A BOA EDUCACIÓN (PLEASE, DON’T DISTURB)

Posted by franciscocastro - 11/12/09 at 11:12 p.m.

Hoxe, no medio da unanimidade xeral arredor de Barack Obama, que recibiu onte o Premio Nobel da Paz, eu publiquei, na versión en papel de A Nosa Terra o artigo que vai deseguido. Non é por tocar o carafio. E que eu vexo así as cousas.

É un pouco longo pois ocupou unha páxina enteira. Grazas pola paciencia.

barack-obama

A BOA EDUCACIÓN

( PLEASE, DON’T DISTURB )

FRANCISCO CASTRO

Barack Obama, premio Nobel da Paz (segundo algúns analistas, o home favorito do planeta) visitou aí atrás, tal Marco Polo, as terras da China. E demostrou ser todo un cabaleiro. Un rei da diplomacia. Un mestre das boas formas. Pois non sacou en ningún momento, para non molestar, o espiñento asunto do Tibet. Vouno repetir por se non está claro: o premio Nobel da Paz, é dicir, un ser humano que vén de ser bendicido pola Comunidade Moral Internacional como un Tipo Boísimo, decide calar, a posta, e ollar para outro lado para non amolar aos seus anfitrións porque, seica, había en xogo moitos cartiños que perigaban se el botaba a lingua a pacer.

Temos un premio Nobel da Paz moi educadiño. Parabéns á súa nai. Á que o pariu.

Porque claro, imaxinen vostedes o que pasaría se, en troques de pensar no moito que a nivel comercial se xogaban os EUA na China, que pensase nos Dereitos Humanos, ou moito mellor, na Convención dos Dereitos da Infancia, e fixese unha condea formal en toda regra. Aínda sabendo que ía quedar como un completo maleducado, estamos certos de que o resto dos humanos iamos agradecerllo. A nai que o pariu non sei. Eu si. Mais o premio Nobel, é dicir, un dos nosos referentes morais demostra toda a súa boa educación e nada di sobre isto. Como nada di diante do feito de que polas datas nas que estaba por alí de amable e educada visita se fixese público que o goberno chinés ten 280.000 persoas dedicadas a identificar chats para detectar que conversas manteñen os seus veciños e sobre todo, cales desas conversas son críticas co goberno e así poder traer de novo para ao rego a eses chiniños deschinadiños que critican a sitación de opresión que aturan.

Podiamos dicir que os deteñen por maleducados.

Tiñan que aprender de Obama, que, coma o outro, non se mete en política.

Mais Barack non é unha excepción e isto é máis ou menos así con todos, moi educados, sabendo estar; unha cualidade que os leva a establecer claras prioridades de actuación política que, sen dúbida, temos que lles agradecer pois de certo que o fan polo noso ben. Porque só dende a boa educación e dende a obsesión polo ben común é posible asumir que lle poñan tanto interese á reprimir, eu que sei, á xente que fuma, e tan pouca a perseguir, por dicir calquera cousa, a trata de brancas. Isto último non se pode facer en serio porque implicaría molestar a certas persoas a certo nivel en certos países e iso, sexamos claros, non é de persoas humanas. Porque a xente ben educada non amola. E é por iso polo que non dan atopado un intre para sentarse e acabar para sempre con toda esa estructura legalista-mafiosa que entre as grandes corporacións multinacionais, xente de baixa estofa e brillantes bufetes de avogados teñen montada para, neses países pequerrechos como de mentira, con nome de bermuda ou de caimán, branquear os seus cartiños duramente gañados violando sistematicamente a lei e os dereitos humanos. Porque a ver, sexamos serios, se de verdade se puxesen a lexislar sobre iso, e se de verdade se encargasen de dotar a policías e xuíces de medios para acabar con todo iso, ían ter que amolar a máis de un e de dous señores respectabilísimos que igual non interesa amolar. Que iso é de xente maleducada.

E menos mal, penso eu. Porque se perdesemos as formas e nos volvesemos maleducados, é dicir, se puxeramos a Declaración Universal dos Dereitos Humanos ou os da Infancia enriba da mesa á hora de nos relacionar cos dirixentes dos distintos países, daquela, ía ser todo dunha molestia abraiante (ou marabillosa). Ían ser, con perdón, un cristo as relacións, por exemplo, cos xeques árabes e con certos reis veciños. Con eles dámonos biquiños (non é metáfora) a pesar de que sabemos que os que disinten son expulsados (caso da activista marroquina do Sáhara Occidental, Aminatou Haisdar, guindada do país non por traficante de drogas senón por defender os dereitos humanos), ou, sen máis, asasinados con todo o peso da lei (por exemplo no país dos xeques petroleiros por excelencia, é dicir, Arabia Saudí, onde todo o que caia dentro da categoría de “conducta viciosa”, ou sexa, calquera que eles queiran, remata chegando ao máis-alá antes de tempo). E quen di iso di co réxime ditatorial de Obiang, de quen se recoñece sen pudor que non se lle ataca polos contratos petroleiros que hai en xogo. E xa no colmo, imaxinen o problema de malaeducación que sería meterlle man de verdade ao asunto do traballo infantil, é dicir, aos 218 millóns de nenos, segundo a OIT, que non teñen dereito ningún a ser nenos porque están a traballar para nós.

Daquela cómpre ser educados e deixar as cousas como están. Do not disturb, como di nas portas dos hoteis para que os camareiros saiban que non se pode dar a brasa aos que tan dentro. Descansando. Tan quentiños.

Sexamos educados. Non molestemos.

Os comentarios están pechados.