O ALCALDE DE «LA» CORUÑA E O SEU DISPARATE…

Posted by franciscocastro - 27/09/09 at 09:09 p.m.

logo

Nunha estrambótica entrevista publicada hoxe en El País, o alcalde de A Coruña, Javier Losada, teima en esixirlle á Xunta que legalice o topónimo castelán La Coruña.

Disto xa falei hai ben pouco. De feito, é un tema recorrente ao que temos que volver e volver, porque o PP teima e teima de cando en vez en poñerse nesas. Ata o de agora, o PSOE nunca se sumara á reivindicación. Sen embargo, desta volta, e ao igual que o PP e algunhas agrupacións da ultradereita máis casposa, o alcalde de A Coruña e por extensión o PSOE coruñés utilizan como argumento exactamente o mesmo cá eles: Lo desean los coruñeses.

Xa expliquei moitas veces que polo feito de que unha maioría desexe algo non hai porque tomar ese desexo como lei. Se non, poderiamos terminar lexislando a prol de calquera parvada. Os coruñeses – ou os vigueses coma min, tanto ten – podemos desexar o que nos pete. Outra cousa é que o noso desexo teña sentido, se axuste á lei ou ao senso común. Se o alcalde de A Coruña di que hai que facer certas cousas porque o desexan a meirande parte dos cidadáns, intúo que se algún día a meirande parte dos galegos decidiran – por poñer calquera exemplo sen segundas – a independencia do estado español, el, e o seu partido, estarían dispostos a defender esa postura. Lo desean los gallegos, podería dicir.

O PSOE ten un problema co galego. Ou o PSOE coruñés, non sei, porque isto vén da época de Paco Vázquez. E o máis triste, penso, é que nin sequera reivindica isto porque crea firmemente no que esixe con tanta forza, senón porque, como fixo o actual presidente da Xunta durante a campaña aliándose con Galicia Bilingüe, é plenamente consciente de que esa actitude vai darlle votos na súa cidade onde hai amplos sectores que rexeitan o galego con verdadeira fereza.

A cousa é triste. É un completo disparate. É, ademais, un planteamento necio de raíz porque procura rendabilidade electoral.

O peor que ten que aturar a lingua galega, desenganémonos, é aos propios galegos.

( Por certo, a imaxe está tomada do blog do Alcalde, onde di A Coruña. Podería ir cambiando o artigo. Aí non ten que lle pedir permiso á Xunta ).

Chuzame! A Facebook A Twitter

17 ResponsesO ALCALDE DE «LA» CORUÑA E O SEU DISPARATE… to “”

  1. vermella republicana says:
    Setembro 28th, 2009 at 3:54 p.m.

    O que pasa con moitos couruñeses é que teñen un raro complexo. eu coñecín nunha ocasión un neno de uns nove anos que dicía que el non era galego, que era de La Coruña. a min pareceume moi ilustrativo do pensar de moita xente da cidade da María Pita que parecen avergonzarse de ser galegos e queren distanciarse e parecer mais españois por iso. alguén debería decirlles que ser galego é un orgullo, e se queren comprobalo que viaxen polo mundo adiante onde ser galego é garantía de ser boa persoa.

  2. náufrago says:
    Setembro 28th, 2009 at 10:11 p.m.

    Curiosa anécdota, abofé.

  3. Eva Lozano says:
    Setembro 29th, 2009 at 8:11 a.m.

    Que cousas máis raras… Pero non hai unha lei que obriga aos topónimos a ser oficiais na lingua de seu? Que problema terán con isto?

  4. náufrago says:
    Setembro 29th, 2009 at 9:02 a.m.

    O problema ten un nome: votitis, ou necesidade perentoria de manter calquera parvada con tal de que lles dea votos.

  5. E Carpente says:
    Setembro 29th, 2009 at 12:19 p.m.

    Tes moita razón cando dis que o enemigo más grande do galego son os propios galegos. En Ferrol pasa un pouco do mesmo.

  6. náufrago says:
    Setembro 29th, 2009 at 12:22 p.m.

