Archive for Febreiro, 2010

¿E SE FIXÉRAMOS UNHA FOLGA OS ESCRITOR@S, QUE PASARÍA?

28th Febreiro 2010 by franciscocastro 12 Comentarios

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/ekdmeSkQZM0" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Absolutamente nada.

Ocorréuseme esta idea brillante, e esta conclusión deprimente, lendo esta entrevista con Carme Freire, Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego, onde di unha verdade enorme: «O movemento social é o único que pode facer variar a política institucional». Ou sexa, o de sempre, que se os colectivos se mobilizan, as xuntas e gobernos centrais, ceden. Sempre foi así e é lexítimo e, sobre todo, necesario, en especial hoxe que vivimos estes tempos tan acougados de máis, perdendo dereitos día si e día tamén e sen que pase, aparentemente, nada, sen capacidade de reacción algunha ninguén en ningunha parte.

Pero non era diso do que quería falar, senón sobre que pasaría se nos dera aos escritores e escritoras en lingua galega por nos declarar en folga pola ausencia de apoios ao noso traballo por parte de quen ten, entre outras funcións, a de promovernos por aí adiante, se declararamos unha folga de ordenadores apagados, de blogues parados, etc. ¿sentiría a Consellería de Cultura que está diante dun conflito brutal?, ¿pensarían os responsables do goberno galego que de verdade que pasa algo grave?

Para min que non.

Igual ata se aliviaban.

Chuzame! A Facebook A Twitter

ALICIA É A LITERATURA

27th Febreiro 2010 by franciscocastro 10 Comentarios

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/Gyu7zvy8leg" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Déixovos aquí o trailer oficial de Alicia no País das Marabillas de Tim Burton. É importante o engadido do nome do director, porque vendo ese avance, intúese que non vai ter moito que ver coa xenial novela de Lewis Carroll máis que polas personaxes. Máis unha vez (co dano colectivo que fixo ao deformar desa maneira a historia!) volve andar detrás Disney.

Adianto que tanto me ten: devezo por Alicia. E por Burton. Así que irei ao cinema e, estou certo, vai gustarme aínda que non me guste. Que vou facerlle. Contraditorios que somos os fanáticos.

Mais todo isto, no fondo, non é máis ca un pretexto para falar do libro.

Sempre que principio os meus Obradoiros Literarios (incluso o teño escrito nalgún libro), arrinco por aí: a literatura é o País das Marabillas, o lugar onde todo pode ser. A única condición que cómpre teimar en cumprir é deixar voar ceibo o desexo, tentar captar non o que é senón o que nos gustaría que fose. Por exemplo. Porque a literatura comeza no intre exacto no que aceptamos que Alicia cae no buraco e, ao atopar ao coello que corre cun reloxo porque chega tarde (canto máis corre), non se sorprende de que un coello lle fale, senón, mira ti, de que o coello leve un chaleque. Todo comeza aí. Cando aceptamos ese xogo. Cando aprendemos a mirar así. Cando non  nos dá medo ollar desa maneira a realidade. E así o País das Marabillas é Macondo ou Miranda ou a Terra Media ou o corazón dos namorados nos poemas máis fermosos e quentes de amor.

Alicia é a literatura.

Chuzame! A Facebook A Twitter

ROSA DÍEZ É PARVA NO SENSO LITERAL DO TERMO

25th Febreiro 2010 by franciscocastro 7 Comentarios

Dalgunha maneira, este blogue débelle moito a Rosa Díez. Como diría o outro intelectual, o do dedo para arriba, «non podo vivir sen ela». As probas están aquí e aquí. Aínda que, repasando o seu historial, semella que a que non pode vivir sen nós é ela.

Pero isto dá igual, porque eu quería falar da palabra parvo, unha verba que, dende ben cativiño, me ten, claro, cativado. Un dos meus mellores amigos é andaluz e, cando eramos pequechos, a el sorprendíalle a naturalidade coa que os mues curmáns e eu nos chamabamos uns a outros, parvos. Axiña entendín que era unha verba moi galega sen moita tradución. Unha palabra nosa fascinante. Case tanto coma carallo.

A verba é polisémica, e pode significar, incluso, algo bo. Por exemplo, lembro cando aquela rapaza que me gustaba e á que lle cantei unha canción chea de amor na adolescencia me acariñou á cara ao tempo que me dicía:

- Parviño….

Soaba a gloria.

Pero isto tamén dá igual.

