CONFESA: ¿POR QUE OPTACHES POLO GALEGO?

Posted by franciscocastro - 08/12/09 at 10:12 p.m.

confesionario

Dende hoxe propóñovos que vos confesedes.

A pregunta é sinxela: ¿por que optaches polo galego?

Dado que hai tantos esforzándose por aí para argumentar que o galego non vale para nada, que aprender a nosa lingua é inútil, ou incluso cousas peores, pode ser interesante que os que a temos como lingua principal e vehicular das nosas vidas, nas que amamos e educamos aos nosos fillos e fillas, etc., digamos publicamente que foi o que nos moveu a facelo.

E daquela, é xusto que comece eu:

Eu son neofalante. Educado en castelán nun entorno profundamente galeguizado. Nun mercado, con iso dígoo todo. Sen embargo, pertenzo a esa xeración que foi educada no prexuízo de que o castelán era a lingua do progreso e o galego a da incultura. E a cultura, paradoxalmente, foi quen o mudou todo para min.

Eu comecei a deixarme querer pola lingua en 2º de BUP, o noso 4º da ESO actual, é dicir, nos 14 anos, nese instante fundamental no que andas á procura do teu lugar do mundo, ou o que é o mesmo, nese instante fundamental no que andas perseguindo unha idea de ti mesmo á que agarrarte para a vida adulta. Chamoume a atención que os meus profesores, é dicir, xente culta, que lía, que me explicaba o mundo, algúns incluso facíanme pensar, que eles tiveran como a súa lingua de expresión o galego. Despois cheguei a Compostela a estudar a carreira e alí xa eran practicamente todos os que tiñan o galego como lingua de comunicación, estudo e ciencia.

Daquela, a min seduciuseme dende o ámbito docente. Foron os profesores e as profesoras, co seu exemplo definitivo. Despois foi chegando todo o demais. As lecturas. As ideas. As amizades. O meu desexo de ser escritor, dende o primeiro instante, só en lingua galega.

Eu xa confesei.

Agora tócache a ti.

Chuzame! A Facebook A Twitter

26 ResponsesCONFESA: ¿POR QUE OPTACHES POLO GALEGO? to “”

  1. Eva M. says:
    Decembro 9th, 2009 at 12:15 a.m.

    Eu tamén fun educada en castelán pero tendo catro avós galegofalantes (coido que tampouco é nada estraño este caso) e nun ambiente semiurbano bastante galeguizado, pero tamén cheo de prexuízos contra o galego. Prexuízos, na súa maior parte, bastante sutís: despois de todo, no colexio dábamos Lingua Galega, tamén a clase de Ciencias Sociais era en galego, non significaba isto que o galego estaba, por fin, en igualdade de condicións? Cando tiña nove ou dez anos fun a unha charla do hispanista John Rutherford, un inglés que xa é máis un inglés de Ribadeo ca un inglés de Inglaterra. Sorprendeume moito o seu perfecto e rico dominio do galego, pero sorprendeume aínda máis o manifesto amor que sentía por esta lingua. A segunda influencia importante chegoume máis tarde, aos doce ou trece anos, e era o director da escola de música. Unha persoa, por desgraza falecida moi prematuramente, cunha cultura (musical e da outra) impresionante, autor dramático, que se expresaba exclusivamente en galego e non ocultaba a súa militancia nacionalista. Coido que o feito de que fose unha persoa non dedicada principalmente á lingua ou a literatura (como os profesores de galego, os escritores en galego… aos que xa se lles supón unha certa militancia) foi o detonante que me fixo decatarme de que, efectivamente, en galego pódense facer unha chea de cousas (non só dar clases ou escribir libros) e en galego (como en calquera outra lingua) temos posibilidades infinitas de desenvolvemento persoa.

