INJLIS PITINJLIS NA TVG

Publicado por franciscocastro - 04/11/09 at 09:11 am

teletubbies

Onte, no Faro de Vigo, publicáronme este artigo que vos deixo aquí.

 

'INJLIS PITINJLIS' NA TVG

Cando eu era neno –e xa choveu- faciamos esa brincadeira co asunto do noso descoñecemento do inglés e diciamos que falabamos injlis pitinjlis cando soltabamos pola boca algo que podía parecerse mais ou menos un pouco á lingua de Shakespeare. E iso que eu xa son da xeración que estudou inglés nos colexios e institutos e que, coma tantos, non o aprendeu. Como moito, aprendín a aprobar os exames. E que me perdoen os profes de inglés (teño algún que igual deixa de selo desdpois deste artigo), pero aprender, o que se di aprender, non se aprendía, e seica non se aprende tampouco de todo hoxe. Mais isto, veño oíndo dende que era neno, non lles pasaba aos nosos veciños portugueses. O tópico dicía que eles sabían falar inglés porque como non vían as películas dobradas, senón na súa lingua orixinal, pois daquela xa o aprendían dun xeito natural.

Agora, os responsables da actual programación televisiva da galega queren sacarnos a todos e para sempre do injlis pitinjlis a base de meternos o inglés directamente dende a infancia ao xeito portugués. Sabido é que os cativiños poden aprender calquera lingua con facilidade (por iso os nenos chineses aprenden chino mandarín sen esforzo), e debe de ser por iso, digo, que na galega, a día de hoxe, están a pasar os Teletubbies, ¡no seu orixinal inglés e subtitulado en galego! Lembremos que a serie é para nenos de 1 a 3 anos, é dicir, para nenos e nenas que aínda non saben ler. A cousa, non me digan, é fantástica. Están aínda adquirindo a lingua e, en troques de pasarlles os bonequiños na lingua propia (cando menos a lingua propia da TVG debe de ser o galego) danllo en inglés mais, iso si, coa posibilidade de que lean en galego aínda que non saiban ler porque non poden de pequenos que son.

 

Por se isto fora pouco, achamos que na segunda canle da galega, están a emitir a serie A xuíza Amy tamén en inglés pero aquí, claro, como xa é para adultos e adultas, sen subtítulos en galego (o cal contravén gravemente o Artigo 1º da Lei de Fundación da CRTVG) nin dobraxe de ningunha clase. Porque aquí, injlis pitinjlis sabe todo o mundo así que para que imos dobrar ou subtitular. E para moi pronto está programada a emisión da a serie Dawson´s Creek só subtitulada. Interesante pode ser o dato de que no resto das autonómicas emitiuse dobrada ás linguas correspondentes. En todas.

A cousa é, cando menos, surrealista, disparatada e escandalosa. E pregunto: ¿toleraríase que en La 2 se pasaran series no orixinal inglés sen subtítulos?, ¿toleraríase un programa infantil en Televisión Española para bebés ou case bebés nos que para seguir o argumento se lles esixise saber ler?, ¿ou é que os responsables da TVG coidan que os nosos cativos e cativas son lectores precoces e superdotados?

Oxalá fose algo disto.

Cheira máis a galegofobia pura e dura.

O galego, aos poucos, vai desaparecendo da propia televisión nosa. Non vou perder tempo en explicar o importantísimo labor que a tele desenvolve na creación de conciencias, de hábitos, de pensamentos e de visións do mundo. Que a nosa propia lingua vaia desaparecendo da televisión (xa case que non existe na medida en que hai tropecentasmil canles en castelán e só unha en galego) é algo realmente grave. Alguén debería de facer algo.

