LINGUA PROLETARIA DO MEU POBO

Posted by franciscocastro - 31/07/09 at 10:07 p.m.

proletariado

Sobre a enquisa xa dixen en varias ocasións o que pensaba. Agora, que coñecemos o resultado, e que xa lemos dende a mañá diversas e sesudas e acertadas análises, eu só quero chamar a atención sobre un detalle que coido importante: gañou o castelán en todos os chanzos educativos… agás na Formación Profesional.

Celso Emilio Ferreiro fixo célebre aquel poema que comeza con aquilo de Lingua proletaria do meu pobo. Pois seica nada cambiou dende aquela. Porque os pais dos rapaces que o día de mañá serán fontaneiros, electricistas, e, en fin, todo o que se pode estudar nos Ciclos Formativos, non lle ven problema en que se estude en galego, mentres que os de secundaria, na meirande parte dos casos futuros universitarios (médicos, avogados, licenciados en administración e xestión de empresas), eses pais optaron claramente por “todo en castellano”.

Daquela, dan ganas de pensar que se reproduce o esquema, tópico de sempre, de que hai sectores sociais que rexeitan o galego, e xentes doutras posicións que non o desprezan. E iso amólame. Porque nos tempos do instituto moitos coma min, educados en castelán, saltamos ao galego, e profundamos nesa actitude na universidade, porque, ademais de entender que era a nosa lingua, a do noso país, etc, tamén a viamos como lingua de nivel e de prestixio. Catedráticos e profesores falábana e formábannos nesa lingua.

En fin, hoxe, tristeiro.

(E,  por certo, o poema de Celso Emilio Ferreiro di máis adiante: eu fáloa porque si, porque me peta e dáme a gana. Pois iso)

Os comentarios están pechados.