LECTURAS DE VERÁN: ‘JOHN LENNON: LA LEYENDA’

Posted by franciscocastro - 16/08/09 at 09:08 p.m.

lennon-la-leyenda

Os que me coñecen saben que é moi doado acertar á hora de facerme un agasallo. Abonda con ir buscar o último libro que teña saído sobre o asunto beatle e xa estou feliz. Libros como por exemplo este que hoxe vos recomendo e que veño de rematar aproveitando as vacacións. O seu título é Lennon: la leyenda e o autor e comisario da exposición que lle deu orixe, o exeditor de Rolling Stone James Henke.

É un libro que é moito máis que un libro. Porque a parte do CD cunha longa entrevista con Lennon e o Imagine en directo, sobre todo vén cheíño de reproducións facsímile de letras de Lennon dende a primeira época dos Beatles ata o final, debuxos, carteis (como por exemplo o do mítico concerto dos Quarrymen no que John e Paul se coñeceron) cadernos escolares e.. en fin, unha morea de detalles que farán a delicia de calquera e que percorren toda a vida e a obra do músico de Liverpool. Na meirande parte dos casos son obxectos que eu sabía que existían pero que nunca vira diante. Un detalle importante a ter en conta é que están reproducidos, todos, a tamaño real, co cal a maquetación do libro é realmente espectacular e todas e cada unha das páxinas ofrece algún detalle interesante.

Unha alfaia absoluta para amantes de Lennon ou, simplemente, para quen queira profundar nun dos nomes importantes da música do século pasado.

Os comentarios están pechados.