Archive for Agosto, 2009

BUSCO SPA LITERARIO

31st Agosto 2009 by franciscocastro 5 Comentarios

aeroporto

Leo nos xornais que o aeroporto de Heathrow, en Londres, decidiu nomear ao escritor suízo Alain de Botton como autor residente con todo pago nas instalacións, para que así poida recoller material para o seu vindeiro libro.

Velaí a demostración do pobre que é aínda a nosa literatura.

Eu, animando aos sectores empresariais a axudar a poñer as nosas letras á altura das demais, informo de que teño ganas, moitas, de escribir unha novela que transcorra, toda ela, nun spa de luxo. Xa que logo, animo ás empresas correspondentes a que o pensen e me dean unha bolsa como autor residente. Informo, de paso, que preciso como un ano ou así para documentarme.

Agardo novas.

Chuzame! A Facebook A Twitter

APAGAR A TELE. ABRIR UN LIBRO

30th Agosto 2009 by franciscocastro 4 Comentarios

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/z_AN_DgeRfs" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Onte cheguei tan estragado da miña anticipada Operación Retorno (mañá volvo ao traballo: pilas cargadas e corazón contento diante dun trimestre que promete. Xa vos contarei) que unha vez gardado todo, postas lavadoras, etc., caín morto de cansazo diante da televisión. A astenia ten este tipo de cousas: váleche o primeiro que boten. Meu fillo máis grande chegou a unha de Jim Carrey nunha das súas películas todas iguais. Neste caso, era Un tolo a domicilio, que vén sendo unha especie de crítica (como na si que xenial, tamén el, O show de Truman) a unha sociedade que vive totalmente obsesionada co lixo que botan pola televisión.

Non vou contarvos a película porque é unha parvada. Pero si unha das escenas finais.

Nun instante supremo para todos, cando por fin se vai coñecer o veredito dun xuízo deses que na tele estadounidense dan en vivo, a televisión por cable estrágase. Amósanse as caras de espanto de todos os televidentes en todas as casas pois quedan sen saber se ese fulano que se converteu en estrela mediática é culpable ou inocente.

Un deles, despois de botar unha maldición, e dado que non ten tele, apágaa e olla ao seu redor. De súpeto, descobre un libro. Ábreo. Comeza a ler. Pon un aceno de agrado. E exclama:

- ¡Anda!

A lección é clara: se dedicásemos a ler a metade das horas que dedicamos a ver parvadas na televisión, leriamos unha morea de libros ao ano.

Outra lección: non hai película, por parva que sexa, que non poida aprendernos algo importante.

Chuzame! A Facebook A Twitter

GRUPIES DE ANDAR POR CASA

25th Agosto 2009 by franciscocastro 1 comentario

baile_festas

O pasado sábado, no Faro de Vigo, publicaron unha curiosa reportaxe sobre os clubs de fans, realmente espectaculares e numerosos, que teñen algunhas orquestras galegas. Xa quixeran Carlos Baute e outros polo estilo ter os seguidores que teñen algúns grupos galegos.

Eu publiquei, no ano 1997, unha novela, que mereceu o Lueiro Rey de Novela, que titulei Play Back e no que, coido, me ocupei do fenómeno das orquestras galegas de verbena por vez primeira na literatura galega. O libro foi editado, por certo que pesimamente, polo Servizo de Publicacións da Deputación de Pontevedra, nunha edición que non se distribiu practicamente e da que, cando preguntei, uns anos despois, que pasara con ela, se me informou de que non había exemplares no almacén.

Esa novela foi, para min, moi importante. De feito, e aínda que xa tiña algún libriño publicado, a raíz dese premio comecei, de verdade, a sentirme escritor.

Chuzame! A Facebook A Twitter

BORGES 110

24th Agosto 2009 by franciscocastro 6 Comentarios

jorge-luis-borges

Tal día coma hoxe nacía hai 110 anos Jorge Luis Borges. Ben sei que con el non hai medios tempos: ou ben o adoras ou ben che produce noxo. Non sei de ninguén que lle guste un pouquiño ou algo. Os borgeanos, aínda que haxa moito que nos separamos de boa parte das súas estéticas, serémolo para sempre. Aos que non lles entrou polo ollo dereito a primeira vez, xa non vai entrarlles nunca.

