O ROXY, PAUL NASCHY E H.P. LOVECRAFT
Posted by franciscocastro - 24/01/10 at 10:01 p.m.
Pasei a infancia metido no Cine Roxy, un cinema de barrio que estaba na rúa Sanjurjo Badía de Vigo, ao carón mesmo da miña casa. Interminables sesións continuas nas que entrabas ás cinco e saías ás nove, para cear, despois de ver dúas películas. Nenos e nenas do barrio correndo en plena película, co acomodador, que vestía como un almirante, perseguíndonos. Flocos de millo. Fragolosinas de fresa. Pipas a moreas. E os primeiros bicos. E a miña nai, que de súpeto, e sen pagar entrada, por suposto, como tanta outra xente, entraba e pegaba un berro para chamarme e que fose cear. Só botaban un anuncio. O do cole. Aplaudiamos a rabiar.
Pasei a infancia no cine Roxy. Había Butaca e Arriba. A divertida era a de arriba. A máis conflitiva, tamén. Alí arriba pasaron cousas que, se llas contase hoxe aos pequechos, non dubidarían en cualificarnos como perigosos delincuentes. Que divertido era todo.
Pasei a infancia vendo películas de Paul Naschy, que vén de deixarnos hai pouco. Pelis de o Home Lobo, Drácula, A Momia e Frankenstein. Lembro unha na que saían os catro. Sangue a esgalla. E películas de mexicanos, e de El Zorro, e moito, moito Bruce Lee. E sempre Naschy, e o seu amigo, Christopher Lee, ou o que é o mesmo, Drácula, pegándolles trabadas no colo a fermosas raparigas de pel estremadamente branca. No Roxy vin «El exorcista» cando tiña dez anos ou así. Tardei en durmir ben un mundo.
Cando escoitei aquela canción de Serrat que vos poño máis abaixo, crin tolear.

O día en que Paul Naschy morreu, comecei a ler a H.P. Lovecraft. Digo sen vergonza que non o tiña lido. Pero estouno remediando. Con gran pracer, entérome de que a súa derradeira fita, La herencia Valdemar, protagonizada pola fermosísima Silvia Abascal, está inspirada nun conto dese autor.
É como se o círculo se pechara.
Pasei a infancia no cine Roxy. Alí agora hai un edificio, poboado de fantasmas. Quizais algún día, aínda que sexa en soños, me meta eu por alí, con Paul Naschy, a trabarlle no colo a rapazas fermosas de pel estremadamente branca.
[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/SabScmosrdo" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Xaneiro 24th, 2010 at 11:29 p.m.
Seica houbo Roxy en case cada poboación.
Onde irían parar aqueles tempos ?.
Xaneiro 25th, 2010 at 12:03 a.m.
Era un nome moi común. Tamén había moitos Cine Avenida.
Xaneiro 25th, 2010 at 12:19 a.m.
Cantas tardes de domingo pasadas no Roxi! Ainda non era de sesión contínua cando eu iba, so de reestreno, como di Serrat. Alí vin «Con él llegó el escándalo», algo escandalosa para a época (había un fillo ilexítimo, pero tentadora só polo título, ao final chorei e todo, qué gozada.
Xaneiro 25th, 2010 at 10:00 a.m.
Hoxe os cines son un chisco máis sosos. Máis iguais.
Xaneiro 27th, 2010 at 12:49 p.m.
A miña experiencia do cine foi moitísimo máis descafeinada. Ata sento un chisco de doce envexa de non ter vivido as sesións continuas, as chamadas das nais entrando na sala a cachón, a parte de arriba… é máis, é que me acabo de enteirar de que funcionaba así! Só un anuncio e era o do cole!!! Acabo de alucinar…
Xaneiro 28th, 2010 at 9:32 p.m.
O meu foi o «Cine Gran Via», na Avda. da Florida nas Travesas. A miña primeira película, da man da miña nai, «Capitanes Intrepidos» con Spencer Tracy facendo de mariñeiro. E a partir de ahí todos os Domingos sesión infantil as tres da tarde, duas pesetas a entrada. Despois na miña adolescencia xa viu o Cine Disol. Tiñamos sorte nas Travesas durante alguns anos poidemos disfrutar de ¡dous cines! no barrio. Todo un luxo.
Xaneiro 28th, 2010 at 9:35 p.m.
Por outra banda,descubrin a Lovecraft hai un par de anos…impresionoume. Creo que merece un monográfico.
Xaneiro 29th, 2010 at 9:51 a.m.
Fomos moitos os nenos que gozamos dese privilexio. Totalmente de acordo na paixón por Lovecraft
Abril 7th, 2010 at 6:34 p.m.
[...] Más datos | Comentario de Leo en el blog de Francisco Castro. [...]
Agosto 12th, 2010 at 1:15 p.m.
[...] Xa recoñecera que tiña a Lovecraft sen ler. Unha desas eivas que se producen na formación lectora dunha persoa, en xeral, e dun escritor, en particular, por mor do costume de ler como leo eu, sen orde e con moito desconcerto. Podería quedar de pinga dicindo iso de que leo dun xeito ecléctico. Pero non, crédeme, é puro caos na escolla dende moi noviño. [...]