Aquí, o que importa é que parvo significa tamén ‘de poucas luces, ignorante, de pouca intelixencia’. Daquela, despois de escoitar á nosa política favorita, sentenciamos: Rosa, es parva no senso literal do termo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

FALEMOS DE VIAGRA E DE SILICONA

23rd Febreiro 2010 by franciscocastro 5 Comentarios

Un bo amigo fíxome chegar estas declaracións do oncólogo brasileiro, e premio Nobel de Medicina, Drauzio Varella. Imaxino que son ese tipo de cousas que andan polos correos arriba e abaixo e que van pasando duns a outros. Polo xeral, non os atendo e borro sen ler. Neste caso, alégrame telas lido.

Coido que explican perfectamente o que é o xénero humano. A nosa parvura. A nosa hipocrisía. A nosa irresponsabilidade. A falacia de tantos e tantos discursos políticos. O trunfo absoluto da sen razón:

«No mundo actual, estase investindo cinco veces máis en medicamentos para a virilidade masculina e silicona para mulleres, que na cura do Alzheimer. De aquí a algúns anos, teremos vellas de tetas grandes e vellos co pene duro, pero ningún deles lembrará para que sirven».

Chuzame! A Facebook A Twitter

Nunca llo perdoarei

21st Febreiro 2010 by franciscocastro Non hai comentarios

Así titulei o meu artigo desta semana no dixital de A Nosa Terrra.

Podédelo ler aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

UN NÁUFRAGO FELIZ E AGRADECIDO

20th Febreiro 2010 by franciscocastro 15 Comentarios

Este náufrago está feliz e agradecido ao saber que o seu blog, este que estás a ler, é un dos finalistas escollidos polos socios e socias da Asociación de Escritores en Lingua Galega na categoría de Mellor Blog Literario.

A canción do náufrago existe dende o ano 2005, que xa son anos. E dende aquela, non me deu máis que alegrías.

Esta, é outra.

Grazas a todos e a todas.

Chuzame! A Facebook A Twitter

¿FRANCISCO VÁZQUEZ DEFENSOR DE QUE?

17th Febreiro 2010 by franciscocastro 6 Comentarios

Hoxe lin en distintos sitios, que hai un ruxe-ruxe por aí que afirma que Francisco Vázquez, actual embaixador de España no Vaticano, pode ser nomeado axiña Defensor do Pobo, é dicir, defensor teu e meu e de calquera que pense que os seus dereitos son atropelados polo estado. O máis curioso, seica, é que a súa candidatura – non esquezan que é membro do PSOE – é fortemente apoiada polo PP.

A cousa, de suceder, podía ser realmente escandalosa. Nomearíase Defensor do Pobo (unha institución supra-gubernamental no senso de que ten que estar ao servizo da lei antes que ao das súas crenzas ou intereses) a unha persoa que gastou varios millóns das antigas pesetas para que se puidese empregar un nome ilegal para a súa cidade; a un home que deu mostras, durante os anos do seu municipal goberno, de desprezar, incluso con fachenda, a lingua nosa. Daquela, se termina sendo quen ten que defenderme a min se, por exemplo, considero que os meus dereitos lingüísticos foron vulnerados, ¿que garantía teño de que esa defensa vai producirse?

O bo deste curruncho do mundo é que, seica, non hai memoria. E tanto ten que sexas Ana Rosa Quintana e pegaras un timo quinindiola facendo pasar un plaxio por libro propio, que a túa vida profesional non se resentirá; se finalmente o señor Vázquez ocupa o sillón de Defensor do Pobo, sen dúbida, será porque a desmemoria que nos goberna volveu facer das súas.

A ver quen nos defende do defensor.

Chuzame! A Facebook A Twitter

SE GAÑO, PÓÑOME EN PELOTAS

16th Febreiro 2010 by franciscocastro 6 Comentarios

Escoito por aí que unha tal Imelda, de Gran Hermano, e un dos Matamoros (non sei distinguilos, a verdade) case que acaban a trompadas despois de discutir sobre quen dos dous tiña máis seguidores no seu blog. Seica a cousa rematou cunha aposta  na que pactaron que, quen teña máis, ou quen teña menos (quen mo dixo non se aclaraba) poríase en pelotas diante de todos na tele. Ou algo así.

A cousa fíxome reflexionar, sobre todo porque estou certo de que teñen moitísimos máis cá  min. E iso que – perdoen a falla de modestia – estou tamén seguro de que o que eu lles conto é moito máis interesante que o que eles poidan largar á blogosfera.

Pero eu, dende logo, non vou ser menos. E se chego a ter demostración empírica de que a min me le máis xente que a Imelda de Gran Hermano e a un dos Matamoros blogueiro, daquela, publico unha foto en pelotas aquí. Unha miña, quero dicir.

Por apostar que non sexa.

Chuzame! A Facebook A Twitter

NON ESTÁ MAL PARA SER UN LIBRO EN GALEGO

15th Febreiro 2010 by franciscocastro 3 Comentarios

Hoxe pola mañá nas radios non se falaba doutra cousa. Que viva Luis Tosar e, sobre todo, o seu discurso en galego. Que tomen nota algúns.

