PORQUE QUERO GALEGO, ESCRIBÍN ESTE POEMA

Posted by franciscocastro - 17/10/09 at 09:10 p.m.

GALEGO

A Plataforma Queremos Galego pediume que lera o pasado mércores en Vigo.

Porque quero galego, escribín, en Arantzazu (Euscadi), este poema pensando en mañá.

Esta lingua non quere vivir na favela

porque é lingua lume, lanterna e faro

que nos mantén vivos no ceo, dende o tempo dos avós.

Esta lingua non quere ser suburbio

porque ten unha historia inmensa de séculos luminosos

na parte de atrás

incluso

no sotaque inevitable dos corazóns resentidos que odian á nosa tribo.

Esta lingua non quere habitar nunha cidade estraña

porque está feita a man cos alicerces mansos da xente boa

na que aniñou humilde cando era o tempo dos lobos

as mesmas feras que agora volven

famentas de vinganza

dende o máis escuro das súas escuras covas.

Esta lingua quere ser música

acubillo, calma mol, circunstancia feliz.

Poderedes metela na favela

condeala ao suburbio

obrigala a residir nunha cidade estraña.

Tanto ten.

Ela foi.

Ela é.

Ela será.

Os comentarios están pechados.