Archive for Novembro, 2009

UN POUCO MÁIS DE MISERIA

29th Novembro 2009 by franciscocastro 9 Comentarios

barça

Parto do feito de que isto que vou escribir vai desgustar a máis de un. Sinto. Ou non, non o sinto. Para iso é a miña opinión, hoxe escandalizada despois de escoitar pola radio que varios cines de Vigo (e dixéronme por aí que tamén na Coruña, pero non teño confirmación do dato), decidiron dar en directo, nas salas, o Barça-Madrid deste domingo. Ou sexa, que colleron un espazo dedicado ao cine para pasarllo ao fútbol. Segundo a crónica radiofónica, cheo absoluto, todo vendido dende había días. Daquela, xa teñen a fórmula para saír da crise e conseguir que a xente acoda ás salas, que non ao cine: en troques de dar películas, que dean partidos de fútbol.

Ou porno en directo, por exemplo. Se do que se trata é de encher a sala…

Xa están as cousas como están para que aínda por riba teñamos que ver como empresas que teñen licenza muncipal para exhibicións de películas (que vén sendo unha actividade cultural) se pasen, tamén, ao pensamento único e obsesivo que nos leva a preocuparnos, só, das accións futboleiras dos profesionais das pelotas (que dubido que poida considerarse actividade cultural).

Paréceme, simplemente, miserable.

Chuzame! A Facebook A Twitter

EXISTE O XORNALISMO DE OPINIÓN?

28th Novembro 2009 by franciscocastro Non hai comentarios

opinion

Igual ando moi prosma co asunto, pero porque me preocupa (ou igual porque botei doce anos facendo regularmente xornalismo de opinión, pero xa non; non hai quen mo pida, tampouco…) que non podo deixar de insistir na importancia dun xornalismo de opinión independente (mais comprometido), que bote algo de luz no medio do ruído, de cada vez máis ruidoso, no que se están a converter os medios de comunicación escritos.

O xornalismo de opinión ten un problema que xa expliquei hai ben pouco, e que se resume en que non están realmente liberados do poder ao que teñen que criticar e pedir contas, porque dependen economicamente deles. En moitos casos, o primeiro cliente publicitario é a administración pública, é dicir, o goberno, co cal, se a opinión do xornal non lles é favorable, córtase o alimento por vía intravenosa e santas pascuas. Isto leva a, como sabemos, censura e, incluso peor, á autocensura. Non falo mal de segundo quen porque pode pasar segundo que cousas.

Sei que me repito, pero isto cuestiona, incluso, o propio concepto de democracia e de liberdade de elección. Por iso animo, e animo, a procurar esas opinións máis libres noutros sitios.

Chuzame! A Facebook A Twitter

NUMERATI

27th Novembro 2009 by franciscocastro 2 Comentarios

camara

O pasado domingo, o suplemento de El País publicaba un impactante texto de Stepen Baker sobre os Numerati, que a pesar de ter nome de secta relixiosa de orixe medieval propia de calquera novela tipo Dan Brown, en realidade é o nome que reciben os matemáticos e enxeñeiros informáticos que traballan para as grandes corporacións multinacionais para ler os nosos correos, ver cando é que falamos polo móbil, que páxinas web visitamos e en que nos detemos máis e, incluso, como camiñamos ou que partes da cidade visitamos máis ou menos. Todo co obxectivo, segundo eles, de ter máis información sobre nós, ofrecernos unha publicidade personalizada e ata -cacho hipócritas- previrnos enfermidades.

Se alguén quere aprobar isto como o que veño de escribir, pois vale, pero, probablemente, o único que se agocha aí, aínda que moi veladamente, é un intento por controlarnos mellor.

E non é por autobombo (a ver: un pouquichiño si) pero este menda lerenda xa escribiu algo sobre iso.

Chuzame! A Facebook A Twitter

MENOS MAL QUE TEMOS OS FACEBOOKS

26th Novembro 2009 by franciscocastro 4 Comentarios

facebook

Contan as crónicas que, durante a presentación hai dúas fins de semana da plataforma, Galego, patrimonio da humanidade, a actriz Tamara Canosa (pola que xa mostrei a miña rendida admiración hai tempo), falou, diante da desgaleguización á que estamos sendo sometidos, do ‘drama da xeración facebook’.

Só podo darlle a razón.

Porque o que quero é dicir que  menos mal que temos o facebook, e os blogs, e os twitter e todas as redes sociais ou toda a Web 2.0. , como vostedes queiran chamala, para darlle ao galego os espazos que nos medios tradicionais se lles negan, para darlle ás opinións favorables ao noso os territorios que noutros lugares se lles rouba.

