OLÉ SI. AILALELO, NON
Publicado por franciscocastro - 25/11/09 at 10:11 pm
Non vin as xa famosas imaxes -nin penso, teño moito máis que facer- de Loles León, pobriña ignorante, poñendo verde a unhas pandereteiras galegas que ousaron levar un tema tradicional a un casposo e parvísimo programa de televisión. Algo sabía, porque vía facebook recibín un convite para sumarme a un boicot contra ela que, por suposto, rexeitei. Como rexeito os convites en plan "odio a Gloria Lago" e cousas así, que tamén recibín estes días. Dende hai moitos anos teño claro que non odio, en principio e en concreto, a ninguén. Odiar significa darlle moita importancia a quen odiamos. E estas dúas señoras, respectabilísimas como seres humanos por outra banda (outro asunto son as paridiñas que botan pola boca, pobriñas ignorantes) non merecen o meu odio. Tampouco o meu cariño, que conto moito a quen llo dou.
En calquera caso, o que resulta evidente é que os que nos discriminan nas nosas manifestacións culturais, por folclóricas ou moi referidas ao autóctono, pobriños ignorantes, non fan o mesmo cando de flamenco se fala, que si que é aceptable, que si que vale na televisión. De feito, varias bailadoras de sevillanas dese concurso, nenos palmeadores e guitarristas flamencos pasaron, seica, á gran final.
Porque xa se sabe cal é a doutrina: Olé, olé e olé si. Pero ailaleo, alalalo, non, que é de pailáns.


novembro 25th, 2009 ás 10:57 pm
Basta con fixarnos no tema do sotaque. Cando sae algún actor/presentador con acento galego na TV??? (non vale contar zafias caricaturas pseudocómicas) Hai moito logopeda que se ten forrado a base de eliminar acentos galegos.
Pola contra cantos actores/presentadores lucen o seu explendido graciejo andaluz???
Olé!
novembro 26th, 2009 ás 1:07 am
o mellor e ignorala…por que ela mesma é unha ignorante.Saúdos e apertas
novembro 26th, 2009 ás 3:40 pm
Pois eu si que vin as imaxes, tiven tempo e quixen velas para saber a que viña tanta cousa, escoitei falar de ataque á cultura galega, e a dicir verdade quedei como estaba, eu non vin un ataque á cultura galega, eu vin u anaco de programa aburrido e noxento cun xurado de incompetentes que vive de exhibir a súa ignorancia e de dar o “espectáculo” a costa de quen sexa . É dicir, vin un anaco dun programa como tantos outros.
Coido que nas cousas que teñen que ver co de aquí hai un exceso de hipersensibilidade, que alguén non guste de algo noso, que non o comprenda, non se debería catalogar de ataque. Que eu saiba a música tradicional galega non é super vendas en Galiza, que eu saiba a música das pandereteiras non é o que leva a maioría dos galegos (ti si, seino, cónstame) no mp3. O raro sería que nun programa dese tipo valorasen como se merece o que aínda non valoramos aquí. Que estamos pedindo? Que nos abran os ollos dende fóra?
O enxebrismo hipersensible, chíame. A utilización da lupa como medio de realimentación, tamén. A este tipo de programas tanto ten que se leve un grupo de música tradicional, étnica, pop, heavy, ou o que sexa, a cousa é que se algo-alguén se sae da media xa está, xa deches pé, e a ocorrencia facilona sae soa. Falar en serio das parvadas de alguén é darlle un valor que en principio non tiñan.
Sinceramente, dese anaco de programa que vin, o que me pareceu noxento, vomitivo, pornográfico, foi ver que se estaba xogando con rapaces. Atopo brutal a falta de sensibilidade do xurado tendo en conta as idades das rapazas que concursaban, e atopo indecente que alguén poida expor nun programa desa caste cun xurado sen cualificación de ningún tipo e sen seriedade ningunha a uns menores.
Iso si que me pareceu un ataque, á dignidade, á intelixencia, e á dedicación desas rapazas.
Velaquí vai o meu aturuxo admirado para elas. Estou segura de que todas souberon valorar no que valen as opinións dese xurado. NADA.
novembro 26th, 2009 ás 5:07 pm
Bravo! Concordo plenamente no que dis sobre eses grupos de odiadores profesionais que tanto abundan agora no Fb. Saúdos e ailalelo ailalalo.
novembro 26th, 2009 ás 5:49 pm
Pois ailalelo e ailalalo para tod@s
novembro 27th, 2009 ás 3:09 pm
100 % dacordo con Rosa Ll. Non sabería expresalo mellor.
Un saúdo.
novembro 29th, 2009 ás 1:42 pm
o mellor castigo é a indiferencia
novembro 29th, 2009 ás 5:26 pm
Nin eso