti saber onde, habita a crenza de que o que se fai por aquí é malo, de segunda e claramente inferior. Daquela, saen comentarios paternalistas e mamelucos coma ese.

Todo isto para, coma sempre, falar de libros. Porque esa actitude é exactamente a mesma que moita xente ten en Galicia ao respecto das obras feitas en galego. En troques de entender, como subliñan todas as evidencias, a crítica, os lectores e o sentido común, que aquí estamos a facer unha literatura tan boa coma noutros sistemas literarios, a actitude xeral (velaí os medios ignorándonos, velaí a propia Xunta minimizándonos, etc… ) é que é unha literatura de segunda, uns libriños de andar por casa, e que para ser escritor de verdade hai que ser Pérez Reverte ou escribir sobre adolescentes vampiros.

E os escritores de aquí somos escritores. Non somos afeccionados. Non somos xentiña sen oficio que pon unhas palabras detrás das outras de casualidade, sen criterio e a ver que pasa. E como isto non se entende e non se sabe ou non se quere entender ou non se quere saber, o que remata acontecendo é que, obras caralludas que se escriben aquí morren aquí tendo unha ducia de lectores, mentres que, de ser editadas en castelán, incluso na propia Galicia terían máis espazo mediático, máis atención colectiva e, sobre todo, a crenza inmediata de que si que ti que es, machiño, un escritor de verdade.

Os comentarios están pechados.