CALQUERA TEMPO PASADO…

Posted by franciscocastro - 19/07/09 at 10:07 p.m.

lua

Dentro dunhas horas conmemoraremos que hai catro décadas que o ser humano chegou á lúa. Iso aconteceu, xa que logo, no ano 1969. Uns días despois dese fito, que sen dúbida tivo que impactar a todos os que o viviron (a este menda non: tiña eu dous anos e medio), celebrábase en Woodstock o famoso concerto. Lennon falaba de paz. E, probablemente, as masas soñaban coa posibilidade dun futuro impresionantemente fermoso.

woodstock_rs_special_report

Ben sei que cando se fala do pasado tendemos a idealizalo todo. E que tamén tendemos a dicir que aqueles tempos eran mellores pero que en realidade non, que todo é cuestión da melancolía. Sen embargo, chámenme parvo se queren, pero estou por pensar que si, que aqueles tempos foron mellores. A humanidade conquistaba novas fronteiras. A mocidade soñaba outras. As revistas da época (teño a colección completa da revista Life en español dende finais dos 50 ata ben entrados os 70) expresaban esa sensación de que todo é agora posible.

Hoxe, pola contra, temos o que temos. A Cristiano Ronaldo. Ou as catrocentas mil persoas que hoxe se xuntaron en Vigo para ver uns avións de guerra facendo o chorras polo aire.

Os comentarios están pechados.