HISTORIAS ASOMBROSAS PERO VERDADEIRAS 8

Posted by franciscocastro - 19/08/09 at 09:08 p.m.

felicidade

Hoxe, cando saía do súper do barrio, absolutamente cargado e baixo dun sol pesadísimo, un tipo baixou dun coche. Con acento de fóra preguntoume como ir cara Ourense. Pousei as bolsas para explicarlle que era doado. De feito, estaba practicamente ao carón da entrada da autovía. Deume as grazas e, con grande esforzo, collín de novo as bolsas.

Non me deu tempo a dar nin dous pasos cando unha señora me preguntou por un número da rúa na que estaba. Pousei as bolsas para explicarlle que estaba moi preto. Todo recto por esta beirrarúa e contra da metade. Deume as grazas e, con grande esforzo, recollín de novo as bolsas.

Decidido xa a apurar para chegar á casa e soltar todo aquel lastre que estaba a esgazar as miñas xa retortas costas, achegóuseme unha rapaza fermosísima, sorrindo.

– Seica ti sabes onde está todo.

Soltei as bolsas, alucinado, pampo. En realidade, cortadísimo.

Non contestei pois foi ela quen seguíu falando:

– Daquela igual sabes por onde se vai á felicidade.

O silenzo foi todo o que conseguín pronunciar. O silenzo e agasallarlle cunha absurda, imaxino, cara de parvo.

Marchou, claro. Eu recollín as bolsas. O sol decidiu subir, porque si e para castigarme, dez ou quince graos.

Achegueime a casa preguntándome por que non tería ido con ela da man.

Igual ela si que sabía todo.

Os comentarios están pechados.