AS LINGUAS NON SE MOLESTAN
Posted by franciscocastro - 12/08/09 at 09:08 p.m.
Hoxe, a miña pequecha de ano e medio deu toda unha lección de sociolingüística no bar ao que a súa nai e irmán e eu acudimos con moita frecuencia.
Unha muller, engaiolante e amabilísima, que tamén vemos decote no mesmo bar, achegouse a facerlle un par de aloumiños á cativa. Verbas amables nun castelán caribeño delicioso. Que guapa ereh mi hijah; pero que ojasos má lindo que tieneh. Unha dozura. Mais de súpeto, parou para facer unha pregunta clave:
- Me entiende?
Diante da cara de estrañeza que puxemos os outros tres, a muller, dende a máis profunda e sincera inocencia aclarou:
- E que como ustede ziempre le hablah en gallego, pueh no ze zi entiende.
Cando xa ía responder, aínda que sen saber moi ben que lle dicir, a muller sacou unha galdrumada do seu bolso.
- ¿Quieres un caramelo?
Reparade en que non foi necesario dicir Queres unha galdrumada? ou Vaiche un doce? ou algo similar.
A pequecha estendeu a man e colleu a galdrumada.
A pequeña viña de demostrar os beneficios do bilingüísmo.

Agosto 13th, 2009 at 2:52 a.m.
É o que ten o saber linguas e o ser larpeira XD Saúdos
Agosto 13th, 2009 at 1:51 p.m.
Que crianza non aprende idiomas se hai galdrumadas polo medio?
Agosto 13th, 2009 at 10:53 p.m.
A nena é moi lista de dios, iso ninguén o discute
Agosto 19th, 2009 at 11:46 a.m.
[...] Veja-se este delicioso episódio de comunicação: Hoxe, a miña pequecha de ano e medio deu toda unha lección de sociolingüística no bar ao que a súa nai e irmán e eu acudimos con moita frecuencia. (in A canción do náufrago) [...]
Outubro 1st, 2009 at 7:33 p.m.
Este post es «de-li-cio-so»