EIRADO

Posted by franciscocastro - 31/10/09 at 10:10 p.m.

eirado_g

Hoxe, a iso das 22.30 horas, a TVG estrea pola súa segunda canle un programa cultural que bautizaron como Eirado. O seu condutor é Pemón Bouzas, un rostro da galega dos de toda a vida. En principio, e a pesar de que Libro Aberto segue a estar nun horario imposible, é unha nova a celebrar.

Porque, nos últimos tempos, non andamos moi cheos de alegrías por todo o que ten que ver coa tele pública galega, en boca de todos nos últimos tempos por iso de poñer os Teletubbies en inglés e sen subtítulos (lembrade: programa para crianzas que aínda non saben ler), ou series directamente en inglés con subtítulos.

Daquela, estamos contentos por este programa que hoxe veremos moi atentos, desexando de corazón que cumpra con todos os obxectivos que nas súas notas promocionais prometen (copio literalmente: Trátase dun espazo dunha hora de duración que se ofrecerá na G2 en horario de máxima audiencia, a partir das 22.30 h, e co que a canle autonómica galega aumentará os minutos dedicados aos contidos culturais.

Así como os espazos culturais da primeira canle están dedicados a un aspecto da cultura, “Eirado” será un contedor de todos eles e neste novo programa terán cabida as artes plásticas, o espectáculo, o cine, as novas tecnoloxías, a literatura, a arquitectura, etc.)

Que teñan, polo ben de todos, boa navegación.

Os comentarios están pechados.