Archive for Xaneiro, 2010

PALABRA DE AUTOR/PALABRA DE AUTORA

31st Xaneiro 2010 by franciscocastro 2 Comentarios

Mañá dará comezo un microespazo na TVG titulado Palabra de autor/palabra de autora, que vai xusto despois do Telexornal do medio día. Durará algo máis dun minuto. En total, 220 programas, que non está nada mal, arredor dun escritor ou escritora e as súas novidades bibliográficas.

Despois desta defunción, e desta (e da supresión de Miraxes, da que nunca aquí falei), é para celebrar que comece este espazo que, aínda que pequeno, cumpre coa obriga da televisión pública, de apoiar e visibilizar a cultura nosa. A hora é magnífica e, a priori, teno todo a favor.

Toca aplaudir á nosa televisión, que tantos paos leva.

Que non nos decepcionen de novo, por favor.

Chuzame! A Facebook A Twitter

VARRENDO A NÉBOA

30th Xaneiro 2010 by franciscocastro 9 Comentarios

Botei unha semana practicamente secuestrado impartindo un Obradoiro Literario fóra de Vigo que me facía tirar literalmente o meu corpo sobre a cama, ata caer desmaiado e sen folgos ningúns, a intempestivas e pouco poéticas horas da noite. Por iso nada escribín en todo este tempo.

E como estou de volta, e ávido, collín á miña pequecha esta tarde e metémonos os dous nunha exposición que ven de inaugurar o MARCO de Vigo e que me chamou moito a atención tanto polo título como pola filosofía da mesma:

Cousas que só un artista pode facer

Trátase dunha mostra que reflexiona arredor do humor na arte e que leva aos que participan a facer propostas aparentemente absurdas, como, por exemplo, gastar unha fortuna en coller peixiños de cores australianos e levalos en avión a coñecer California. Hai de todo, e quen teña ganas de saber que máis hai, pois que se pase por Vigo.

Eu só direi que gustei especialmente do traballo de Tere Recarens (Barcelona 1967) quen, farta do ceo sempre cheo de nubes de Berlín, decidiu tirarse en paracaídas cunha cámara e unha vasoira para varrer as nubes.

A imaxe de varrer nubes, ou néboa, ou calquera outra cousa que non se poida obxectivamente varrer, é algo que me seduce especialmente e dende sempre. De feito, hai anos, publiquei, no meu libro de relatos eróticos, Xeografías, un conto no que unha muller, mentres varría a néboa, varría tamén as cousas malas do mundo ao tempo que vivía un festín nemotécnico e erótico. Aí queda iso.

Volvín. Gardo o paracaídas. Veño disposto a varrelo todo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

O ROXY, PAUL NASCHY E H.P. LOVECRAFT

24th Xaneiro 2010 by franciscocastro 10 Comentarios

paul

Pasei a infancia metido no Cine Roxy, un cinema de barrio que estaba na rúa Sanjurjo Badía de Vigo, ao carón mesmo da miña casa. Interminables sesións continuas nas que entrabas ás cinco e saías ás nove, para cear, despois de ver dúas películas. Nenos e nenas do barrio correndo en plena película, co acomodador, que vestía como un almirante, perseguíndonos. Flocos de millo. Fragolosinas de fresa. Pipas a moreas. E os primeiros bicos. E a miña nai, que de súpeto, e sen pagar entrada, por suposto, como tanta outra xente, entraba e pegaba un berro para chamarme e que fose cear. Só botaban un anuncio. O do cole. Aplaudiamos a rabiar.

Pasei a infancia no cine Roxy. Había Butaca e Arriba. A divertida era a de arriba. A máis conflitiva, tamén. Alí arriba pasaron cousas que, se llas contase hoxe aos pequechos, non dubidarían en cualificarnos como perigosos delincuentes. Que divertido era todo.

Pasei a infancia vendo películas de Paul Naschy, que vén de deixarnos hai pouco. Pelis de o Home Lobo, Drácula, A Momia e Frankenstein. Lembro unha na que saían os catro. Sangue a esgalla. E películas de mexicanos, e de El Zorro, e moito, moito Bruce Lee. E sempre Naschy, e o seu amigo, Christopher Lee, ou o que é o mesmo, Drácula, pegándolles trabadas no colo a fermosas raparigas de pel estremadamente branca. No Roxy vin «El exorcista» cando tiña dez anos ou así. Tardei en durmir ben un mundo.

