APAGAR A TELE. ABRIR UN LIBRO

Posted by franciscocastro - 30/08/09 at 10:08 p.m.

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/z_AN_DgeRfs" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Onte cheguei tan estragado da miña anticipada Operación Retorno (mañá volvo ao traballo: pilas cargadas e corazón contento diante dun trimestre que promete. Xa vos contarei) que unha vez gardado todo, postas lavadoras, etc., caín morto de cansazo diante da televisión. A astenia ten este tipo de cousas: váleche o primeiro que boten. Meu fillo máis grande chegou a unha de Jim Carrey nunha das súas películas todas iguais. Neste caso, era Un tolo a domicilio, que vén sendo unha especie de crítica (como na si que xenial, tamén el, O show de Truman) a unha sociedade que vive totalmente obsesionada co lixo que botan pola televisión.

Non vou contarvos a película porque é unha parvada. Pero si unha das escenas finais.

Nun instante supremo para todos, cando por fin se vai coñecer o veredito dun xuízo deses que na tele estadounidense dan en vivo, a televisión por cable estrágase. Amósanse as caras de espanto de todos os televidentes en todas as casas pois quedan sen saber se ese fulano que se converteu en estrela mediática é culpable ou inocente.

Un deles, despois de botar unha maldición, e dado que non ten tele, apágaa e olla ao seu redor. De súpeto, descobre un libro. Ábreo. Comeza a ler. Pon un aceno de agrado. E exclama:

– ¡Anda!

A lección é clara: se dedicásemos a ler a metade das horas que dedicamos a ver parvadas na televisión, leriamos unha morea de libros ao ano.

Outra lección: non hai película, por parva que sexa, que non poida aprendernos algo importante.

Os comentarios están pechados.