Unha das poucas cousas das que podo presurmir e con orgullo, como lector, é de ter lido a Obra Completa de Borges antes dos 20 anos. Durante un tempo, contaxiou o meu xeito de escribir (sei de moitísima xente á que lle ten pasado o mesmo); despois, andando os anos, atopei, ou iso espero, o meu propio camiño estilístico.

110 anos despois seguimos reivindicando a Borges. Poucos coma el foron quen de atopar unha voz tan propia e poderosa. Quizais iso sexa o mellor que se pode aspirar a que che digan cando te dedicas á literatura.

Chuzame! A Facebook A Twitter

CIDADE DA CULTURA MANUEL FRAGA IRIBARNE

23rd Agosto 2009 by franciscocastro 2 Comentarios

cidade

Hoxe, en varios medios de comunicación galegos, Manuel Fraga Iribarne declara que os responsables políticos farían ben se decidiran poñerlle o seu nome á Cidade da Cultura. Sen dúbida, o senador non sabe que non é de moi boa educación ir pedindo recoñecementos, pero en fin.

Non é diso do que quero falar, senón da curiosa dobre maneira que algúns políticos teñen de entender a palabra «ideoloxizar».

Seica as Galescolas ideoloxizaban (a bandeira galega e, sobre todo, ¡ouh anatema!, ¡vade retro, Satanás!, falábase todo en galego) pero darlle o nome a unha institución que, segundo se declara, quere ser referente mundial no que a cultura se refire, dun antigo ministro dun dictador fascista e criminal, que ademais fundou un partido político concreto, iso, seica, non é facer ideoloxía.

Aínda van atreverse…

Chuzame! A Facebook A Twitter

¿POR QUE RECIBEN SUBVENCIÓNS OS XORNAIS GALEGOS?

21st Agosto 2009 by franciscocastro 1 comentario

cartos

Magnífico artigo o de hoxe no Xornal de Galicia de Antón Reixa. Nel, formula, entre outras moitas cousas, a vergonzante situación que supón que tantísimos medios de comunicación galegos, que viven de costas á lingua, reciban, sen embargo, millóns e millóns de euros en concepto de subvencións da entidade (a Xunta) encargada da promoción dese idioma.

Non vou engadir nada sobre isto porque comparto ao cento por cento os seus argumentos.

Pero si quixera dicir algo que, de tan obvio, hai que repetir continuamente porque se esquece: se os medios de comunicación reciben cartos do estado, daquela, a suposta función de control do poder político pérdese por completo. É dicir, se unha das fontes máis altas de ingresos dun xornal ou dunha televisión é un determinado goberno, ¿como vai atreverse a criticalo?

O asunto pode parecer menor.

Pero non o é.

Entre outras cousas porque, sen medios de comunicación libres desas ataduras, a propia democracia queda en nada. En maquillaxe. En decorado.

Chuzame! A Facebook A Twitter

HISTORIAS ASOMBROSAS PERO VERDADEIRAS 8

19th Agosto 2009 by franciscocastro 9 Comentarios

felicidade

Hoxe, cando saía do súper do barrio, absolutamente cargado e baixo dun sol pesadísimo, un tipo baixou dun coche. Con acento de fóra preguntoume como ir cara Ourense. Pousei as bolsas para explicarlle que era doado. De feito, estaba practicamente ao carón da entrada da autovía. Deume as grazas e, con grande esforzo, collín de novo as bolsas.

Non me deu tempo a dar nin dous pasos cando unha señora me preguntou por un número da rúa na que estaba. Pousei as bolsas para explicarlle que estaba moi preto. Todo recto por esta beirrarúa e contra da metade. Deume as grazas e, con grande esforzo, recollín de novo as bolsas.

Decidido xa a apurar para chegar á casa e soltar todo aquel lastre que estaba a esgazar as miñas xa retortas costas, achegóuseme unha rapaza fermosísima, sorrindo.

- Seica ti sabes onde está todo.

Soltei as bolsas, alucinado, pampo. En realidade, cortadísimo.

Non contestei pois foi ela quen seguíu falando:

- Daquela igual sabes por onde se vai á felicidade.

