Archive for Outubro, 2009

EIRADO

31st Outubro 2009 by franciscocastro 5 Comentarios

eirado_g

Hoxe, a iso das 22.30 horas, a TVG estrea pola súa segunda canle un programa cultural que bautizaron como Eirado. O seu condutor é Pemón Bouzas, un rostro da galega dos de toda a vida. En principio, e a pesar de que Libro Aberto segue a estar nun horario imposible, é unha nova a celebrar.

Porque, nos últimos tempos, non andamos moi cheos de alegrías por todo o que ten que ver coa tele pública galega, en boca de todos nos últimos tempos por iso de poñer os Teletubbies en inglés e sen subtítulos (lembrade: programa para crianzas que aínda non saben ler), ou series directamente en inglés con subtítulos.

Daquela, estamos contentos por este programa que hoxe veremos moi atentos, desexando de corazón que cumpra con todos os obxectivos que nas súas notas promocionais prometen (copio literalmente: Trátase dun espazo dunha hora de duración que se ofrecerá na G2 en horario de máxima audiencia, a partir das 22.30 h, e co que a canle autonómica galega aumentará os minutos dedicados aos contidos culturais.

Así como os espazos culturais da primeira canle están dedicados a un aspecto da cultura, «Eirado» será un contedor de todos eles e neste novo programa terán cabida as artes plásticas, o espectáculo, o cine, as novas tecnoloxías, a literatura, a arquitectura, etc.)

Que teñan, polo ben de todos, boa navegación.

Chuzame! A Facebook A Twitter

HISTORIAS ASOMBROSAS PERO VERDADEIRAS 10

29th Outubro 2009 by franciscocastro 3 Comentarios

supermanEsta mañá, a iso das 8.30 subía, como todos os días, a Gran Vía de Vigo cos auriculares postos e escoitando un informativo local. Daquela, deron unha nova relacionada co meu concello, que seica non ía apoiar unha certa e moi solidaria iniciativa cidadá. Para dentro botei unha maldición dirixida a toda a administración local. Preguei o cello e fitei intensamente para un cartel iluminado que o concello puxo para loar as súas propias bondades en plan ‘Cidade que recicla’ e cousas así.

Para a miña sorpresa, fundiuse de repente o cartel e quedou sen luz, como se eu, cos meus superpoderes xerados sen dúbida pola carraxe, coa miña ollada dinamiteira, viñera de estragalo.

Seguín camiñando entendendo o que pasara. Eran as 8.30. O tempo no que se produce o apagado automático de todas as luces da cidade.

Traballei e, arredor das tres da tarde, cando marchaba para casa, pasei de novo por diante do cartel. Dous operarios municipais suaban coma porquiños fedellando no interior do xa non iluminado trebello electrónico, cun mollo de ferramentas despregado, como se estivesen a operalo a corazón aberto, e o desgusto debuxado na cara.

Cando pasei polo seu carón, un deles dicía así:

- Coño, nin que lle botaran un meigallo. Aínda hoxe puxeramos as luces novas. Non entendo como foi que se fundiron todas de golpe.

Chuzame! A Facebook A Twitter

FIRMEZA NA REIVINDICACIÓN DOS NOSOS DEREITOS LINGÜÍSTICOS. ENTREMOS EN CAMPAÑA

28th Outubro 2009 by franciscocastro 6 Comentarios

firmeza

Hoxe acodín, como un veciño máis, a unha xuntanza con outra xente do barrio para vermos de facer unha plataforma para pedirlle cousas ao alcalde, que nos atenda e tal e tumba e veña e dálle. Os promotores da mesma, xente boa e con gañas de facer que todo mellore, prepararon unha abondosa documentación, toda en castelán. A xuntanza foi ben e creouse unha xestora. Durante a mesma, a xente referíase á rúa polo seu nome en castelán.

Rematado o acto, dirixinme á xestora para lles ofrecer o meu apoio para o que fose. Mais aproveitei para lembrarlles que o único nome oficial da rúa era o nome en galego e que, xa que logo, a Plataforma debía chamarse co nome da rúa en galego. Miráronse entre eles e déronme a razón. Despois, díxenlles que me ofrecía para traducir toda a documentación que xerasen as asambleas, peticións ao concello, e calquera outra clase de material, á nosa lingua, e que esperaba que, no sucesivo, as convocatorias se fixesen nas dúas linguas. Volvéronse a mirar entre eles e dixeron que así sería e que lles parecía ben. Expliqueilles que se querían que fose por unha cara da folla en castelán e pola outra en galego, que non tiña nada que dicir, pero si se o que iamos asinar todos os veciños só estaba en castelán. Non deixei de poñer o meu mellor rostro durante toda a conversa. E volveron darme a razón e quedamos en que así será.

