OXALÁ PUIDERAMOS ESTAR CALADOS
Posted by franciscocastro - 10/01/10 at 10:01 p.m.
Vaia por diante que eu son dos que leva toda a vida defendendo que o intelectual, o artista, calquera dos que temos unha certa voz pública, debemos ofrecela, xa que nos dan o privilexio de falar en alto, para as causas que consideremos xustas. Durante anos, e ata non hai pouco, había en certos sectores a idea de que o intelectual (imos chamalo así) debíase á súa obra e, xa que logo, non era necesario o seu concurso detrás da pancarta, no altofalante. Sobre algo diso discutimos hai pouco en Oleiros.
Sen embargo, iso só é válido para un país normal, onde as cousas son normais, onde o sentimento de batalla non é omnipresente. De feito, na cultura española é así. Os intelectuais interveñen no debate público de cando en vez, en situacións estremas (a guerra, por exemplo) e hai moitísimos deles que xamais alzan a súa voz por nada.
Poden estar calados.
Daquela, eu quero vivir nun país onde poidamos estar calados, onde poidamos ser artistas, escribindo, pintando, compoñendo, cada un na súa leira, onde non haxa que estar continuamente defendendo o obvio (a lingua, a nosa cultura), onde non haxa que estar, en definitiva, de continua manfestación.
Ou sexa: eu quero unha Galicia normal. E como semella que tal e como están as cousas, iso, a cada día que pasa, está máis lonxe, seguiremos berrando, provocando debates, levando pancartas e poñendo a nosa pluma para a causa.
Ata que gañemos, que gañaremos, e ese día, as nosas obras falarán por nós.

Xaneiro 10th, 2010 at 11:24 p.m.
ogallá cheguemos a ver ese día…non sabes como me tarda
Xaneiro 11th, 2010 at 9:41 a.m.
Pero chegará, chegará…
Xaneiro 11th, 2010 at 1:49 p.m.
Antes de nada, Feliz Ano a todos! Canto tempo sen navegar por estas terras…
Polo que respecta a isto que comentas, viñéronme a mente comentarios que veño sentindo ultimamente sobre os actores que se manifestan contra a guerra, a favor de Aminetu, etc. que como son os que están diante son os máis criticados por máis xente da que imaxinaba. Quero dicir con isto que o que se manifesta, sexa en Galiza, en Madrid ou Honduras, ten moito de valente, sen dúbida, pois ademais de intentar mellorar «o mundo» ten que soportar as críticas e, de feito, xogarse o traballo en moitos casos. Que lástima, coma ben dis, que aínda existan temas polos que manifestarse. Que ben estaríamos se o mundo fose máis xusto…
Xaneiro 11th, 2010 at 1:52 p.m.
Daquela, estariamos calados. Benvida de novo, Eva.
Xaneiro 12th, 2010 at 12:41 a.m.
Un país normal. Moitas veces fálase de normalizalo uso da lingua… Pero para iso temos que normalizar o noso país! Moita razón tes nas túas demandas, realmente é moi triste ter que «defender o obvio».
Morres de envexa cando, esta xente de aquí onde eu vivo (Catalunya), defende a capa e espada o que lles é propio. E é algo natural, hai certas cousas que non se tocan. Son un país normal. Galiza, polo momento, non o é.
Unha aperta dende Barcelona
Xaneiro 12th, 2010 at 9:50 a.m.
Outra grande dende esta beira do Atlántico