Cando escoitei aquela canción de Serrat que vos poño máis abaixo, crin tolear.

herenciasilvia_abascalO día en que Paul Naschy morreu, comecei a ler a H.P. Lovecraft. Digo sen vergonza que non o tiña lido. Pero estouno remediando. Con gran pracer, entérome de que a súa derradeira fita, La herencia Valdemar, protagonizada pola fermosísima Silvia Abascal, está inspirada nun conto dese autor.

É como se o círculo se pechara.

Pasei a infancia no cine Roxy. Alí agora hai un edificio, poboado de fantasmas. Quizais algún día, aínda que sexa en soños, me meta eu por alí, con Paul Naschy, a trabarlle no colo a rapazas fermosas de pel estremadamente branca.

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/SabScmosrdo" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Chuzame! A Facebook A Twitter

ESTE PAÍS VAI SAÍR ADIANTE

23rd Xaneiro 2010 by franciscocastro Non hai comentarios

sair adiante

Este país vai saír adiante.

A pesar de decretos e decretazos.

Este país vai saír adiante.

Porque ten talento, porque está vivo, porque aínda que o queiran afogar, turra de si mesmo e saca as mans fóra da auga. E atopa onde respirar. E sempre acha novos folgos para seguir adiante co soño que queremos e que perseguimos e que estamos dispostos a seguir alimentando aínda que nos neguen o pan e o compango.

Este país vai saír adiante.

Precisamente polos atrancos, precisamente polas barreiras, precisamente porque está ensimesmado e namorado de si propio, e porque ten unha lingua milenaria para dicir de amor pero tamén para dicir basta e xa está ben.

Este país vai saír adiante.

Porque a súa cultura non limita, porque nos arden lumes de artificio dentro do peito, porque vale moito, é dicir, porque é moi valiosa, e xa que logo non imos deixar que esmoreza a pesar dos sepultureiros.

Este país vai saír adiante.

Que fagan o que lles pete por esnaquizarnos, por silenciarnos, por deixarnos fóra. Seguiremos aquí. Sorrindo. Escribindo. Facendo música. Subindo enriba do escenario. Pintando. Traballando arreo. Educando aos fillos e as fillas en galego. Mercando o pan pedindo bolos e non baguettes. Sendo. Resistindo porque somos flor e sol e branco luminoso e esperanza e fe no futuro.

Este país vai saír adiante.

Chuzame! A Facebook A Twitter

QUERO QUE ME ROUBEN

22nd Xaneiro 2010 by franciscocastro 2 Comentarios

ladrón

Así titulei o meu artigo hoxe no dixital de A Nosa Terra.

Podédelo ler enteiro aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

CARLOS OROZA, MESTRE, FALA SOBRE O GALEGO

21st Xaneiro 2010 by franciscocastro 2 Comentarios

Carlos_Oroza

Eu pertenzo á tribo dos que admiran e aman a Carlos Oroza. Eu pertenzo á tribo dos que tropezan por Vigo adiante con el e non deixa pasar a oportunidade de falar de vagariño. Sempre aprendo algo. Rimos, e falamos mal de todo e falamos da vida e do mundo para concluír que é unha merda pero menos mal que nos queda a poesía. E non me sorprendo cando vexo que  en calquera dos seus recitais hai máis de 600 persoas cando menos. E que o reclaman de medio mundo.

Carlos Oroza é un grande.

O pasado domingo, Iago Martínez publicou unha entrevista con Oroza no Xornal de Galicia que é boísima. Nun determinado momento, o xornalista pregúntalle polo galego. Todos sabemos que Oroza sempre escribíu en castelán. Nas nosas conversas na rúa el fala en castelán. Eu en galego. E gozamos como dous adultos namorados da poesía, das palabras e da vida, e do mundo si, dese mesmo que antes dixen que é unha merda pero que tamén é marabilloso. Depende de como vaia o vento. Depende de como nos colla ese día esa vida e ese mundo. Mais divago. O que importa é que nos comunicamos. E que eu aprendo. Infinitamente. Entre outras cousas, do respecto enorme que expresa polo galego, que tamén é del, autor en castelán.

Xa podían aprender os galegófobos. Xa podían aprender os de GB. Xa podía aprender tanto parvo e tanta parva.

