DE QUE LIBRO APRENDICHES ALGO E QUE

Posted by franciscocastro - 03/10/09 at 10:10 p.m.

pensar

Hoxe teño ganas – que xa van meses sen facelo – de vos facer unha pregunta.

A literatura é, tamén, unha forma de coñecemento. E ás veces aprendemos máis sobre o mundo ou sobre nós mesmos lendo unha novela ou reflexionando sobre un poema que descifrando un sesudo ensaio sobre calquera cousa. Así, na miña vida foron centros os libros nos que aprendín cousas esenciais.

Por exemplo (e poñer este non quere dicir que sexa o máis importante), cando lin a Kerouac por vez primeira entendín que na miña vida faltaban as viaxes, outras latitudes, outros mundos e xentes que ver e amar.

Puxen este exemplo pero podería dicir calquera outra cousa. Por exemplo, que cando lin a Borges (tiña dezapoucos) entendín que quería ser escritor.

Agora, tócache a ti.

De que libro aprendiches algo e que.

Chuzame! A Facebook A Twitter

18 ResponsesDE QUE LIBRO APRENDICHES ALGO E QUE to “”

  1. McShuibhne says:
    Outubro 4th, 2009 at 12:20 a.m.

    «O estranxeiro» de Camus. O meu libro de cabeceira. Unha das moitísimas cousas que saquei en limpo: dáme igual o que pense de min a xente mentres sexa consecuente co que quero e o que penso; e que por veces ser ou sentirse estranxeiro está moi pero que moi ben (ás veces é síntoma de que non estás alienado), aínda que te critiquen, te miren mal, che fagan un baleiro, te poñan nun punto de mira… Un non debe moverse por como se move o seu contorno ou o que fan os demais, un non debe opinar dun xeito ou doutro pra sentirse parte dunha manada; un debe moverse por si mesmo, e ás veces un erra, e dos erros apréndese moito, e outras moitas acertas. Eu síntome estranxeiro moitas veces porque non opino ou actúo como os demais desexan que opine ou actúe (a dictadura da opinión, que paradoxo); ou porque digo algo que se malinterepreta porque se di dun xeito ao que non están acostumados os da manada (vexo que cada vez máis a xente entende menos as ironías ou as mensaxes con trasfondo; e quedánse na superficie), pero, sabes que? Dáme igual. Iso aprendín. Por iso estou onde estou: vivindo en liberdade, falando en liberdade, traballando en liberdade… Se non me chista un traballo, os xefes, os compañeiros, pois o deixo; prefiro estar no paro a ser un malpocado, por exemplo. Outro exemplo, e fíxate ben: para algunhas xentes de dereitas son un radical de esquerdas e para algúns de esquerdas son un conservador; para algúns non son todo o galeguista que presuntamente tería que ser segundo os seus criterios e para os do resto de España son un radical independentista. E eu, que penso que son? Que quere dicir todo isto pra min? Pois que son libre cando opino e que actúo en base aos meus propios criterios e non baixo mandatos doutros. E por iso son libre e feliz, mesmo errando.

    Saúdos e apertas dun galego emigrado a Madrid.

    E por certo, os porqués da miña marcha de Galiza teñen moitísimo que ver co que escribín aquí.

  2. DOMY says:
    Outubro 4th, 2009 at 12:51 a.m.

    O Derradeiro Catón de Matilde Asensi espertóu en mín o gusto por ler novela histórica e motivóume a intentar escribir os meus propios relatos históricos. Penso que sexa o libro que sexa, un sempre aprende algo. Saúdos

  3. Daniel Landesa says:
    Outubro 4th, 2009 at 2:14 a.m.

    Sen dúbida Herba Aquí ou Acolá, de maese Cunqueiro, ensinoume a fechar os ollos e evocar ao ler poesía…

  4. náufrago says:
    Outubro 4th, 2009 at 11:16 a.m.

    Boas propostas, as tres. McShuibhne, grazas por todas esas verbas. Eu tamén son estranxeiro. Teimemos na nosa liberdade.

  5. Acuática says:
    Outubro 4th, 2009 at 1:44 p.m.

    Buf! E por onde comezo… Pola Gramática elemental del gallego común de Carballo Calero que, mira ti, publicouse por primeira vez cando nós nacemos, en 1966, e eu paseille as páxinas alá polo 70, 72 e aprendín polo menos unha palabra: «coco», sinónimo de verme. E entón, gustoume tanto que, si, xa o teño contado, alá polo 70, 72 vai e escribo unha obriña de teatro, de dúas páxinas, sobre un coco que se comía o queixo.
    Daquel libro aprendín unha palabra, conscientemente, mais se cadra tamén aprendín, inconscientemente, cal era o meu mundo, o meu idioma e até a miña angueira…

    Moito me gusta cando lle dá por preguntar estas cousas.

  6. Alodia says:
    Outubro 4th, 2009 at 1:56 p.m.

    Seríame difícil ficar con un só. Podería dicir que «20.000 leguas de viaje submarino», porque debeu ser se non o primeiro, dos primeiros libros que lin cando era moi moi noviña, e foi unha invitación a ler, así que o lembro con cariño, igual que «Moby dick» ou «Jane Eyre», tamén dos primeiriños.