Daquela, comecemos a nosa campaña a prol do galego na práctica. Igual que outros esixen que a cartelería tamén estea en castelán, pidamos que tamén estea en galego. Fagámoslle saber aos do bar que agradeceríamos que a carta tamén estivese en galego, que nós lle damos valor a iso, que para nós é importante. Que saiba o do banco que estaremos encantados de lermos a documentación da hipoteca se nola pasan tamén en galego.

Pasemos ao ataque cívico. Esixamos tamén nós os nosos dereitos. Coa mellor das caras. Sen perder o sorriso. Como que é, que o é, algo lóxico.

Eu xa estou en campaña. ¿Quen se anima?

Chuzame! A Facebook A Twitter

QUE LLE DEAN Á GRAN NOVELA GALEGA

25th Outubro 2009 by franciscocastro 11 Comentarios

fabrica

Hoxe, nas páxinas económicas de El País, lemos unha interesante reportaxe sobre Takashi Murakami (nada que ver co escritor), Damien Hisrt e Jeff Koons, artistas contemporáneos que, sen pudor de ninguha clase, botaron a andar grupos de empresas para poñer as súas obras no mercado e así chegar a camta máis xente compradora mellor. O lema é a total submisión ao mercado, co cal, o espírito mesmo da creación e, sobre todo, do creador, ponse entre paréntese ou, directamente, desaparece.

No recente Galeúsca no que puiden participar, os colegas vascos e cataláns coincidían con nós en que na nosa literatura non hai obras de consumo rápido, ao xeito dunha Corín Tellado ou, sen ir tan abaixo, ao xeito dun Código Da Vinci. A causa, e eu nunca reparara niso, é que as nosas literaturas subsistiron sempre na resistencia, na pelexa contra outra literatura máis grande e opresora, o que levou a que dende o inicio da mesma, loitaramos por facer grandes obras, literatura enorme, como se só así se nos puidera tomar en serio e como escritores de verdade. A consecuencia máis inmediata de tal feito é que os nosos lectores teñen que ser xente capaz de gustar dese xeito de escribir. Un público, e espero que se me entenda ben, cun puntiño elitista. E iso no fondo é terrible, porque implica case que aceptar que é imposible chegar a grandes públicos masivos.

Así que por aí debe de vir a teima, eterna, de que alguén escriba a Gran Novela Galega. Sempre dixen que falar diso é o mesmo que recoñecer que todo o que escribimos é pouca cousa.

Así que, por min, que lle dean á Gran Novela Galega.

Escribamos novelas. Das boas, das malas e das regulares. Porque somos unha literatura no mundo.

Coma o resto.

Chuzame! A Facebook A Twitter

UN MEU ARTIGO, PLUMA DE PRATA DA ASOCIACIÓN DE PERIODISTAS DE COMPOSTELA

24th Outubro 2009 by franciscocastro 12 Comentarios

lectura

Hoxe recibín a agradable nova, nun acto fermoso arredor da homenaxe a ese gran xornalista que foi Borobó, de que o meu artigo Borobó despedido fora merecente do segundo premio, é dicir, da Pluma de Prata, no I Certame de Periodismo de Opinión ‘Raimundo García Domínguez, Borobó’ organizado pola Asociación de Periodistas de Compostela.

A pluma de ouro foi para o xornalista Xavier Lama. Presentáronse 51 artigos, así que podo sentirme contento de estar nese segundo posto, sobre todo tendo en conta que hai seis anos que non escribo dunha maneira habitual na prensa escrita.

De seguido, o meu artigo para todos vós (na foto, Xavier Lama lendo o seu traballo gañador; a calva brillante que se ve aí, é a miña):

Este é un artigo simple e pouco elaborado. Directo. Alguén dira: simplista e demagóxico. Tirádeo ao lixo. Este artigo quixera ser coma un Anaco. Que escribo, iso si, pola noite. E que quere falar de Borobó e do xornalismo que facemos hoxe. Ou igual non quero falar diso e do que quero falar é da crise. Da económica e da do xornalismo. Non o sei ben. En calquera caso é un anaco arroutado que nace dunha pregunta: ¿tería cabida un borobó nos medios de comunicación de hoxe en día?