    Así que a miña seducción veu desde Inglaterra e desde a música… e agora son musicóloga e vivo en Inglaterra. Case freudiano. ;)

  2. Un calquera says:
    Decembro 9th, 2009 at 12:24 a.m.

    Son fillo dun militar murciano e dunha señora de “lacoruñadetodalavida”. De pequeno non escoitara nunca falar galego. Vivía nunha vila media galega e coido que as primeiras palabras escoiteinas na panadería cando de pícaro ía polo pan. Recordo a un vellote (Celestino) bebendo unhas cuncas e falando galego cos seus iguais.
    A miña primeira clase de galego foi cando estaba en cuarto de EGB. Dende 4º ata 6º as clases foron en perfecto castelán. Ata que cambiei de centro. Fun interno a un colexio onde estabamos rapaces de toda Galicia e alí descubrín que eu era un pouco raro. Medio urbanita falando castelán. Comecei por esforzarme por dicir unhas cantas palabras en galego con quince anos. Xa sabía o que era que me deran clases en galego e vía que iso ía indo comigo. Metía a zoca case continuamente pero recoñezo que falar galego cos meus compañeiros facía que me sentira mellor persoa. Algo raro, inexplicable.
    Na universidade ía falando galego e castelán indistintamente. Chegou o momento no que falaba as dúas linguas sen esforzo ningún. Foi cando decidín falar galego cos descoñecidos. Aos poucos ía ocupando máis espazo o galego na miña vida e a casualidade fixo que o meu primeiro traballo (e o que teño agora) sexa de profesor de galego. Agora podo dicir que máis do 90% da miña vida faise en galego. Son neofalante e coido que os meus alumnos e alumnas non saben o que se perden por non aceptar a lingua que é deles aínda que non a usen.

  3. xerardo mendez says:
    Decembro 9th, 2009 at 2:12 a.m.

    Lingua proletaria do meu pobo
    eu fáloa porque si, porque me peta
    e quero, e dame a gana,
    porque me sae de dentro, alá do fondo…

    Podería escrebilo agora mesmo de cabo a rabo. Deprendino no 78, no libro de lengua española (galego na escola de aquela… Quen me dera!)

    Fíxenme seareiro -como seica se di agora- de Celso Emilio inmediatamente. Nunca llo agradecerei bastante.

  4. Ivan A. says:
    Decembro 9th, 2009 at 12:18 p.m.

    Ola,

    creo que somos bastantes os que vivimos unha situación
    moi semellante á que comentas,

    eu, coma ti, fun educado en castelán (por galegofalantes,
    meus pais) logo, tamén no antigo BUP, tiven a sorte
    de caer en mans de mestres que me fixeron espertar

    a pregunta sería, que vai pasar coa xeración que está agora nas aulas?,
    imos a ter un proceso histórico cíclico, no que os
    rapaces volvan a ter que confesar dentro de vinte anos?

    saúdos,
    e grazas polo teu blogue, Francisco!

  5. modesta says:
    Decembro 9th, 2009 at 6:40 p.m.

    Ola Fran e ola a tod@s!
    Aínda que sempre defendín o galego como unha riqueza cultural que nos pertence, non o falei con asiduidade ata fai ben pouco. Pero é que agora ademáis o sinto en min, verbas como lembrar, xiada, bico,paixón, arrecendo, cóxegas….e asi milleiros delas, cautiváronme e cando escribo en galego o corazón bate con forza e os sentimentos fluen de dentro a fora. O galego vivía en min, adormecido, e agora espertou. Ou algo semellante a iso. Bicos.

  6. náufrago says:
    Decembro 9th, 2009 at 6:43 p.m.

    Fermosísimas palabras. Para amar unha lingua.

  7. Acuática says:
    Decembro 9th, 2009 at 7:31 p.m.

    O meu é un caso semellante, nacimos na mesma cidade e o mesmo ano, así que… Eu tomara contacto co galego a través dos libros a idade moi temperá, e mesmo xa me atrevín a escribir, falo de enter os 6 e os 8 anos. Logo viñeron máis libros, e profes, antes dos 14 xa escribía en galego e a esa idade tentei comezar usalo como lingua de relación, mais non foi posíbel… Mais tarde as decisións tomadas e as boas compañías fixeron o seu traballo.

  8. Inma says:
    Decembro 9th, 2009 at 8:44 p.m.

    Na casa sempre falabamos en galego. Na escola, porén, malia termos as clases tamén en galego, entre nós falabamos en castelán. Un día tiven unha sorte de visión de min mesma coma desde fóra e tiven un tremendo sentimento de culpabilidade, coma se estivera mentindo constantemente. Tardei uns días en decatarme de que era polo idioma. Supoño que foi o momento de madurez no que, en plena adolescencia, decidín ser eu mesma.