    Gustoume ler «A sombra cazadora» de Suso de Toro, porque me introduciu no mundo da leitura en galego, cando estaba totalmente ancorada en Stephen King (tamén de nena). De ai pitando ao «Sempre en Galiza».

    De máis maior, lembro con especial atención «Males de cabeza», de Fran Alonso, porque describía á perfección algo que sempre me interesou, a tolemia nas persoas, que é, que parte ten de sistémica, etc.

    E logo pois «Charenton» de Chus Pato, que me meteu de cheo no mundo da poesía, do que xa non souben saír ;)

  7. A. Martinez says:
    Outubro 4th, 2009 at 4:03 p.m.

    De todos os libros se aprende, recordo cando era mui cativo «cazadores de Alaska» (algo asi) que me enseñou a convivir e amar a naturaleza, tamen «demian» e «sabor a chocolate» pero o importante e poñer a andar a imaxinacion, sin elo calquer lectura e vana. Un agarimoso saudo Francisco e a todos os seguidores de este noso blog.

  8. Gallaecia says:
    Outubro 4th, 2009 at 4:28 p.m.

    Os libros… son tantos os que nos acompañan e resultan imprescindibles…Aínda que ás veces son os autores os que chaman por min… Penso que foi A galiña azul, o primeiro en galego. Os dous de sempre, Merlín e familia, Á lus do candil… Polaroid foi unha auténtica paixón da adolescencia, o Made in Galiza unha grata sorpresa, Calella sen saída a resposta a algunhas inquedanzas…Cartas de inverno unha axuda para convidar os rapaces a desfrutar de ler… Levo na memoria a Tagore, Walt Whitman, Dostoievski, Saramago, Coelho…De todos se aprende. A soñar, a crer, a confiar, a loitar,… a camiñar en definitiva cun libro sempre ao carón. Para vivir.

  9. náufrago says:
    Outubro 4th, 2009 at 5:20 p.m.

    Fermosa escolma a que estamos a facer aquí entre todos…

  10. Fasedoira says:
    Outubro 5th, 2009 at 11:48 a.m.

    Eu sempre quixen ser meiga, menciñeira, sanadora, adivinadora… seino de hai tempo pero Herba Moura de Tresa Moure (sen dúbida o meu libro favorito) confirmoumo…

    ;)

    http://foeminas.lugo.es/2006/diciembre/mullerciclopedia_galego.htm

  11. Larvós says:
    Outubro 5th, 2009 at 12:19 p.m.

    Eu creo ter aprendido algo fundamental coa Metarmorfose de Kafka, aínda que sexa unha interpretación un pouco libre: os demais vennos como nos vemos a nós mesmos. Se te cres unha cascuda, non só te convences ti mesmo de selo, senón que acabas por conseguir que os demais tamén te vexan como tal. Moralexa: unha autoestima saudábel é imprescindíbel para establecer relacións harmónicas. Ou o que é o mesmo: se queres que mude a opinión que os demais teñen de ti, o primeiro que tes que facer é mudar a que ti tes de ti mesmo.

  12. náufrago says:
    Outubro 5th, 2009 at 12:41 p.m.

    Nunca fixera tal lectura da Metamorfose…

  13. Larvós says:
    Outubro 5th, 2009 at 7:52 p.m.

    Coido que aí está o que converte a un libro nun clásico: que sempre se pode interpretar, reinterpretar, e volver a interpretar outra vez.

  14. náufrago says:
    Outubro 5th, 2009 at 10:47 p.m.

    Xa o dicía Calvino: un clásico é o que ten unha mensaxe válida para todas as épocas.

  15. alvarowski says:
    Outubro 6th, 2009 at 3:48 a.m.

    A min marcaronme dous libros: «Matadeiro Cinco» de Kurt Vonnegut, que ensinoume coma a tecnica, a repeticion, o salto no tempo, ainda que ao principio fora compricado logo pagaba a pena por ler tal obra mestra.

    Logo o outro libro foi: «Os perros de Tesalonica» de Kjell Askildsien que deixoume estupefacto coa sua tecnica a coa sua forma de ser: «Non pansa nada, pero por dentro pasan un millon de cousas» e e unha sensacion moi boa de sentir, porque desgarrase toltamente a natureza humana. Cada silencio, cada coma, punto… todo ten un significado.

  16. náufrago says:
    Outubro 6th, 2009 at 9:05 a.m.

    Pois non lin ningún dos dous, pero xa me tarda collelos entre as mans.

  17. vafalungo says:
    Outubro 8th, 2009 at 5:07 p.m.

    Idea Vilariño. Ensinoume a amar a vida.

  18. Vermella Republicana says:
    Outubro 9th, 2009 at 12:52 p.m.

    eu reteño moitos que me ensinaron cousas, pero o Memorial do Convento de Saramago, deixou en min un pouso de relaxación, de tranquilidade, de paz. ás veces parecía levitar, metida no mundo íntimo de Baltasar e Blimunda. entendín que se pode facer un universo moi especial entre dúas persoas. achegoume mais á miña parella. e xa para que falar do sentimento de perda que me quedou na última páxina. Saramago é capaz de facerme levitar sempre.