MENTIRAS

Posted by franciscocastro - 20/07/09 at 09:07 p.m.

mentira

Ás veces dáme por pensar que vivimos no reino das mentiras.

Por exemplo este serán, cando nunha radio, unha desas filósofas que che saben moito da moda falaba de que se vai levar moito un biquini de non sei que tea especial que eleva o peito. Despois, falou duns bañadores para home que “evocan un verán de aventuras”. Aquela señora vendía mentiras. E penso que diso é do que nos nutren case que todos os días. A publicidade cuspe trolas sobre un mundo que non é. As modelos sorrin(me) felices da vida como se quixeran deitarse comigo. Os políticos falan de “brotes verdes” para animarme e que volva botarlles. O novo cristianismo (de Ronaldo e disimulen a brincadeira tan previsible) enchóupao todo. Un locutor di: temos fame de fútbol.

Apago a radio e vexo para o meu bañador. O mesmo dos últimos anos. E penso que non me transmite sensación de aventura.

Vivo nunha burbulla. E case que sempre, estóupame nos fociños cando estou no máis alto.

Os comentarios están pechados.