Archive for Setembro, 2009

HISTORIAS ASOMBROSAS PERO VERDADEIRAS 9

29th Setembro 2009 by franciscocastro 5 Comentarios

serra

Hai uns días, a media tarde, subín ao coche á altura do Rosal para volverme para Vigo. Como fago sempre, puxen a radio. Cando vou só, non sei conducir sen ela. Pasando dunha emisora a outra, no medio dunha recepción malísima, puxen a Radio Galega. Entre moito ruído, chegoume unha voz de muller con clarísimo acento arxentino:

- Yo, aunque no hablo gallego, me parece bien que donen sus órganos.

Fiquei abraiado, claro. Perdeuse a recepción de todo. A miña mente comezou a traballar: ¿que era o que viña de escoitar?, ¿que tiña que ver o galego coa extracción de órganos?, ¿seica o goberno viña de aprobar unha lei pola que aos galegofalantes íaselles extraer algunha parte do seu corpo para doala obrigados?

Obviamente todo aquilo parecíame unha completa parvada froito dunha imaxinación pesimista, a miña, tendente á susceptibilidade perniciosa.

Pasados uns quilómetros, e soportando a taquicardia, conseguín sintonizar de novo a Radio Galega. Mantiñan un debate sobre a doazón de órganos e daquela xa entendín todo: seguramente sairían á rúa preguntarlle a xente e deran cunha señora arxentina que se desculpaba por non falar a lingua na que era preguntada pero que opinaba igual.

Aliviado, cheguei a casa e entrei no garaxe. Parei na planta baixa para ir á caixa de correos. Alguén subiu no ascensor e tiven que esperar a que volvese. Para dentro de min ría das miñas absurdas cavilacións.

Mentres baixaba o ascensor, escoitei con claridade a voz doutra muller expresándose nun fermosísimo galego. Viña falando con alguén. Medio berrando, dicía:

- Que non, que xa poden facerme o que queiran que eu vou seguir igual!

A señora saíu, en efecto, acompañada dun home que turraba da súa cadeira de rodas.

Supoño que non estaban falando da lingua, pero sentín un arreguizo terrorífico ao comprobar que lle faltaba unha perna.

Chuzame! A Facebook A Twitter

O ALCALDE DE «LA» CORUÑA E O SEU DISPARATE…

27th Setembro 2009 by franciscocastro 17 Comentarios

logo

Nunha estrambótica entrevista publicada hoxe en El País, o alcalde de A Coruña, Javier Losada, teima en esixirlle á Xunta que legalice o topónimo castelán La Coruña.

Disto xa falei hai ben pouco. De feito, é un tema recorrente ao que temos que volver e volver, porque o PP teima e teima de cando en vez en poñerse nesas. Ata o de agora, o PSOE nunca se sumara á reivindicación. Sen embargo, desta volta, e ao igual que o PP e algunhas agrupacións da ultradereita máis casposa, o alcalde de A Coruña e por extensión o PSOE coruñés utilizan como argumento exactamente o mesmo cá eles: Lo desean los coruñeses.

Xa expliquei moitas veces que polo feito de que unha maioría desexe algo non hai porque tomar ese desexo como lei. Se non, poderiamos terminar lexislando a prol de calquera parvada. Os coruñeses – ou os vigueses coma min, tanto ten – podemos desexar o que nos pete. Outra cousa é que o noso desexo teña sentido, se axuste á lei ou ao senso común. Se o alcalde de A Coruña di que hai que facer certas cousas porque o desexan a meirande parte dos cidadáns, intúo que se algún día a meirande parte dos galegos decidiran – por poñer calquera exemplo sen segundas – a independencia do estado español, el, e o seu partido, estarían dispostos a defender esa postura. Lo desean los gallegos, podería dicir.

O PSOE ten un problema co galego. Ou o PSOE coruñés, non sei, porque isto vén da época de Paco Vázquez. E o máis triste, penso, é que nin sequera reivindica isto porque crea firmemente no que esixe con tanta forza, senón porque, como fixo o actual presidente da Xunta durante a campaña aliándose con Galicia Bilingüe, é plenamente consciente de que esa actitude vai darlle votos na súa cidade onde hai amplos sectores que rexeitan o galego con verdadeira fereza.

A cousa é triste. É un completo disparate. É, ademais, un planteamento necio de raíz porque procura rendabilidade electoral.

O peor que ten que aturar a lingua galega, desenganémonos, é aos propios galegos.