  9. Gallaecia says:
    Decembro 9th, 2009 at 9:17 p.m.

    Nacín nun entorno absolutamente galeguizado, os pais, avós, curmáns, amigos… todos falaban galego. Aprendín castelán na escola. A gargallada soberbia dunha das primeiras mestras fixo que me decatara moi nova de que a miña lingua era diferente.O que ela desprezaba eu amábao con máis forza. Despois, e outra vez na escola, un mestre sementou en min o amor pola terra, a paixón pola fala, o respecto aos que me deixaron a herdanza máis prezada. Coñecín outros pobos, aprendín outras linguas… mais o sentir profundo, o que me sae de dentro, só pode ser en galego. Confeso… que no meu país, non quero ser bilingüe.

  10. náufrago says:
    Decembro 9th, 2009 at 10:25 p.m.

    Estou marabillado con tanta sinceridade. ¡Moitas grazas a todos e a todas e seguide contando!

  11. Un máis says:
    Decembro 10th, 2009 at 12:03 a.m.

    Ola!
    Supoño que todo foi moi pouco e pouco. Son de Vigo, máis concretamente de «Coya» e «El Chouzo» como dicía miña avoa materna. O contacto co galego era mínimo.
    Na familia o único que falaba galego era meu pai á hora de se enfadar un pouco. E tamén os meus avós paternos que, cando se decataban, facían un tremendo esforzo por falar o castelán que non aprenderan cos seus netos.
    Na escola, concertada, non lembro clases de lingua (galega) ata quinto de EXB. E mesmo meu pai, galeguista como era, mercaba os libros de Ciencias Sociais en castelán porque, daquela, aínda era difícil atopalos en galego. Iso si, o profesor daba as clases en castelán.
    E logo? Como cheguei ao galego? Pouco e pouco. Lembro o primeiro dicionario de galego que tiven e aínda teño. Foi un agasallo de meu pai que, ademais foi o que me ensinou un monte de palabras propias «de Candeán» ou dos sitios polos que el traballaba.
    Tamén recoñezo que tiven unha etapa rebelde xusto antes de pasarme ao galego. Lembro que un día lle retruquei a un profesor, de galego, que o meu nome era Jose, non Xose como el me chamaba. Pouco despois pasei ao galego, era o meu 3º de BUP.
    E por que? Pois porque acabei facendo a reflexión de que, se tanto falamos de falar galego, de defender a nosa lingua, de que hai que protexela e todas esas cousas que vía en campañas, libros de texto e demais… O mellor sería falar eu galego e ser consecuente co que pensaba.
    E así, un día, erguinme e dei en falar galego cos meus compañeiros da escola e tamén cos profesores. Hoxe falo galego case sempre e só quedan un par de persoas cos que «se me fai raro» expresarme na lingua que uso decote e na que tomo notas, escribo, leo, falo coa miña moza etc. Espero superar iso algún día porque son consciente de que é unha incoherencia.
    E xa para rematar… A persoa que me animou máis a falar galego sen ela sabelo. A persoa que me decidiu a estudar Filoloxía Galega sen sabelo. A que me animou a ser profesor (algo que sempre quixera ser) de Lingua sen sabelo foi, curiosamente un vallisoletano, profesor de castelán en BUP e COU. E é que foi quen mellor me transmitiu o que é unha lingua e o seu marabilloso mecanismo. Ademais de transmitirme o seu gusto pola lectura e a literatura.
    E esa é a miña experiencia de neofalante.

  12. náufrago says:
    Decembro 10th, 2009 at 9:58 a.m.

    ¡Parabéns para ese vallisoletano! Que marabilla o que nos contas.

  13. Mr Tichborne says:
    Decembro 10th, 2009 at 1:56 p.m.

    Crieime na galegófoba Coruña, e coma todos, fun educado en castelán mais meus pais e avós falaban galego entre eles e español comigo. Supoño que así aprendín galego, de oídas.
    No Bacharel fun coñecendo a lingua e a literatura galegas, e funo relacionando co que oía na casa e vía «na aldea» dos meus vellos, neste caso Laxe.
    Fun estudar á Universidade de Santiago, menos galegófoba ca Coruña. Comecei falar galego cos que o falaban, cousa rara na Coru, empezando por unha moza que tiven, funme metendo máis no allo, ata que decidín falalo sempre. Caín na literatura e nisto de escribir, sempre o fixen en galego, mesmo antes de falalo, algunha razón habería. Metendo a zoca, claro, coido que sigo sen falalo ben, oralmente. Ademáis, o 99% do meu entorno, familia (os avós morreron), amigos, fala castelán.
    Tanto me ten. Estou infectado. Paso días seguidos no que o único que falo é alemán, mais o corazón fala e pensa e sente en galego. Non hai que facerlle.
    Penso: a miña familia e as dos meus amigos falaron galego dende hai xeracións. A nosa é a primeira que renunciou e cambiou a súa lingua. Son eu o rariño? os que mudaron foron eles, eu permanezo.