O silenzo foi todo o que conseguín pronunciar. O silenzo e agasallarlle cunha absurda, imaxino, cara de parvo.

Marchou, claro. Eu recollín as bolsas. O sol decidiu subir, porque si e para castigarme, dez ou quince graos.

Achegueime a casa preguntándome por que non tería ido con ela da man.

Igual ela si que sabía todo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

CAMBIO DE DÍA PARA ‘LA CANCIÓN DEL NÁUFRAGO’

18th Agosto 2009 by franciscocastro Non hai comentarios

reloj-dali

Ao igual que a semana pasada, o fútbol fai que varíe a programación de Onda Cero, como o resto das grandes cadeas de radio españolas. Se a semana pasada foi a selección española, mañá será a premier da Champions, e, daquela, o programa La Mirilla, no que colaboro, non se emite.

A miña sección pasa ao xoves, é dicir, ao día seguinte, un pouquichiño despois das 20.30 horas.

Escoitámonos.

Chuzame! A Facebook A Twitter

TRES MILLÓNS DE EUROS PARA COLEXIOS DO OPUS DEI

17th Agosto 2009 by franciscocastro 14 Comentarios

opus_dei

A información de El País de onte era moi clara e anunciaba, entre outras cousas, que o presidente da Xunta pagará aos colexios do Opus Dei tres millóns de euros. Ou o que é o mesmo: todos os que non somos católicos pero pagamos impostos darémoslle parte dos nosos cartos a unhas organizacións educativas pertencentes a un grupo ultra (cando menos ultracatólico) que algúns investigadores cualifican sen máis como secta. Colexios nos que, por certo, a meirande parte da poboación galega non pode matricular ás súas crianzas porque son privados e xa se sabe, a crise e tal.

Sen entrar agora en grandes profundidades sobre a indencencia que hai detras de todo isto (a escola pública esmorece por falta de recursos), ou na vulneración indubidable que isto supón da igualidade de oportunidades para todos, e obviando agora preguntar, por exemplo, que pasaría se se fundasen colexios de inspiración islámica, ¿daríalles cartos a Xunta de Galicia?, e de facelo, ¿imaxinan o escándalo?, sen meterme en grandes profundidades, dicía, imaxinen, só imaxinen, todo o que se podería facer con tres millóns de euros xa non só dedicando eses cartos a cultura, como todos esperan que escriba, senón, sen dúbida, empregándoos nalgo ben necesario e que funciona pesimamente como é todo o relacionado coa Lei de Dependencia.

Pero xa se sabe: hai obras prioritarias e outras que non o son.

Chuzame! A Facebook A Twitter

LECTURAS DE VERÁN: ‘JOHN LENNON: LA LEYENDA’

16th Agosto 2009 by franciscocastro Non hai comentarios

lennon-la-leyenda

Os que me coñecen saben que é moi doado acertar á hora de facerme un agasallo. Abonda con ir buscar o último libro que teña saído sobre o asunto beatle e xa estou feliz. Libros como por exemplo este que hoxe vos recomendo e que veño de rematar aproveitando as vacacións. O seu título é Lennon: la leyenda e o autor e comisario da exposición que lle deu orixe, o exeditor de Rolling Stone James Henke.

É un libro que é moito máis que un libro. Porque a parte do CD cunha longa entrevista con Lennon e o Imagine en directo, sobre todo vén cheíño de reproducións facsímile de letras de Lennon dende a primeira época dos Beatles ata o final, debuxos, carteis (como por exemplo o do mítico concerto dos Quarrymen no que John e Paul se coñeceron) cadernos escolares e.. en fin, unha morea de detalles que farán a delicia de calquera e que percorren toda a vida e a obra do músico de Liverpool. Na meirande parte dos casos son obxectos que eu sabía que existían pero que nunca vira diante. Un detalle importante a ter en conta é que están reproducidos, todos, a tamaño real, co cal a maquetación do libro é realmente espectacular e todas e cada unha das páxinas ofrece algún detalle interesante.

Unha alfaia absoluta para amantes de Lennon ou, simplemente, para quen queira profundar nun dos nomes importantes da música do século pasado.

Chuzame! A Facebook A Twitter