AGORA TOCA LOITAR
Posted by franciscocastro - 06/12/09 at 10:12 p.m.
Agora toca loitar.
Suprimiron, de novo e desta vez semella que para sempre, Libro Aberto.
Agora toca loitar.
Suprimiron Miraxes.
Agora, diante desta premeditada e ben orquestada estratexia de silenciamento de todo o que cheire a cultura, toca loitar.
Si, loitar. Se cadra, tomar as rúas coa nosa palabra, recitar por todas partes, falar con todos os que nos queiran escoitar e amosarlle os nosos libros, os nosos cadros, convidalos a pararse a presenciar esa representación. Somos escritores, músicos, actores, a xente da cultura deste país, a xente que traballa o mundo das ideas e da beleza deste país e, xa que logo, non somos calquera cousa. Non somos mellor que o resto. Pero tampouco peor. E temos unha voz, coido que importante e queremos que se nos escoite. E se nos silencian as canles máis ou menos lóxicas (a radio, a televisión, os xornais galegos que deberían servir para darlle presencia aos creadores galegos/as) teremos que ver o xeito de nos inventar outras canles nos que amplificarnos. Internets e facebooks xa sabemos que si e facémolo con entusiasmo. Pero tamén as rúas. Sexamos creativos e inventemos. Non somos parvos. Algo haberá que se nos ocorra facer.
Agora toca loitar. Porque non van calarnos. Quizais as nosas voces non chegarán a todas partes. Quizais as nosas voces resoen menos que as de Cristiano Ronaldo. Pero existirán. Non pode ser que porque nos quiten o micrófono deixemos de falar. Se cadra, xa que non temos micrófono, tócanos berrar. Para que se nos escoite cando construímos versos. Para que se nos escoite cando construímos beixos.
Agora, toca loitar.

Decembro 6th, 2009 at 10:27 p.m.
[...] This post was mentioned on Twitter by McShuibhne, Francisco Castro. Francisco Castro said: Agora toca loitar http://franciscocastro.blogaliza.org/2009/12/06/agora-toca-loitar/ [...]
Decembro 6th, 2009 at 10:38 p.m.
pois o sábado desta semana que comeza, no mercado do calvario, tes a primeira oportunidade
Decembro 7th, 2009 at 12:37 p.m.
Pois a cultura haina que defender con fe e valor así que…
Ás barricadas…
http://www.youtube.com/watch?v=32mMk9kQOmM&feature=player_embedded
Decembro 8th, 2009 at 9:50 p.m.
Os de sempre, como sempre, facendo o de sempre. ¡Joder que tropa! Iso si, retratámonos moi fachendosos cos estudantes de galego en Bos Aires…..
Decembro 8th, 2009 at 10:02 p.m.
Para moitos, a foto é o máis importante.