    E en Vigo, e en Pontevedra e…

  7. Pedro says:
    Setembro 29th, 2009 at 2:17 p.m.

    Eu veño a amolar un pouco. Di a primeira comentarista que coñeceu un rapaciño que dicía non ser galego, senon de La Coruña. Eu coñezo ben de xente, e non precisamente neniños, que din non ser españois, senon galegos. A min paréceme o mesmo. É o que ten o das identidades colectivas, que moita xente prefire elexilas conforme aos seus sentimentos. O problema que teñen todos é que o neno ese non deixa de ser galego por non querer selo, y os outros dos que falo tampouco deixan de ser españois, mal que lles pese. No de que o de ser galego é garante de voa persona, en fin…

  8. Manuel Montenegro says:
    Setembro 29th, 2009 at 2:29 p.m.

    Coincido totalmente con Pedro. Un exemplo, quizáis demasiado simple, pero que sirve: Cando a selección de fútbol ESPAÑOLA gañou a Eurocopa, todo o mundo berraba (e incluso cantaba) \YO SOY ESPAÑOL\. Quizáis o máis sensato pra intentar unha convivencia saudable é entender que somos galegos porque somos españois, e españois porque somos galegos.

  9. Un lector says:
    Setembro 29th, 2009 at 3:05 p.m.

    Home, Manuel, non te pases coa túa lóxica peculiar, as relacións de inclusión non funcionan así. Evidentemente, somos españois porque somos galegos. Pero iso de que «somos galegos porque somos españois» e ben menos entendible.

  10. vermella republicana says:
    Setembro 29th, 2009 at 3:13 p.m.

    Pedro, quero suliñarte algo. o rapaciño que coñecín, dicía non ser galego, senon de «La Coruña» non había galego vs español. Na Coruña hai unha identidade supragalega. eles non se sinten igual que os vigueses ou os ourensans, ou… non, eles son de La Coruña.

    en canto ao sentimento, está claro que hoxe en día excepto os galeguismos mais extremos, estamos dacordo que pertencemos ao Estado Espalol, pero lembra que nos somo case como dicía Xavier Alcalá en Código Morse, unha colonia de Espanha. a galeguidade é algo que se leva no corazón e nos sentimentos á marxe das liñas de fronteira. en «La Coruña» este sentimento parece non ter cabida, digo por ese empecinamento en querer cambiar o nome da cidade no que parece estar dacordo a maioría dos coruñeses.
    perdon polo longo da mensaxe

  11. náufrago says:
    Setembro 29th, 2009 at 3:42 p.m.

    Non hai mensaxes longas, en especial cando o debate merece esta clase de reflexións cunha certa profundidade. Alédame ter provocado a discusión.

  12. Boris Tanko says:
    Setembro 29th, 2009 at 4:39 p.m.

    Xa tardaba o Montenegro dando clases de siloxística. Que cruz de home, diormío.

  13. Pedro says:
    Setembro 29th, 2009 at 4:40 p.m.

    Sigo sin ver a diferencia: «La Coruña» vs Galicia, ou Galicia vs España, ven sendo o mesmo ao meu modo de ver. E iso da galeguidade que se leva no corazón e nos sentimentos, pois o mesmo digo da coruñesidade ou da españolidade. Hai coruñeses que non se sinte igual que vigueses ou ourensáns, e galegos que non se sinten igual que andaluces ou murciáns. A mesma cousa. Si un sentimento vale para unha identidade colectiva, vale para as outras. Non hai unha que valga éticamente ou políticamente mais ca outra.

  14. Migueliño das uvas says:
    Setembro 29th, 2009 at 5:01 p.m.

    Completamente dacordo con Pedro

  15. Manu Montenegro says:
    Setembro 29th, 2009 at 6:57 p.m.

    Bueno Lector, eu penso que así é como hoxe en día está integrado o Estado das autonomías no que como Galegos convivimos coas demáis Comunidades Autónomas.

    Boris Tanko, comprendo que che resulte moi difícil dicir que non tes nada que dicir. As miñas clases de siloxística non están a debate.

  16. Fasedoira says:
    Outubro 1st, 2009 at 6:47 p.m.

    dichosos coruñeses, qué hartita me tienen! aunque después de ver que las señoronas coruñesas están recogiendo firmas para que no retiren a Millán Astray de su pedestal, ya nada me asusta de esta ciudad!

  17. náufrago says:
    Outubro 1st, 2009 at 7:47 p.m.

    Tamén está chea de xente marabillosa, coma todas…