Como digo sempre, se a Galicia real tivese a forza e a presenza e a constancia da virtual, seríamos un país certamente distinto.

E cando digo distinto quero dicir normal.

Daquela, celebremos que existe todo isto e que podemos, cando  menos, aquí, dicilo, compartilo, espallalo e comentalo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

OLÉ SI. AILALELO, NON

25th Novembro 2009 by franciscocastro 8 Comentarios

flamenco

Non vin as xa famosas imaxes -nin penso, teño moito máis que facer- de Loles León, pobriña ignorante, poñendo verde a unhas pandereteiras galegas que ousaron levar un tema tradicional a un casposo e parvísimo programa de televisión. Algo sabía, porque vía facebook recibín un convite para sumarme a un boicot contra ela que, por suposto, rexeitei. Como rexeito os convites en plan «odio a Gloria Lago» e cousas así, que tamén recibín estes días. Dende hai moitos anos teño claro que non odio, en principio e en concreto, a ninguén. Odiar significa darlle moita importancia a quen odiamos. E estas dúas señoras, respectabilísimas como seres humanos por outra banda (outro asunto son as paridiñas que botan pola boca, pobriñas ignorantes) non merecen o meu odio. Tampouco o meu cariño, que conto moito a quen llo dou.

En calquera caso, o que resulta evidente é que os que nos discriminan nas nosas manifestacións culturais, por folclóricas ou moi referidas ao autóctono, pobriños ignorantes, non fan o mesmo cando de flamenco se fala, que si que é aceptable, que si que vale na televisión. De feito, varias bailadoras de sevillanas dese concurso, nenos palmeadores e guitarristas flamencos pasaron, seica, á gran final.

Porque xa se sabe cal é a doutrina:  Olé, olé e olé si. Pero ailaleo, alalalo, non, que é de pailáns.

Chuzame! A Facebook A Twitter

¿POR QUE LLE TEÑEN MEDO Á NACIÓN?

24th Novembro 2009 by franciscocastro 4 Comentarios

nacion

O outro día falamos durante dous días en Oleiros, entre outras cousas, do peso da nación á hora de escribir. Pesar pesa, pero queremos escribir sen tela sempre enriba. Escritoras e escritores galegos sen máis. Facendo literatura.

Sen embargo, hai outros aos que si que lles pesa moito a nación. Calquera nación que non sexa a española, por suposto.

Porque ao día seguinte dese encontro, os xornais cuspían que o Tribunal Constitucional cargábase do Estatuto catalán o termo nación. E a maioría conservadora dese tribunal aproveitou para manifestar a súa oposición aos símbolos nacionais.

Ese mesmo día, UPyD reuníase para celebrar o seu primeiro congreso e, entre as cousas aprobar unha proposta para non se fale en ningún texto oficial de nacionalidades, senón de comunidades, a secas.

Daquela, os nacionalistas españois, que curiosa paradoxa, téñenlle un medo atroz ao concepto de nación.

Que difícil que o temos, por favor.

Chuzame! A Facebook A Twitter

XA SEI O QUE QUERO PARA O NADAL

23rd Novembro 2009 by franciscocastro 6 Comentarios

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/58FYKKty3a4" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Hai seis meses que finou Antonio Vega, un dos grandes grandísimos da música. Un artista moi completo cunha enorme capacidade para a lírica, como demostran algunhas das súas cancións, coma esta que aquí vos deixo.

Dende sempre, quizais pola miña condición de músico frustrado, gosto moito de ler libros sobre cantantes, grupos, e historias da música rock en xeral. Así, aí atrás, cando me caeron os 43, unha boa amiga apareceume cun volume sobre Leonard Cohen. Ía a tiro fixo. Imposible trabucarse. Hoxe, leo por aí que está para saír o libro Antonio Vega, obras completas (once CDs con todas as cancións, un DVD e un libro de 120 páxinas).

Xa sei, xa que logo, o que quero para o Nadal.

Espero que o Apalpador, ou Papá Noel, ou os Reis Magos ou calquera alma caritativa con cartos, lea este meu blog hoxe.

Chuzame! A Facebook A Twitter

O PESO DA NACIÓN

22nd Novembro 2009 by franciscocastro 4 Comentarios

POLIPTICO-interior

Estiven a fin de semana en Oleiros participando no IV Encontro de Escritores Novos que organiza como cada ano a Asociación de Escritores en Lingua Galega. Novo, o que si di novo, eu xa non son, pero tiven a honra de coordenar unha das mesas, concretamente a que titulamos O peso da nación. Os relatores foron Estíbaliz Espinosa, María Lado e Séchu Sende.

