O PESO DA NACIÓN
Publicado por franciscocastro - 22/11/09 at 11:11 pm
Estiven a fin de semana en Oleiros participando no IV Encontro de Escritores Novos que organiza como cada ano a Asociación de Escritores en Lingua Galega. Novo, o que si di novo, eu xa non son, pero tiven a honra de coordenar unha das mesas, concretamente a que titulamos O peso da nación. Os relatores foron Estíbaliz Espinosa, María Lado e Séchu Sende.
Apaixonante as súas exposicións arredor dunha cuestión fundamental para todos os e as que escribimos en galego e que era a cuestión central da mesa: ata que punto, á hora de escribir, segue presente en nós a necesidade de facer país, de escribir unha literatura nacional; ata que punto, en definitiva, á hora de escribir notamos o peso da nación.
Estíbaliz Espinosa fixo unha brillante exposición na que deixou claro que o compromiso de calquera de nós que escribe é innegable dende o intre no que apostamos por este idioma noso minorizado e maltratado. Sen embargo, sinalou que non goza das obras nas que a carga ideolóxica é tan clara que incluso resulta obscena.
Por outra banda, María Lado fixo unha intelixentísima referencia sobre un asunto no que, cando menos eu, non reparara: é obvio que os novísimos (ese era o sentido do encontro, titulado Eu ou nos?) non teñen tan presente o asunto da loita galeguista, en definitiva, o peso da nación á hora de escribir, como xeracións anteriores. O que non quere dicir, por suposto, que non estean comprometidos coa causa dende todos os puntos de vista. A idea que me pareceu brillante foi que, cando xa estaba todo iso superado, de súpeto aparece Gloria Lago e reactívanos a todos na defensa común dun ideario común.
Séchu Sende reivindicou o humor para nos rir de nós mesmos ao tempo que apuntou unha idea ben suxestiva: a pesar do negrísimo que está todo, hai que teimar na idea de facer medrar o número de neofalantes.
Foron dous días de intensísimos debates, públicos e privados, na palestra e arredor dun café ou dun licor, na que unha cantidade grande de escritoras e de escritores novos deste país fixéronnos entender, aos que xa non o somos tanto, que o futuro é ben saboroso e, sobre todo, ben interesante.


novembro 24th, 2009 ás 8:12 pm
Seguro que foi unha fin de semana ben agradable ¿cando vos xuntades os escritores non xorden rivalidades entre vos?, é pura curiosidade, de seguro que iso dependerá da forma de ser de cada un, coma en todo. Pasa neste intre pola miña cabeza Cela o Umbral, escitores que protagonizaron rifi-rafes bastantes arredor da sua obra. Non dubido que a vosa xuntanza foi moito más leda e produtiva.
novembro 24th, 2009 ás 10:10 pm
Sen dúbida. Foi un grupo marabilloso de xente compartindo palabras e experiencias.
novembro 24th, 2009 ás 11:08 pm
[...] outro día falamos durante dous días en Oleiros, entre outras cousas, do peso da nación á hora de escribir. Pesar pesa, pero queremos escribir sen tela sempre enriba. Escritoras e [...]
xaneiro 10th, 2010 ás 10:45 pm
[...] Vaia por diante que eu son dos que leva toda a vida defendendo que o intelectual, o artista, calquera dos que temos unha certa voz pública, debemos ofrecela, xa que nos dan o privilexio de falar en alto, para as causas que consideremos xustas. Durante anos, e ata non hai pouco, había en certos sectores a idea de que o intelectual (imos chamalo así) debíase á súa obra e, xa que logo, non era necesario o seu concurso detrás da pancarta, no altofalante. Sobre algo diso discutimos hai pouco en Oleiros. [...]