Por dignidade e por puro sentido común.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

10 RespostasINJLIS PITINJLIS NA TVG to “”

  1. Ramón Cabanelas di:
    novembro 4th, 2009 ás 7:03 pm

    Pois menos mal que cho publicaron no Faro, iso xa é algo. Eu tamén son da xeración do ijlis pitinglis, aínda que son algo maior ca ti, e o que están a facer é vergoñento,e aqui salvo algúns ninguén protesta, quizáis porque querran modificar a Constitución Española, o Esatatuto de Autonomia e o Artigo 1º da lei da Fundacion da CRTVG, todo a vez ou por partes, quen sabe, e así facer coofcial o Castelán e o Injlés na Galiza, por que o Galego xa está en vías de extinción (segundo eles), pois eu erre que erre que non me peta…..e a seguir falando e escribindo cada vez máis en GALEGO

  2. E Carpente di:
    novembro 4th, 2009 ás 8:45 pm

    O mesmo digo, menos mal que o publicaron, feitos como este son os que fan que non perda a fe, xa verás, en pouco tempo a lingua galega será unha “especie protexida”, xa nos encargaremos de que non nos pete que se perda.

  3. F.Nogueira di:
    novembro 4th, 2009 ás 9:58 pm

    Está ben que de vez en cando lle publiquen artigos a xente que non escribe habitualmente na prensa e non aos de sempre, que non só eles teñen cousas ben interesantes que dicir. Para cando o seguinte?
    Noraboa!

  4. Tweets that mention A canción do náufrago » Arquivo do blogue » INJLIS PITINJLIS NA TVG -- Topsy.com di:
    novembro 4th, 2009 ás 10:17 pm

    [...] This post was mentioned on Twitter by Alberto A. Lugrís, Francisco Castro. Francisco Castro said: 'Injlis pitinjlis' na TVG http://bit.ly/kbsZS [...]

  5. An di:
    novembro 4th, 2009 ás 11:12 pm

    a G2 (ais) que naceu con intención de potenciar a cultura e a lingua galega entre os cativos, está a malograr a moitos nenos que, nin va a aprendelo, nin saben ingles. Xa me caian mal os monecos ises, pero agora peor…empezo a pensar que…mellor paro agora…nunca vin tanta xenreira por a nosa lingua. Saúdos

  6. náufrago di:
    novembro 5th, 2009 ás 9:53 am

    De acordo con todos, pero ollo, os bonecos non che teñen culpa :)

  7. Cris di:
    novembro 8th, 2009 ás 1:03 pm

    Xa non saben como conseguir o do inglés, está claro que “a medida teletubie” non vai dirixida @s cativ@s galeg@s senon os seus pais e nais non e máis que unha parafernalia para cumplir o prometido, para dar sensación de “cumpridor” daquilo que prometeu na campaña electoral por iso a ninguén lle prepocupa se as crianzas o ven ou non, o que lle preocupa a esta xente é amosar as familias que o galego xa dende pequeniños…vamos que fan política populista, ou máis ben “popular”… así sabendo que hai unha canle que xa lles “ensina” inglés a quen lle preocupa se teñen mestres/as abondo nas aulas…xa aprenderán na casa vendo a “galega”…
    A min tamén me parece terible ver telexornais en castelán na G2, iso non é pluralidade é imbecilidade…

  8. náufrago di:
    novembro 8th, 2009 ás 1:57 pm

    Totalmente de acordo, Cris.

  9. A canción do náufrago » Arquivo do blogue » QUE FOMENTEN A DOBRAXE GALEGA di:
    decembro 29th, 2009 ás 10:23 pm

    [...] dun xeito natural e así todo sería mellor e toma e dalle. Claro. Debe de ser por iso que, como comentamos hai pouco, na tele galega comezan a pasar cousas ben raras, como é pasar os Teletubbies en inglés con [...]

  10. A canción do náufrago » Arquivo do blogue » QUERO COMO EN CATALUÑA di:
    xaneiro 16th, 2010 ás 10:51 pm

    [...] falei disto, varias veces. Do efecto positivo que ten a dobraxe en galego sobre a lingua e a súa [...]

Deixa unha resposta