A CULPA É DA REALIDADE
Posted by franciscocastro - 03/12/09 at 10:12 p.m.
Alucíname a maneira en que os responsables políticos se expresan, como se as cousas que pasan nada tiveran que ver con eles.
Esta mesma mañá, mentres cruzaba Vigo cos auriculares postos, como cada mañá que non chove, na radio un falaba do comportamento do paro, como se o paro fose unha cousa viva, con existencia de seu e se lle dese por comportarse mal. Como se a súa xestión (era un responsable do goberno) non tivese que ver.
Ou como cando falan en plan a natureza tende a quentarse, para explicar o cambio climático que, seica, vai esnaquizarnos un día destes. É a natureza, que ten tendencias autodestructivas, non somos nós, non, que estamos facéndoo de pinga para que o desastre suceda.
E podería seguir e seguir poñendo exemplos e exemplos de todo tipo para ilustrar como a nosa tendencia é a de botar balóns fóra, non asumir responsabilidades.
A culpa, xa saben, é da realidade, que é fodida e non se deixa corrixir.

Decembro 4th, 2009 at 6:11 p.m.
http://www.galicia-hoxe.com/index_2.php?idMenu=87&idNoticia=493931