ALGUNHAS REFLEXIÓNS ARREDOR DAS XORNADAS DE GALICIA BILINGÜE

Posted by franciscocastro - 12/09/09 at 10:09 p.m.

mentira

Os de Galicia Bilingüe andan estes días de xornadas arredor da liberdade de elección como base do sistema educativo.

Sobre o que vou lendo aquí e acolá, fago as seguintes reflexións:

1.- A base do sistema educativo non pode ser a liberdade de elección. É o estado (xa o dixo Platón hai unha chea) quen ten que educar. Os pais e as nais, baseándose na súa liberdade de elección poderían desexar para os seus fillos calquera burrada. Por exemplo, en troques da separación por sexos, que xa é unha burrada en si, que se separe por orixe nacional, étnica, relixiosa ou, xa no colmo do disparate, que se segrege lingüísticamente. Os alemáns no seu día, exercendo a súa liberdade de elección, puxeron a Hitler no poder.

2.- Sobre o asunto do idioma din que os pais deben elixir. En fin, coido que xa o dixen todo no parágrafo anterior. Se de algo están certos os sociólogos é que dos pais e das nais actuais un non sempre se pode fiar. Renunciaron en moitos casos a educar. Pasan literalmente de atender aos fillos. Resumindo: que deixan moito que desexar. Daquela, ¿que garantías temos de quen van elixir ben? Convertirse en pai ou nai é moi doado. Hai quen nun par de minutos arranxa. Pero o feito de que teñas fillos non garante que o que decidas para eles é o mellor para eles.

3.- Na xornada inaugural falaron da convivencia entre o castelán e o galego. Carafio, empregar a verba convivencia é xa recoñecer que hai un conflito. Mal imos entendernos se partimos destas premisas.

4.- Os xornais que informan destas xornadas falan de que había moita protección policial para defenderse dos ataques radicais. A ver, sentidiño: igual os radicais son os outros, eses que din que en Galicia o castelán non se pode falar en ningún sitio ou que os nenos e nenas saen do ensino en Galicia sen saber a fermosa lingua de Cervantes.

5.- Mágoa que a Deputación de Pontevedra gaste estes cartiños nestas xornadas. Non me parece mal que o fagan. Mais estou certo de que se fose outro o colectivo que pedise o financiamento para xornadas sobre a lingua, non lles caería un can.

6.- E remato: ¿por que os xornais galegos informan tan polo miúdo destas xornadas e, sen embargo, doutras calan? En dúas semanas estarei participando nun debate sobre a lingua galega no ensino organizada pola CIG e estou segurísimo de que non vai saír nada en ningunha parte.

Os comentarios están pechados.