FIRMEZA NA REIVINDICACIÓN DOS NOSOS DEREITOS LINGÜÍSTICOS. ENTREMOS EN CAMPAÑA
Posted by franciscocastro - 28/10/09 at 11:10 p.m.
Hoxe acodín, como un veciño máis, a unha xuntanza con outra xente do barrio para vermos de facer unha plataforma para pedirlle cousas ao alcalde, que nos atenda e tal e tumba e veña e dálle. Os promotores da mesma, xente boa e con gañas de facer que todo mellore, prepararon unha abondosa documentación, toda en castelán. A xuntanza foi ben e creouse unha xestora. Durante a mesma, a xente referíase á rúa polo seu nome en castelán.
Rematado o acto, dirixinme á xestora para lles ofrecer o meu apoio para o que fose. Mais aproveitei para lembrarlles que o único nome oficial da rúa era o nome en galego e que, xa que logo, a Plataforma debía chamarse co nome da rúa en galego. Miráronse entre eles e déronme a razón. Despois, díxenlles que me ofrecía para traducir toda a documentación que xerasen as asambleas, peticións ao concello, e calquera outra clase de material, á nosa lingua, e que esperaba que, no sucesivo, as convocatorias se fixesen nas dúas linguas. Volvéronse a mirar entre eles e dixeron que así sería e que lles parecía ben. Expliqueilles que se querían que fose por unha cara da folla en castelán e pola outra en galego, que non tiña nada que dicir, pero si se o que iamos asinar todos os veciños só estaba en castelán. Non deixei de poñer o meu mellor rostro durante toda a conversa. E volveron darme a razón e quedamos en que así será.
Daquela, comecemos a nosa campaña a prol do galego na práctica. Igual que outros esixen que a cartelería tamén estea en castelán, pidamos que tamén estea en galego. Fagámoslle saber aos do bar que agradeceríamos que a carta tamén estivese en galego, que nós lle damos valor a iso, que para nós é importante. Que saiba o do banco que estaremos encantados de lermos a documentación da hipoteca se nola pasan tamén en galego.
Pasemos ao ataque cívico. Esixamos tamén nós os nosos dereitos. Coa mellor das caras. Sen perder o sorriso. Como que é, que o é, algo lóxico.
Eu xa estou en campaña. ¿Quen se anima?

Outubro 29th, 2009 at 9:40 a.m.
Moi de acordo con todo, coma sempre. Creo que hai salientar sempre o de «mellor rostro», para que quede claro que os galegofalantes esiximos dereitos, por suposto, pero actuamos sempre con exquisita educación. Unha aperta.
Outubro 29th, 2009 at 11:12 a.m.
Hai uns anos fun a un dermatólogo que traballa no ambulatorio de Coia. Entrei falando en galego. El escoitaba atento. Non houbo nada no seu aceno que me indicara que algo estaba indo mal. Empezou a contarme unha historia de que el era tamén médico na privada (en castelán)e algunha batalla máis (debía de ter ganas de falar). Entón, de socato, sáeme un castelanismo no medio da conversa. E el aproveita ese erro meu para dicirme: así, así mucho mejor. No me gusta que me hablen en lenguas muertas. Morta quedei eu con esa «bofetada» que me deu. Contesteille educadamente, claro, pero non souben estar á altura do que me acababa de soltar. Polo menos non á altura non sentido da ofensa. A día de hoxe, arrepíntome de non ter posto unha queixa formal. Súmome á túa proposta. Esixir o galego como dereito.
Outubro 29th, 2009 at 1:38 p.m.
Eu tamén concordo con que deberías crear o grupo en Fb para lle dar máis difusión ao post.
Outubro 29th, 2009 at 1:58 p.m.
Asi como ten que ser, aínda cas veces custa poñer o soriso, pero en fin, eu tamén entro en CAMPAÑA. Cando me incorpore ao meu traballo xa che contarei….pero non me baixo da burra
Novembro 2nd, 2009 at 3:13 p.m.
Moi ben feito. É necesario reclamar con contundencia e educación os nosos dereitos, pero non esquezamos reaccionar se non son atendidos. Que saiban que non pariciparemos, que non compraremos, que relclamaremos… se somos reiteradamente desatendidos. En caso contrario de camiño nos collen a agulla de marear, escóitannos pero non nos fan caso, porque non pasa nada.
Que teñamos todos un bon día.
Novembro 2nd, 2009 at 3:18 p.m.
O mesmo para ti.