Divago. E case que esquezo as palabras de Oroza:

Por que se fala tan pouco o galego?

Por autoodio, por autoasco. Han fomentado ese complejo, como si hablar castellano fuese culto. Es un problema de conciencia. El gallego es un idioma como otro cualquiera, tal vez más antiguo que el castellano.

Chuzame! A Facebook A Twitter

PENSAR CO CU

20th Xaneiro 2010 by franciscocastro 2 Comentarios

pensar co cu

Mañá hai unha folga convocada no ensino para protestar polo disparate.

Viña pola autoestrada pensando en todo o que vai implicar a aplicación do Decreto se é que finalmente se aproba tal e como está. E pasando de emisora en emisora procurando algo interesante. Parei, quen sabe por que, eu, que non son futboleiro, nunha de deportes. Falaban do Celta e de que machotes que están aí na Copa do Rei e tal e tumba. O programa era en castelán. E eu escoitando sen escoitar, matinando en que vai pasar se o noso idioma perde o prestixio que dá unha presenza forte no ensino, matinando nos prexuízos que ten a xente sobre o galego, en como moito galegofalante, cando teña que escoller idioma, porá castelán por iso de que os fillos aprendan nese idioma, que vai haber moita xente así, xa veredes.

Os prexuízos. Que os hai. E daquela, o locutor falou así:

-Desde luego, hay quien parece que no piensa con la cabeza, sino con «el cu», como diría el otro.

Ao dicir iso de «el cu», os tertulianos, todos galegos, todos de Vigo para ser exacto, escacharon a rir. Ou sexa, a información en castelán, pero se hai que facer unha broma de mal gusto, daquela, soltámola na lingua vulgar, é dicir, en galego.

Pensando co cu.

Mañá estou cos folguistas.

Pensando coa cabeza.

Chuzame! A Facebook A Twitter

POIS PARA ISTO…

19th Xaneiro 2010 by franciscocastro 8 Comentarios

chuck-norris

Dende hai unha morea de anos, cando abrín o meu blog, manifestei en público e en privado a miña paixón por esta forma de comunicación. De feito, teño unha certa fama de talibán con este asunto. E máis de un e de dous terminaron abrindo o seu propio blog un pouco, imaxino, para ver se me calaba e deixaba de taladarlles a cabeza.

E cando as redes sociais fixeron a súa aparición, non o dubidei, e entrei nesta e naquela. E sigo defendéndoas coa mesma paixón, convencido de que, grazas a elas, podemos facer que se escoite a nosa voz, e sobre todo, algunhas voces que están silenciadas ou ás que simplemente non se lle pide opinión nos medios de comunicación tradicional. Elas poden, así, expresarse. E chegar a un público potencial inmenso. Mantiven, e estou certo de que non esaxero, que a Internet supón unha revolución case que equiparable á que no seu día supuxo a imprenta. E aquí estou e animo a todo o mundo a estar e a actuar.

Sen embargo, leo por aí que do que máis se falou no Twitter o ano pasado foi de Chuck Norris.

Ese foi o tema predilecto. O asunto máis falado.

Así que igual tería que ir moderando o meu entusiasmo…

Chuzame! A Facebook A Twitter

PREMIO PARA ‘CHAMÁDEME SIMBAD’

18th Xaneiro 2010 by franciscocastro 17 Comentarios

os_mellores_libros_2009

Nesa web de referencia que é Fervenzas Literarias, organízase, dende hai uns anos, un fermoso premio no que os internautas poden votar aos mellores libros do ano anterior.

Hoxe fixéronse públicos os resultados.

Como mellor libro do 2009 na categoría de Literatura Infantil saíu escollido o meu Chamádeme Simbad.

Estou ledo e agradecido. Moito. Recibir un premio no que non te presentas, e outorgado ademais polos lectores, é como para estalo.

Grazas a todos e a todas. De corazón.

Chuzame! A Facebook A Twitter

CDG: MÁIS DRAMÁTICO QUE GALEGO

17th Xaneiro 2010 by franciscocastro 6 Comentarios

teatro

E agora resulta que se convoca concurso para dirixir o Centro Dramático Galego.

E que para gañar esa praza NON hai por que saber galego.

Daquela, xa saben, que programen zarzuela madrileña. Como te debe de ser.

Chuzame! A Facebook A Twitter