O EXEMPLO DO BARÇA

Posted by franciscocastro - 26/05/09 at 09:05 p.m.


Non lles son eu moi futboleiro, pero teño xente na casa que si, e vimos a final da Copa do Rei, e vimos como ao recoller a copa os xogadores do Barça puxeron unhas camisetas que, en catalán, dicían Rei de Copes.
Despois, o sábado, vin a celebración da liga que tamén gañaron. Puxeron outras camisetas, que dicían, en catalán, Campións. Despois, foron tomando o micrófono os xogadores para falar, en catalán, cos seus afeccionados. Puyol, Xavi, Busquets… falaron en catalán.
Todos sabemos do poder que ten o fútbol como xenerador de valores na sociedade, en especial, entre a mocidade. Ao se expresar na súa lingua propia, aqueles que son admirados polas masas, dignifícana e convértena nalgo valioso.
Non sei por que pero teño a sensación de que aquí non sería igual. Vexo na súa páxina web que o Dépor sigue sendo de La Coruña, é dicir, dunha cidade que oficialmente non se chama así. Como lembro que, cando ao Celta o adestraba Fernando Vázquez el sempre facía as súas declaracións en galego para que a prensa local… as ofrecese en castelán, como se fose un xogador serbocroata quen viñera de falar.
Gusto da actitude do Barça. Por enriba de calquera outro plantexamento, neste intre bélico que estamos a vivir neste país, esa é a que hai que ter.

Os comentarios están pechados.