Intúo que non. Entre outras cousas, porque os medios foron literalmente papados por un sistema, hoxe en crise, que os arrastra ao abismo. Por iso agora reclaman –e reciben-  axudas públicas. Tales axudas, inexistentes na época de La Noche (máis ben a Administración facía o posible por dinamitar –e con éxito- certos proxectos xornalísticos), supoñen, ademais dun cepo económico que vencella a supervivencia dos medios aos avatares políticos de cada momento, a vulneración do espírito democrático e de vixía dese propio sistema que paradoxicamente o alimenta. Se Borobó se xogaba a pluma, e non só a pluma, dándolle aire fresco aos rapazolos galeguistas que querían comezar a intervir na realidade, hoxe os medios viven amedrentados diante da posibilidade de non gustar ou molestar a quen detente o poder, e xa que logo, perder certos favores económicos. Así que é imposible deixar de facer outra pregunta, a segunda xa, ¿a quen pertencen hoxe as cabeceiras? Probablemente xa non a un editor ou grupo editor, senón aos que moven os orzamentos públicos. Xa avisei no subtítulo deste artigo que este era un texto crítico coa profesión. A quen lle proa que rañe. É o espírito Borobó que me invade. É o espírito dos vellos xornalistas, que gozaban de respectabilidade e, como consecuencia, de influenza. Hoxe, nas redaccións dos grandes medios fálase sen escrúpulo de que tal ou cal directivo é un home de tal ou taloutro poder político, partidista, ou o que sexa. E así o xornalismo prostitúese e perde nivel. E reláxase todo. Os soldos dos xornalistas para empezar. E o rigor. E por suposto, a credibilidade.

Cando Borobó morreu, todos os sectores xornalísticos, empresariais, políticos (de todos os bandos)… amosaron o seu respecto unánime á súa figura. Porque Borobó vivía na verdade ou, cando menos, nunha certa idea da verdade. Hoxe, o único certo é que Borobó duraría pouco nun xornal dos nosos.

Chuzame! A Facebook A Twitter

¿E PASARÍA ALGO SE ZARA FALASE EN GALEGO?

23rd Outubro 2009 by franciscocastro 7 Comentarios

zara

Todos temos estado algunha vez nun Zara. Eu este mesmo serán. E, coma sempre, alucinando coa megafonía: señorita Blanca, acuda a Woman (pronúnciese guoman), ou, Vanessa, acércate a Basic (pronúnciese beisic).

A miña pregunta é obvia: ¿pasaría algo se Zara decidise expresarse en galego? Xa non só pola megafonía, senón na cartelería e na súa publicidade.

Din os que saben disto que o grupo Inditex é un exemplo a seguir dende o punto de vista empresarial. Zaras hai por todo o mundo. Zara é unha marca de prestixio.

Ao que vou: ¿alguén pensa de verdade que habían deixar de gañar o mundo de cartos que gañan se en troques de dicir woman dixesen muller?, ¿alguén pensa que na Bolsa había irlles peor de saberse que en Galicia (no resto do estado non é preciso, por suposto) se  dirixen aos clientes na lingua propia?, ¿os accionistas fuxirían en masa aínda que os beneficios seguisen medrando?

Estou convencido de que non. Que os que gustan da súa roupa, do seu estilo e das súas maneiras, habían seguir mercando aínda que por megafonía oísen a lingua nosa.

Daquela, resposto: se Zara falase en galego non pasaría absolutamente nada.

A nivel comercial.

Sen embargo, para o país, sería un salto cualitativo importantísimo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

A IMPORTANCIA DE NON DICIR PARVADAS

21st Outubro 2009 by franciscocastro 1 comentario

Luis_Goytisolo

O pasado domingo non puiden ler o xornal. Andaba atarefado. Mais ao chegar a casa, quizais polo día que levaba, os meus ollos quedaron prendados das palabras de Luis Goytisolo na contra de El País: No he aprendido a decir bobadas.

A frase sérveme para tentar abrir un debate que hai anos se pechou, quizais dun xeito un chisco rápido de máis, arredor do compromiso, ou non, do escritor, coa sociedade na que vive e os problemas que nela hai.

Hai quen pensa que o único traballo dun novelista debe de ser escribir novelas. E a realidade é outra cousa que lle compete a outros.

Eu son máis dos que pensa que, dado que temos a oportunidade de falar diante dos outros (falando literalmente ou escribindo nos medios) temos unha certa obriga de darlle voz aos que non a teñen.

Igual soa moi a Maio do 68 pero, xa saben, son un nostálxico.

En calquera caso, e pasados xa ben os corenta anos, confórmome con pedirlle a xente, en especial aos que teñen altofalantes públicos (políticos, deportistas, xornalistas de opinión e, por suposto, escritores) que non diga parvadas.

Con iso xa son feliz.