  14. náufrago says:
    Decembro 10th, 2009 at 2:01 p.m.

    Bendita infección!

  15. Danilo says:
    Decembro 10th, 2009 at 7:07 p.m.

    Á marxe de argumentos similares aos que se dixeron. Simplemente por lóxica.

  16. náufrago says:
    Decembro 10th, 2009 at 8:37 p.m.

    Que para moitos galegos/as non o é tanto.

  17. Román says:
    Decembro 10th, 2009 at 9:33 p.m.

    A EOI de Vigo recolle a túa invitación para lanzala entre a comunidade educativa do centro como unha proposta para a sensibilización e a reflexión:

    http://eoidevigogalego.blogspot.com/2009/12/por-que-optei-polo-galego.html

    Parabéns!

  18. náufrago says:
    Decembro 10th, 2009 at 9:37 p.m.

    Moitísimas grazas. Síntome moi honrado por saber que a proposta chega de cada vez a máis sitios.

  19. Dobo says:
    Decembro 10th, 2009 at 10:11 p.m.

    simplemente porque e o meu idioma, e o dos meus antepasados.

  20. náufrago says:
    Decembro 10th, 2009 at 10:27 p.m.

    Gran motivo, abofé

  21. Boedense says:
    Decembro 11th, 2009 at 9:12 p.m.

    Eu crieime nunha vila mariñeira sita na comarca do Morrazo. Empezaba a notarse a perda da transmisión xeracional da lingua no seu interior. Eu tiña daquela usos bilingües…máis engaiolado pola literatura galega (Celso Emilio, Castelao, Rosalía, Lamas Carvajal…) que me chegaba máis adentro cá literatura castelá, tomei a decisión de ser EU, de asumir o compromiso coa lingua galega. Os mellores recordos….téñoos sendo galegofalante.

  22. náufrago says:
    Decembro 11th, 2009 at 10:17 p.m.

    Pois coida desa memoria… e transmítea.

  23. An says:
    Decembro 16th, 2009 at 11:50 p.m.

    Coido que foi algo natural e asumido un chisco maior,non sei, non o escollín, nin o adoptei…sinxelamente saíume. Saúdos

  24. náufrago says:
    Decembro 17th, 2009 at 12:28 a.m.

    Un bo motivo. Saúdos.

  25. Noelia says:
    Febreiro 15th, 2010 at 11:08 p.m.

    A verdade é que eu non é que veña dunha zona moi urbanita, pero os meus pais tamén me educaron (a min e á miña) en castelán. Dende pequena sempre defendía moito o galego e estaba orgullosa, pero custábame falalo. Facíao na aldea (eu vivo cerca de Vigo pero miña nai é de Santiago e meu pai de cerca de Carnota)pero dábame moita vergonza facelo cos meus amigos. Ata que con 13 anos pensei: ¿Que sentido ten defende-la lingua se non a falo? Así que, empecei a falala na casa e logo cos meus amigos. Ó principio a xente ríase e metíase comigo, mesmo os que xa eran galegofalantes. Pero nunca me rendín e seguino a facer tódolos días.
    Hoxe por hoxe (máis de 10 anos despois), sei que se nota que son neofalante, pero estou ben orgullosa de selo. Creo que os neofalantes tamén temos unha función importante, e é a de tentar evitar ese salto xeracional que tanto se ve nas rúas, porque recoñezo que non hai cousa que máis me doia que escoita-la miña nai falarlle a calquera neno en castelán (mesmo ás miñas curmás, que falan sempre galego!).
    Ogallá a xente se animara máis e houbese máis xente disposta a volver cara as nosas raíces e cara a nosa lingua.

  26. náufrago says:
    Febreiro 16th, 2010 at 12:01 a.m.

    Ogallá, Noelia. Grazas polo teu testemuño.