A MIÑA CRÓNICA DO GALEÚSCA
Publicado por franciscocastro - 14/10/09 at 10:10 pm
Pasei a fin de semana en Arántzazu, en Euscadi, como un dos membros da delegación galega no Galeúsca.
Xa de volta, só podo dicir que me sinto absolutamente orgulloso do claros que temos os galegos os camiños, da fe no futuro que demostramos diante dos nosos colegas dos outros países, e de como non é doado quitarnos as ganas facilmente.
A nosa delegación, en temas clave como son a proxección da literatura, a difusión da mesma e a súa socialización, amosouse coma un só pensamento (e iso que nada falaramos antes) ao ter ben certo que só dende as novas propostas dixitais, e dedicándolle un tempo e unha enerxía que os medios de comunicación tradicionais non lle van dedicar (cando menos a nós, aos autores en castelán algo máis) imos atopar luz a fin do tunel. Demos alí leccións de vangardismo. Se alguén quixera ver en nós (dende logo non os vascos e cataláns que nos acompañaron, se cadra, certa prensa de Madrid e demasiada prensa galega) un mollo de rancios escritores e escritoras marxinais, non podería ir máis errado. Demostramos modernidade, imaxinación, vida, creatividade e, sobre todo, moita paixón á hora de defender as nosas posicións. Plantementos que, témolo clarísimo, son vieros polos que hai que apostar, fronte da negritude imperante, para sermos unha literatura en igualdade de condicións coas demais do mundo.
O mellor de todo, coma sempre, os compañeiros e compañeiras da delegación: Cesáreo Sánchez Iglesias, o noso presidente, Mercedes Queixas Zas, a nosa secretaria, e o resto, Antía Otero, Fran Alonso, Alfredo Ferreiro, Marcos Sánchez Calveiro, Eva Moreda, Dores Tembrás, Armando Requeixo, Antón Riveiro Coello, Laura Caveiro, Rexina Vega e este humilde servidor. Catro días de intenso debate, de moito traballo, e de moitas ilusións compartidas.
Todas as fotos aquí.


outubro 15th, 2009 ás 2:53 pm
Xa vexo que unha vez máis as galegas e os galegos estivemos á altura. Que saibades que non é novo, a nosa delegación sempre demostrou cohesión, paixón e entrega, dígovolo eu que ademais de pasar polos Galesucas galegos de Pontevedra ou Lugo, viaxei a Lekeitio, Girona e Palma.
Parabéns!
outubro 15th, 2009 ás 4:32 pm
O que resulta cando menos curioso é que, segundo se comenta, as delegacións vascas e catalanas amosaran esa desconfianza cara o soporte electrónico, cando en Galiza os editores parecen confiar nel, de feito as próximas novelas de Suso de Toro e Diego Ameixeiras sairán en e-book en Xerais en novembro. Está claro que somos máis vangardistas, tes razón, náufrago!
outubro 15th, 2009 ás 5:48 pm
Agardemos entón que destas xuntanzas saian verdadeiros proxectos, feitos e realidades e que de verdade potencien as relacións literarias entre as nacións, cousa que non dubido, por certo.
outubro 15th, 2009 ás 6:00 pm
Así é, sen dúbida, a nosa modernidade está máis que clara. A aposta é decidida por todo o dixital.
outubro 16th, 2009 ás 12:11 am
Pois non podo menos que darvos a noraboa por manter ese espírito vivo e dese xeito, como facianas máis visibles, dar a ver o que moitas/os pensamos. Saúdos
outubro 16th, 2009 ás 1:11 am
Para min foi unha honra facer parte dun grupo de galegos tan decidido polo pragmatismo e o compromiso coa arte escrita. Aperta fraterna.
outubro 16th, 2009 ás 9:00 am
Honrados nós, Alfredo,coa túa entusiasta presenza.
outubro 16th, 2009 ás 11:37 am
[...] Francisco Castro [...]
outubro 25th, 2009 ás 10:13 pm
[...] recente Galeúsca no que puiden participar, os colegas vascos e cataláns coincidían con nós en que na nosa [...]