Chuzame! A Facebook A Twitter

QUEREMOS GALEGO. UNHA POSIBLE CRÓNICA (A forza do noso amor non pode ser inútil)

18th Outubro 2009 by franciscocastro 9 Comentarios

8ca37e92d11134d176676fc385e60c288c3b4975

Estou derreado, pero co cansazo froito da tensión máis alegre, rebentado e rouco de berrar na miña lingua para dicir e dicir e dicir que quero a miña lingua e que quero que me deixen querela; escaralladiño todo, coas pernas cansas de estar de pé escoitando as verbas dos amigos e das cen mil almas que quixeron apostar polo que outros pretenden destruír, na súa ignorancia parviña.

Percorrimos Compostela abeizoados polo sol desta primavera imprevista. Unha pancarta sinxela cunha mensaxe sinxela na que o verbo querer non é só unha manifestación de esixencia dun dereito, senón, sobre todo, unha declaración de amor. Porque iso é o que foi o que hoxe vivimos en Santiago e na Quintana: un acto de amor colectivo, de amizade profunda cunha terra, cunha historia, co dicir dos avós e das avoas. Unha xornada cívica, e non redundo, chea de civismo, para que logo digan os que falan de conflito. Noutras manifestacións contra o galego houbo xente. Pouca. Hoxe había multitude. Dúas prazas da Quintana que se encheron para obrigarnos a repetir as cancións, as declaracións, as reflexións en alta voz para que se nos escoitara aló onde teñen, aínda que non queran, escoitarnos.

Ollei caras de ilusión, ollei rostros esperanzados en moitas faces amigas ou descoñecidas. Achei un sentimento de verdade e de coherencia. Quedoume clara a confirmación de que estamos no camiño no que cómpre estar. E fico, insisto, feliz nesta batalla que prefeririamos non ter que librar, coa felicidade que dan os camaradas de sentimento que pelexan, dende o raciocinio e o senso común, na mesma idea cá un.

Especialmente emocionante foron para min algúns momentos: cando inciamos a marcha, sabendo todos os que viñan detrás, moitos máis dos que se soñaran nos días máis imaxinativos; cando Avelino Pousa Antelo, dende os seus 95 anos gloriosos, nos falou cheo de sabedoría e retranca; cando os meus ollos se deitaron nos de tanta rapazada chea de fe: en vós depositamos o futuro; cando as verbas de Manuel María e de Uxío Novoneyra e de Celso Emilio Ferreiro viñeron acariñar os nosos corazóns; cando cantamos o himno…

Escribo a toda velocidade esta pouco ponderada crónica. Para bicarvos dende o teclado do meu ordenador, extensión hoxe da miña emoción intensa. Seguro, tamén, de que esta batalla é imposible que a perdamos. Como se repetiu e repetiu, a forza do noso amor non pode ser inútil.

Chuzame! A Facebook A Twitter

PORQUE QUERO GALEGO, ESCRIBÍN ESTE POEMA

17th Outubro 2009 by franciscocastro 7 Comentarios

GALEGO

A Plataforma Queremos Galego pediume que lera o pasado mércores en Vigo.

Porque quero galego, escribín, en Arantzazu (Euscadi), este poema pensando en mañá.

Esta lingua non quere vivir na favela

porque é lingua lume, lanterna e faro

que nos mantén vivos no ceo, dende o tempo dos avós.

Esta lingua non quere ser suburbio

porque ten unha historia inmensa de séculos luminosos

na parte de atrás

incluso

no sotaque inevitable dos corazóns resentidos que odian á nosa tribo.

Esta lingua non quere habitar nunha cidade estraña

porque está feita a man cos alicerces mansos da xente boa

na que aniñou humilde cando era o tempo dos lobos

as mesmas feras que agora volven

famentas de vinganza

dende o máis escuro das súas escuras covas.

Esta lingua quere ser música

acubillo, calma mol, circunstancia feliz.

Poderedes metela na favela

condeala ao suburbio

obrigala a residir nunha cidade estraña.

Tanto ten.

Ela foi.

Ela é.

Ela será.

Chuzame! A Facebook A Twitter

A nena entende español?

15th Outubro 2009 by franciscocastro 3 Comentarios

pregunta

Así titulei o meu artigo no dixital de A Nosa Terra esta semana. No intre no que fago aquí ligazón, van máis de trinta comentarios. Nunca un artigo meu xerara tanto debate.

Un debate, por certo, que mantemos, paréceme, no momento exacto, xa que o domingo, e todo o que queremos expresar ese día, xa está a piques de chegar.

Podes lelo aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter