QUEREMOS GALEGO. UNHA POSIBLE CRÓNICA (A forza do noso amor non pode ser inútil)

Posted by franciscocastro - 18/10/09 at 09:10 p.m.

8ca37e92d11134d176676fc385e60c288c3b4975

Estou derreado, pero co cansazo froito da tensión máis alegre, rebentado e rouco de berrar na miña lingua para dicir e dicir e dicir que quero a miña lingua e que quero que me deixen querela; escaralladiño todo, coas pernas cansas de estar de pé escoitando as verbas dos amigos e das cen mil almas que quixeron apostar polo que outros pretenden destruír, na súa ignorancia parviña.

Percorrimos Compostela abeizoados polo sol desta primavera imprevista. Unha pancarta sinxela cunha mensaxe sinxela na que o verbo querer non é só unha manifestación de esixencia dun dereito, senón, sobre todo, unha declaración de amor. Porque iso é o que foi o que hoxe vivimos en Santiago e na Quintana: un acto de amor colectivo, de amizade profunda cunha terra, cunha historia, co dicir dos avós e das avoas. Unha xornada cívica, e non redundo, chea de civismo, para que logo digan os que falan de conflito. Noutras manifestacións contra o galego houbo xente. Pouca. Hoxe había multitude. Dúas prazas da Quintana que se encheron para obrigarnos a repetir as cancións, as declaracións, as reflexións en alta voz para que se nos escoitara aló onde teñen, aínda que non queran, escoitarnos.

Ollei caras de ilusión, ollei rostros esperanzados en moitas faces amigas ou descoñecidas. Achei un sentimento de verdade e de coherencia. Quedoume clara a confirmación de que estamos no camiño no que cómpre estar. E fico, insisto, feliz nesta batalla que prefeririamos non ter que librar, coa felicidade que dan os camaradas de sentimento que pelexan, dende o raciocinio e o senso común, na mesma idea cá un.

Especialmente emocionante foron para min algúns momentos: cando inciamos a marcha, sabendo todos os que viñan detrás, moitos máis dos que se soñaran nos días máis imaxinativos; cando Avelino Pousa Antelo, dende os seus 95 anos gloriosos, nos falou cheo de sabedoría e retranca; cando os meus ollos se deitaron nos de tanta rapazada chea de fe: en vós depositamos o futuro; cando as verbas de Manuel María e de Uxío Novoneyra e de Celso Emilio Ferreiro viñeron acariñar os nosos corazóns; cando cantamos o himno…

Escribo a toda velocidade esta pouco ponderada crónica. Para bicarvos dende o teclado do meu ordenador, extensión hoxe da miña emoción intensa. Seguro, tamén, de que esta batalla é imposible que a perdamos. Como se repetiu e repetiu, a forza do noso amor non pode ser inútil.

Chuzame! A Facebook A Twitter

9 ResponsesQUEREMOS GALEGO. UNHA POSIBLE CRÓNICA (A forza do noso amor non pode ser inútil) to “”

  1. Carlos says:
    Outubro 18th, 2009 at 10:14 p.m.

    Non o será! ;-)

  2. Larvós says:
    Outubro 18th, 2009 at 10:25 p.m.

    Esa si que era unha praza ateigada, e non a das convocatorias de GB!!!
    Hoxe si que temos todos un motivo para sermos optimistas.

  3. Carlos Barreiro "Mestre" says:
    Outubro 18th, 2009 at 11:35 p.m.

    Benquerido Fran:
    Tanta razón tes que non podo engadir nada ás túas palabras. Só mandar un BEIXO con profundo sentimento polo que cada xeira diante dos alumnos e alumnas tentamos transmitir… un futuro mellor para unha lingua que neste difícil presente vai agromar dende as raíces dun pasado milenario. Unha lingua de noso para todos e todas NÓS.
    Bicos, bicos.

  4. mariluz says:
    Outubro 18th, 2009 at 11:50 p.m.

    Graciñas por expresar tan ben o que hoxe sentimos en Compostela tantas persoas e con tanta harmonía.

  5. Dulce says:
    Outubro 19th, 2009 at 12:54 a.m.

    O outro día escribiches un poema fermoso, que deixa ben claro o teu amor pola nosa lingua. Hoxe berraches para defenderla. Só podo mostrarte o meu agradecemento. Personas coma ti, son as que fan medrar a nosa terra.

    Bicos.

    Dulce

  6. Manuel Montenegro says:
    Outubro 19th, 2009 at 2:38 p.m.

    A riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respeto e protección. Non o digo eu, nin os manifestantes de Santiago, nin uns cantos Galegos que non tragamos ó Goberno da Xunta. O di o artigo 3.3 da Constitución

  7. A canción do náufrago » Arquivo do blogue » A IMPORTANCIA DE NON DICIR PARVADAS says:
    Outubro 21st, 2009 at 10:12 p.m.

    [...] pasado domingo non puiden ler o xornal. Andaba atarefado. Mais ao chegar a casa, quizais polo día que levaba, os meus ollos quedaron prendados das palabras [...]

  8. A canción do náufrago » Arquivo do blogue » ASÍ SI says:
    Novembro 17th, 2009 at 11:04 p.m.

    [...] pasado domingo, no xornal El País, o ministro de xustiza, Francisco Caamaño, o mesmo que se manifestou con nós, declaraba o tipo de cousas que queremos escoitar no PSOE galego: "A lingua galega [...]

  9. A canción do náufrago » Arquivo do blogue » ESTE DÍA DAS LETRAS DEBE SER UN VERDADEIRO DÍA DAS LETRAS says:
    Agosto 10th, 2010 at 11:07 p.m.

    [...] Día das Letras, ademais de para servir para homenaxear a Uxío Novoneyra (de quen xa tomaramos frase na anterior ocasión reivindicativa), ten que ser un verdadeiro Día das Letras, e a cidadanía ten que volcarse nese acto cívico que [...]