LECTURAS DE INVERNO: ‘EL ALQUIMISTA’ DE LOVECRAFT
Publicado por franciscocastro - 07/02/10 at 10:02 pmXa recoñecera que tiña a Lovecraft sen ler. Unha desas eivas que se producen na formación lectora dunha persoa, en xeral, e dun escritor, en particular, por mor do costume de ler como leo eu, sen orde e con moito desconcerto. Podería quedar de pinga dicindo iso de que leo dun xeito ecléctico. Pero non, crédeme, é puro caos na escolla dende moi noviño.
Por iso, para reparar esa eiva, pasei as últimas semanas lendo El Alquimista y otros relatos de H.P. Lovecraft que aproveito para recomendar.
A pesar de que o que queda trala lectura de todos eses relatos é a sensación de que o autor escribe unha e outra vez a mesma historia, o certo é que, dende o punto de vista narrativo, o grao de liberdade literaria que manexaba era máximo. Sabido é que en vida non lle publicaron nin un só libro, así que igual foi por iso que escribía como lle petaba, gozando do pracer que transmite o propio feito de escribir.
Despois, como acontece con tantísimas persoas, foi recoñecido como un mestre, no seu caso, da literatura de terror. Sobre iso teño dúbidas: eu colocaríao máis ben dentro do que poderiamos chamar, sen máis disimulos, literatura surrealista, ou onírica ou, se me apurades, incluso, por veces, psicanalítica.
En calquera caso, serve para pasar ben o inverno.
Aquí queda constancia. Agora, agasallo dunha boa amiga, estou con isto.



febreiro 8th, 2010 ás 10:19 pm
Ola Francisco.
O 14 de xaneiro comentaches nunha das entradas do teu blog que as nenas len máis ca os nenos, ou cando menos, as nenas visitan máis as librerías.
Sorprendentemente, no cole vimos de montar un club de lectura ao que se anotaron 20 nenos e 13 nenas.
Non sei se é que na Educación Primaria aínda conseguimos motivalos, ou, se cadra, as cousas están a cambiar. Isto último sería o mellor que podería acontecer!!!!!!
Se queres consultar a páxina da biblioteca, aquí cha deixo: http://viaxaconpopi.blogia.com/
Bicos
Susana Lamela
febreiro 8th, 2010 ás 10:22 pm
Prezada Susana: pois parabéns por ambas as cousas. É certo que en Primaria a paridade neste asunto é máis ou menos iso, é dicir, paridade. Na adolescencia comezamos os homes a desertar. E sobre o blog: moi suxestivo. Moito, moito ánimo, e xa sabes onde me tes para o que precises.
Bicos
febreiro 10th, 2010 ás 1:59 pm
A min gústanme esas atmosferas tenebrosas e claustrofóbicas de Lovecraft, e non só para pasar o inverno, a súa escrita paréceme sumamente elegante. Inquietante.
Aínda teño moitos textos del pendentes de ler, pero todo o que lle lin fascíname. Gustaríame ter maior fluidez na lectura do idioma orixinal, na traducción pérdese moito rítmo e moita desa música tan circular e abafante que ten escribindo. Hai un texto del co que rompín a cabeza para traducilo, dinlle voltas e voltas tentando captar a esencia, mais o son dos pasos nunha canella escura fuxiu. O título, The book, O libro, velaquí deixo a miña versión nesta illa.
O libro
O lugar era escuro e poeirento e medio perdido
nun labirinto de vellas canellas ao carón dos peiraos,
cun cheiro a cousas estrañas traídas alén dos mares,
e con curiosos rizos de néboa que os ventos do oeste sacudían.
Pequenas pastillas de cristal, escurecidas polo fume e a xeada,
case non deixaban ver os libros, en columnas retortas
podrecendo do chan ao teito
esborrallando vellos saberes a prezo de saldo.
Entrei, enfeitizado, e dun monte de arañeiras
collín o volume máis a man e boteille unha ollada ao chou,
tremendo diante de palabras raras que semellaban gardar
algún segredo, monstruoso só se un o coñecía.
Despois, na procura dun vendedor vello no oficio,
non fun quen de atopar nada máis que unha voz que ría.
(agardo que a pantasma de Lovecraft non veña a por min con sede de vinganza.)
febreiro 10th, 2010 ás 2:01 pm
Xenial, Rosa, grazas. A atmosfera, dende logo, está máis que conseguida.