Iso, que non se falaba doutra cousa. E mentres camiñaba na xeada da mañá, rememorando nas radios nas miñas orellas os discursos victoriosos dos galardoados, aterrei nunha tertulia onde un señor, rindo, dixo, en referencia a Celda 211, algo así como:

- No está mal para ser cine español.

O comentario é terrible. Porque detrás, ou por debaixo, ou vai ti saber onde, habita a crenza, irracional, prexuizosa e estúpida, de que o cine español é máis español que cine e, xa que logo, calquera creación cinematográfica é españolada (todos sabemos a que tipo de fitas remite a verba) e, xa que logo, ten que ser mala. Detrás, ou por debaixo, ou vai ti saber onde, habita a crenza de que o que se fai por aquí é malo, de segunda e claramente inferior. Daquela, saen comentarios paternalistas e mamelucos coma ese.

Todo isto para, coma sempre, falar de libros. Porque esa actitude é exactamente a mesma que moita xente ten en Galicia ao respecto das obras feitas en galego. En troques de entender, como subliñan todas as evidencias, a crítica, os lectores e o sentido común, que aquí estamos a facer unha literatura tan boa coma noutros sistemas literarios, a actitude xeral (velaí os medios ignorándonos, velaí a propia Xunta minimizándonos, etc… ) é que é unha literatura de segunda, uns libriños de andar por casa, e que para ser escritor de verdade hai que ser Pérez Reverte ou escribir sobre adolescentes vampiros.

E os escritores de aquí somos escritores. Non somos afeccionados. Non somos xentiña sen oficio que pon unhas palabras detrás das outras de casualidade, sen criterio e a ver que pasa. E como isto non se entende e non se sabe ou non se quere entender ou non se quere saber, o que remata acontecendo é que, obras caralludas que se escriben aquí morren aquí tendo unha ducia de lectores, mentres que, de ser editadas en castelán, incluso na propia Galicia terían máis espazo mediático, máis atención colectiva e, sobre todo, a crenza inmediata de que si que ti que es, machiño, un escritor de verdade.

Chuzame! A Facebook A Twitter

O DISFRACE VAI POSTO O RESTO DO ANO

14th Febreiro 2010 by franciscocastro Non hai comentarios

Dende hai moito tempo teño a teoría de que o verdadeiro disfrace a meirande parte da xente lévao posto o resto do ano. Estes días a xente anda sen el. Estes días a xente é real.

O tópico sobre a festa do Entroido di que ao nos disfrazar, aproveitamos para facer e dicir todo o que o resto do ano non nos atrevemos. Puidera ser. O que está por debaixo desta idea é que a explosión de festa, sentidos voando ceibos, risos, amor pola gula e o sexo, o carnal, en definitiva, que goberna estes días, é mentira, e que a realidade é o que acontece o resto do ano.

Eu teño claro que non. Eu teño claro que é xustamente do revés.

O Carnaval é unha festa dionisíaca, dos sentidos e do corporal. Do realmente humano, en definitiva. Por mor da presión da cultura xudeo-cristiana, aprendemos a satanizar o corpo, o pracer e todo o que, en liñas xerais, vai a favor da vida. Por iso é polo que o desenfreo destas datas corremos a suliñalo de anormalidade cando, en verdade, é o máis autenticamente humano.

Hoxe unha muller disfrazada de ratiña sorriume e púxome uns olliños (a 20 centímetros da miña cara) que me deron volta o corazón. Unha vella disfrazada de Satanás, bailaba co seu netiño (Buzz Lightyear) feliz da vida. Un home disfrazado de cura parouse comigo, colleume do van, e bailamos unha danza imposible. Ningunha destas tres persoas me coñecen. Eu, dende logo, non sei quen son nin vou sabelo.

O que quero dicir é que, en condicións normais, ningún deles se comportaría así. A muller guapa, sen difraz, aínda que eu mañá a recoñeza e lle poña olliños, non vai nin verme; a señora maior, probablemente, mañá se escandalizaría se se descobrise a si mesma bailando no medio da rúa; o falso cura non creo que teña moitas ganas de bailar de novo comigo.

Sen embargo, os tres (os catro se me contades a min) pasárono de marabilla, foron felices, a espontaneidade foi o que gobernou o seu corazón, nada lles preocupaba, a moral ficaba a un lado, só existía a sa saúde de vivir.

Cando remate o Carnaval, poremos, todos, o verdadeiro disfrace. Co que imos o resto do ano. Reprimíndonos, medíndonos, estudando pros e contras. Negando, en definitiva, moitos dos camiños da felicidade.

Canto mellor nos iría se fósemos sen disfraz sempre.

Chuzame! A Facebook A Twitter