( Por certo, a imaxe está tomada do blog do Alcalde, onde di A Coruña. Podería ir cambiando o artigo. Aí non ten que lle pedir permiso á Xunta ).

Chuzame! A Facebook A Twitter

¿QUE NOS APOSTAMOS?

20th Setembro 2009 by franciscocastro 4 Comentarios

novas

Mañá participarei nunha mesa redonda organizada por CIG-Ensino baixo do título Lingua do ensino. Lingua no ensino.

Aposto o que queirades a que, a pesar de que tamén imos falar da lingua, e do ensino e a lingua, e da lingua no ensino, os medios de comunicación non van facerlle a estas xornadas nin un cacho dun anaco dunha miga do caso que lle fixeron a outras xornadas sobre o mesmo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

O MEU ARTIGO NA VOZ DE GALICIA SOBRE OS BEATLES

19th Setembro 2009 by franciscocastro 5 Comentarios

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/BD3ovfZXO5Q" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Hoxe, no suplemento Culturas de La Voz de Galicia publicaron unha dobre páxina arredor dos Beatles polo asunto da remasterización e tal.

Ademais dun repaso pola súa discografía publicouse un artigo de Andrés Calamaro e outro meu.

Como non está na rede o suplemento, déixovolo aquí.

POR MIN QUE REMASTERICEN O QUE LLES PETE


Nacín 58 días despois de que os Beatles deixaran de tocar en directo. E a pesar de que non vivín ese instante, dóeme esa ruptura a diario. E sei que romperon e que nunca volveron xuntarse e que dous deles están mortos, mais aínda soño con velos en directo ou que McCartney me pide que substitúa a George coa solista. Porque eu soño o que me dá a gana.

Agora, para facernos pasar por caixa, volven remasterizados, é dicir, limpos de morralla. Mais isto é unha mágoa que non me emociona. Porque como levo escoitándoos eight days a week dende antes incluso de ir á escola, xa os remastericei millóns de veces na miña cachola, e polo tanto sei que xa os escoitei tal e como soaban no Cavern Club ou alá onde tocasen, e seino con tanta forza e con tanta verdade que estou disposto a partirlle os dentes a quen me diga que desvarío. Ademais, eu non quero que me remastericen as imperfeccións que fun descubrindo co paso do tempo (por exemplo que unha micromillonésima antes de que comece a soar Love me do se escoita o ruído do prato da batería de Ringo. Escapóuselle a George Martin. Igual na remasterización xa non está. Peor).

Eu o que quero é que os resuciten. E que non se separasen. Pagarei pola nova remasterización, claro. E seguirei soñando. Que seguen xuntos. Ou que me cae un lóstrego e que aparezo en Liverpool, nos anos 40 do século pasado, e que o meu veciño é un tal John á procura dalgún colega que, coma min, saiba tocar a guitarra para facer un grupo. Xa avisei: eu soño o que me dá a gana.

Chuzame! A Facebook A Twitter

MENOS MAL QUE TEMOS INTERNET

18th Setembro 2009 by franciscocastro 6 Comentarios

internet

Menos mal que temos Internet. Que nos fai visibles. Falo da cultura, da nosa, da que se fai na nosa lingua. Ás veces penso o bo que sería (utopía, utopía, utopia) que os xornais escritos, que as teles, que as radios, que os medios de comunicación que adoitamos cualificar como tradicionais lle concederan á nosa lingua, á nosa cultura, aos nosos creadores, a metade da visibilidade que na blogosfera conseguimos ter.

Así que debemos de bendicir este invento, e as redes sociais, e as arrobas e a nai que as botou, porque grazas a el dicimos o que pensamos, damos a coñecer o que facemos, debatemos sobre o que nos preocupa, chegamos a moitísima máis xente da que probablemente teriamos chegado se tiveramos que recurrir ás canles de sempre e, para felicidade do soño colectivo, temos a pura e bendita impresión de que, cando no menos no Reino do Virtual, no País Galego Electrónico, as cousas son normais.

Chuzame! A Facebook A Twitter

O LIBRO SI. A PELÍCULA NON.

17th Setembro 2009 by franciscocastro 9 Comentarios

profesora

Hoxe comezaron os sufridos docentes (dediquei dezanove anos da miña vida ao ensino, e sei ben do que falo) as clases en secundaria. Daquela, é o tempo para escribir o que vén máis abaixo.