Apaixonante as súas exposicións arredor dunha cuestión fundamental para todos os e as que escribimos en galego e que era a cuestión central da mesa: ata que punto, á hora de escribir, segue presente en nós a necesidade de facer país, de escribir unha literatura nacional; ata que punto, en definitiva, á hora de escribir notamos o peso da nación.

Estíbaliz Espinosa fixo unha brillante exposición na que deixou claro que o compromiso de calquera de nós que escribe é innegable dende o intre no que apostamos por este idioma noso minorizado e maltratado. Sen embargo, sinalou que non goza das obras nas que a carga ideolóxica é tan clara que incluso resulta obscena.

Por outra banda, María Lado fixo unha intelixentísima referencia sobre un asunto no que, cando menos eu, non reparara: é obvio que os novísimos (ese era o sentido do encontro, titulado Eu ou nos?) non teñen tan presente o asunto da loita galeguista, en definitiva, o peso da nación á hora de escribir, como xeracións anteriores. O que non quere dicir, por suposto, que non  estean comprometidos coa causa dende todos os puntos de vista. A idea que me pareceu brillante foi que, cando xa estaba todo iso superado, de súpeto aparece Gloria Lago e reactívanos a todos na defensa común dun ideario común.

Séchu Sende reivindicou o humor para nos rir de nós mesmos ao tempo que apuntou unha idea ben suxestiva: a pesar do negrísimo que está todo, hai que teimar na idea de facer medrar o número de neofalantes.

Foron dous días de intensísimos debates, públicos e privados, na palestra e arredor dun café ou dun licor, na que unha cantidade grande de escritoras e de escritores novos deste país fixéronnos entender, aos que xa non o somos tanto, que o futuro é ben saboroso e, sobre todo, ben interesante.

Chuzame! A Facebook A Twitter

PROTÉXENOS O ARTIGO 30 (nós tamén indíxenas)

19th Novembro 2009 by franciscocastro 6 Comentarios

nativos

Aos que pleitean para que a lingua propia de nós teña que ser allea a nós; aos que reclaman nos tribunais que a fala propia nos sexa impropia; aos que reclaman en nome da liberdade que non sexamos libres para termos os nosos propios nomes, lémbrolles o que di o Artigo 30 da Declaración dos Dereitos do Neno e da Nena:

Nos estados nos que existan minorías étnicas, relixiosas ou lingüísticas ou persoas de orixe indíxena, non se lles negará a un neno que pertenza a tales minorías o dereito que lles corresponde, a ter a súa propia vida cultural, a profesar e practicar a súa propia relixión ou a empregar o seu propio idioma.

Daquela, nós tamén indíxenas.

Chuzame! A Facebook A Twitter

A LINGUA INÚTIL

18th Novembro 2009 by franciscocastro 13 Comentarios

martillo-juez1

Onte un xuíz de Alcorcón dixo que a lingua galega é inútil.

Eu son daquela un inútil. E fago inútiles aos meus cativos, aos meus lectores. A quen me rodea.

Onte, un xuíz dixo algo perfectamente inútil que só pode ser froito da mala fe ou da desinformación. Tamén podería ser obra da intolerancia, pero dou por feito que un xuíz ten xuízo.

Onte, un xuíz dixo que o galego non valía para nada. Que, incluso, pode axudar a marxinalizar unha nena que queren traer a estudar aquí. Daquela, eu son inútil. Saber dúas linguas como aquí se poden aprender é inútil.

Inútil é inutilizar a riqueza porque si. Inútil é quen se ampara na toga para sentenciar e condear. Inútil é seguirmos falando de tanta inutilidade circundante e sentenciosa.

Que a miña lingua é inútil? Será. Como inútil é Michelangelo, a música dos Beatles e os bicos a lume manso a carón da lareira.

Como inútiles son algúns nos seus traballos.

A miña lingua, a non ser que teñas cabeza de «alcorconoque» non é para nada inútil. Como vai selo se sabe dicir amorodo, caloriña e donicela. Como vai ser inútil se vale para dicir de amor e, tamén, para mandar para o carallo a quen o mereza.

Lingua inútil do meu pobo. Eu fáloa porque si. Porque me gosta e me sae da inutilidade toda na que vivo decote. Amándoa. Sentíndoa en min.

Canto inútil solto e eu inutilizado de argumentos.

Chuzame! A Facebook A Twitter