VÍCTOR JARA, AMANDA, MANUEL.
Posted by franciscocastro - 05/12/09 at 10:12 p.m.[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/VQJhk6e0I9g" width="425" height="350" wmode="transparent" /]
Hoxe foi oficialmente soterrado Víctor Jara. Ao pouco do seu asasinato fórao, clandestinamente, pola súa dona e dous amigos. Hoxe, co recoñecemento do país, trinta e seis anos despois, milleiros de persoas acompañaron os seus restos para unha despedida digna da súa grandeza.
A historia é coñecida pero hai que repetila: non só foi torturado brutalmente, non só foi asasinado dun tiro. O que realmente cómpre sinalar é que lle romperon os pulsos. Os fascistas sempre saben como e onde facer dano. A arma de Víctor Jara era a guitarra coa que puña música as palabras liberdade, pobo, país, razón, orgullo; verbas, todas estas, odiadas por quen non sabe vivir se non é dende a intolerancia. Rompéndolle os pulsos rompíanlle a alma.
Todos eses arderán, se é que existe (para estes casos debería de existir) no inferno.
A Víctor Jara seguirémolo cantando e admirando.
Eu son, e impórtame un pemento que dicir estas cousas non estea de moda, fillo ideolóxico de xentes como Víctor Jara. Para min Víctor Jara é un verán da miña infancia, cando grazas a un primo maior me chegou un casette coas súas cancións. Despois, chegoume a historia da súa morte. Asomándome á adolescencia, ninguén tivo que explicarme que aquela crueldade tiña moito que ver co que el cantaba.
Hoxe, case que corenta anos despois, recibe a homenaxe de seu pobo. Amanda sae hoxe da fábrica, pero non para atoparse con Manuel, senón con Víctor, coa guitarra, cos seus pulsos ceibos, cantando, máis forte cá nunca, a desalambrar, a desalambrar…

Decembro 6th, 2009 at 4:17 p.m.
A desalambrar pois, que hai moitos por ahí que non son chicha nin limoná.
Decembro 6th, 2009 at 7:07 p.m.
Desalambremos