Dende hai uns anos, moitos en realidade, hai profesores e profesoras que levados, sen dúbida por moi nobles motivos, «apoian» as lecturas con aparataxe audiovisual. Quero dicir, que lles poñen a película, se a hai. Dalgunha maneira, coidan que así a historia que conta o libro vai chegarlles mellor, e poida que leven razón. Outra cousa é que iso teña que ver co fomento da lectura ou do gusto polos libros.

Non vou dedicar enerxía, que ando canso de máis a estas horas que escribo, en demostrar que cinema e literatura son cousas moi distintas aínda que determinadas obras se titulen igual. As películas baixan ben, sobre todo se teñen efectos especiais chulos. Os libros implican un esforzo que, seica, xa non todos os estudantes están dispostos a facer.

Ese tipo de prácticas, por certo, case que non se estilan na primaria. Supoño que se fan na secundaria, entre outras cousas, porque os adolescentes, nesa etapa das súas vidas, teñen outra clase de intereses.

O que hai que facer é contaxiar o gusto pola lectura, que lean os libros. Sen imposicións, por suposto. Pero non tirar polo camiño doado da sedución audiovisual. Para iso, é esencial que o docentes escollan ben. Libros axeitados ás súas idades e aos seus intereses. Libros para ser lidos porque teñen valor de seu.

O traballo é moito máis complicado. Pero, sen dúbida, é moito máis importante.

Chuzame! A Facebook A Twitter

O QUE IMPORTA E O QUE NON IMPORTA

13th Setembro 2009 by franciscocastro 11 Comentarios

shakira

Ler o xornal, ás veces, é todo un exercicio de estupefacción. De espanto. De incredulidade.

Ou quizais de hipocrisía. Ou de irresponsabilidade.

Eu que sei.

En El País de hoxe, na edición galega, lemos unha interesante e completa entrevista co Presidente da Xunta. Entre outras cousas sinala que subirá os baremos para as axudas aos libros cando a crise retroceda. Xa se sabe: é culpa da crise, non é que nós axudemos menos. É que non hai cartos.

O que pasa é que un ten memoria. E recorda os miles de euros, moitísimos, que esta Xunta gastou na publicidade relacionada coa tristeira enquisa, para que todos a cubrísemos.

Daquela, hai cousas que se consideran importantes (que os pais e as nais participen na enquisa para derogar o Decreto do Galego no ensino) e cousas que non o son (axudar ás familias con baixos recursos).

E no mesmo xornal, un par de páxinas máis adiante, infórmasenos dun constructor de Soutomaior que seica gasta unha porrada de millóns de euros en traer ás festas da súa aldea a artistas como Shakira, Bustamante, Rosana, a Pantoja ou Camela. Págao todo do seu peto, faltaría máis.

Pero na mesma reportaxe se nos lembra que despediu a 35 dos seus 50 obreiros pola crise. Xa se sabe: todo é culpa da crise. Iso si, nos orzamentos da festa non baixou nin un céntimo de euro.

Daquela, hai cousas que si son importantes (as festas) e outras que non o son (os postos de traballo).

Que cansazo…

Chuzame! A Facebook A Twitter

ALGUNHAS REFLEXIÓNS ARREDOR DAS XORNADAS DE GALICIA BILINGÜE

12th Setembro 2009 by franciscocastro 4 Comentarios

mentira

Os de Galicia Bilingüe andan estes días de xornadas arredor da liberdade de elección como base do sistema educativo.

Sobre o que vou lendo aquí e acolá, fago as seguintes reflexións:

1.- A base do sistema educativo non pode ser a liberdade de elección. É o estado (xa o dixo Platón hai unha chea) quen ten que educar. Os pais e as nais, baseándose na súa liberdade de elección poderían desexar para os seus fillos calquera burrada. Por exemplo, en troques da separación por sexos, que xa é unha burrada en si, que se separe por orixe nacional, étnica, relixiosa ou, xa no colmo do disparate, que se segrege lingüísticamente. Os alemáns no seu día, exercendo a súa liberdade de elección, puxeron a Hitler no poder.

2.- Sobre o asunto do idioma din que os pais deben elixir. En fin, coido que xa o dixen todo no parágrafo anterior. Se de algo están certos os sociólogos é que dos pais e das nais actuais un non sempre se pode fiar. Renunciaron en moitos casos a educar. Pasan literalmente de atender aos fillos. Resumindo: que deixan moito que desexar. Daquela, ¿que garantías temos de quen van elixir ben? Convertirse en pai ou nai é moi doado. Hai quen nun par de minutos arranxa. Pero o feito de que teñas fillos non garante que o que decidas para eles é o mellor para eles.

