¿QUE ENTENDEMOS POR UNHA CULTURA RENDIBLE?

Posted by franciscocastro - 28/12/09 at 10:12 p.m.

cartos

Andan revoltos por aí fóra, porque algún alto cargo do goberno central deixou caer algo así como que non ían apoiar festivais de cine que non fosen rendibles. A polémica derivou, e sobre iso quero aquí reflexionar, arredor de se iso vai implicar retirar o apoio a toda aquela actividade que non deixe cartos ou, sen máis, que dea perdas.

A miña sensación é que non hai moito que discutir. A cultura hai que apoiala independentemente dos cartos que xeren os espectáculos, as vendas de libros ou o que fose. Quero dicir que, cando falamos de beneficios, se hai un sector no que cómpre definirmos ben o concepto ese é o cultural, porque os beneficios son claramente simbólicos, intanxibles. ¿É rendible a poesía? Claramente si. ¿Son rendibles as bibliotecas? Claramente si. ¿É rendible o galego, aínda cando só o falasen tres nativos? Claramente si.

¿É rendible a cultura? Sen dúbidas si, si e si.

Fai a nosa existencia mellor, as nosas vidas máis felices e os nosos días máis lúcidos.

Sen embargo, e a pesar de todas as evidencias que veño de escribir, sospeito que, aproveitando a crise, as administracións públicas (que teñen a obriga de fomentar e apoiar a cultura) van tirar polo camiño máis sinxelo: non hai cartos, e os que hai teñen que ser para outras cousas.

E así, queridiños, teremos unha economía máis sa e a alma un pouco máis aparvada.

Os comentarios están pechados.