HISTORIAS ASOMBROSAS PERO VERDADEIRAS 9

Posted by franciscocastro - 29/09/09 at 10:09 p.m.

serra

Hai uns días, a media tarde, subín ao coche á altura do Rosal para volverme para Vigo. Como fago sempre, puxen a radio. Cando vou só, non sei conducir sen ela. Pasando dunha emisora a outra, no medio dunha recepción malísima, puxen a Radio Galega. Entre moito ruído, chegoume unha voz de muller con clarísimo acento arxentino:

Yo, aunque no hablo gallego, me parece bien que donen sus órganos.

Fiquei abraiado, claro. Perdeuse a recepción de todo. A miña mente comezou a traballar: ¿que era o que viña de escoitar?, ¿que tiña que ver o galego coa extracción de órganos?, ¿seica o goberno viña de aprobar unha lei pola que aos galegofalantes íaselles extraer algunha parte do seu corpo para doala obrigados?

Obviamente todo aquilo parecíame unha completa parvada froito dunha imaxinación pesimista, a miña, tendente á susceptibilidade perniciosa.

Pasados uns quilómetros, e soportando a taquicardia, conseguín sintonizar de novo a Radio Galega. Mantiñan un debate sobre a doazón de órganos e daquela xa entendín todo: seguramente sairían á rúa preguntarlle a xente e deran cunha señora arxentina que se desculpaba por non falar a lingua na que era preguntada pero que opinaba igual.

Aliviado, cheguei a casa e entrei no garaxe. Parei na planta baixa para ir á caixa de correos. Alguén subiu no ascensor e tiven que esperar a que volvese. Para dentro de min ría das miñas absurdas cavilacións.

Mentres baixaba o ascensor, escoitei con claridade a voz doutra muller expresándose nun fermosísimo galego. Viña falando con alguén. Medio berrando, dicía:

– Que non, que xa poden facerme o que queiran que eu vou seguir igual!

A señora saíu, en efecto, acompañada dun home que turraba da súa cadeira de rodas.

Supoño que non estaban falando da lingua, pero sentín un arreguizo terrorífico ao comprobar que lle faltaba unha perna.

Os comentarios están pechados.