3.- Na xornada inaugural falaron da convivencia entre o castelán e o galego. Carafio, empregar a verba convivencia é xa recoñecer que hai un conflito. Mal imos entendernos se partimos destas premisas.

4.- Os xornais que informan destas xornadas falan de que había moita protección policial para defenderse dos ataques radicais. A ver, sentidiño: igual os radicais son os outros, eses que din que en Galicia o castelán non se pode falar en ningún sitio ou que os nenos e nenas saen do ensino en Galicia sen saber a fermosa lingua de Cervantes.

5.- Mágoa que a Deputación de Pontevedra gaste estes cartiños nestas xornadas. Non me parece mal que o fagan. Mais estou certo de que se fose outro o colectivo que pedise o financiamento para xornadas sobre a lingua, non lles caería un can.

6.- E remato: ¿por que os xornais galegos informan tan polo miúdo destas xornadas e, sen embargo, doutras calan? En dúas semanas estarei participando nun debate sobre a lingua galega no ensino organizada pola CIG e estou segurísimo de que non vai saír nada en ningunha parte.

Chuzame! A Facebook A Twitter

A ERA QUE NON ERA

11th Setembro 2009 by franciscocastro Non hai comentarios

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/eYKY2lpxMg8" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Así titulei o meu artigo hoxe en A Nosa Terra dixital.

Podédelo ler aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

ALGO TEMOS QUE ESTAR FACENDO MAL (UN POST CON VOCACIÓN DE POLÉMICO)

9th Setembro 2009 by franciscocastro 14 Comentarios

mal

Algo debemos de estar facendo mal. Rematadamente mal. Os que nos movemos na lingua, na cultura, na defensa do noso e todo iso. Porque non damos saído do guetto. Non damos chegado á gran maioría da xente. Moitos galegos e galegas siguen véndonos como extraterrestres medio fóra do mundo.

Nos últimos tempos fálase, e moito, de que as redes sociais (facebook, twitter, os blogs, etc…) romperon o monopolio unidireccional do fluxo da información, de xeito que a cidadanía (e é certo) ten tomado o protagonismo. Claro que si. Gobernos que censuran novas o ideas ou proxectos non poden evitar que os disidentes protesten e se organicen dende a rede , que vén sendo asío unha ventá aberta pola que fuxir e chegar a moitas persoas para conciencialas.

Certo e indiscutible. Eu mesmo teño defendido con paixón isto moitas veces. E seguirei facéndoo porque o creo firmemente. E por iso fago o que fago.

Sen embargo, no que ao galego e a lingua e a literatura e a música galega e todo o galego en xeral, para non poñerme exhaustivo e resumir moito, se refire, algo debemos de estar facendo rematadamente mal. Porque a miña sensación é que todo isto remata sendo moi endogámico. Quero dicir que os que nos lemos, nos comentamos, nos facemos amigos no facebook, os que nos escandalizamos diante de determinados disparates, os que asinamos determinados manifestos, etc, somos un grupo máis ou menos pechado que nunca, ou case que nunca, é quen de traer xente de fóra para o noso rego. Sei positivamente que o 95 por cento dos blogs que visito, que o 95 por cento da xente que sego no facebook ou no twitter, sei, digo, que vou estar case que seguro de acordo con eles.

Do que se trata é de que esa señora que non fala galego, que, de feito, lle importa un pemento o asunto, entenda que os galeguistas non somos o demo. Do que se trata é de que ese pensionista que leva toda a vida votando aos que gobernan (e sempre viu gobernar aos mesmos aínda que co traxe mudado), entenda que se pode defender o propio e ademais ser un tipo con intelixencia. E iso ou non o conseguimos ou non nos sae ou nos costa un  mundo.

Mentres non consigamos atraer para a nosa causa de país a quen nin sequera o plantea dentro da súa cabeza, non vai servir practicamente nada do que fagamos, de nada.

E ollo: este non é un post pesimista. Todo o contrario. Pretende sinalar o que estamos a facer mal dende o convencemento de que nesta loita hai que seguir teimando. Pero hai que ver como chegarlle, tamén, ao resto, aos que non son coma nós, ou sexa, aos que non están xa convencidos antes de comezar o debate.

Chuzame! A Facebook A Twitter