UNH PREGUNTA DIFÍCIL DE RESPONDER

Posted by franciscocastro - 24/05/09 at 09:05 p.m.


Hoxe lin un fermoso poema de Benedetti ( outro que quedou sen o Nobel merecéndoo moito ), titulado Ser unánime.
No poema hai un verso que fala de nós.
Di así:
Soy el que soy porque otros lo son.
Lino e pensei: si, leva razón Benedetti, somos quen somos porque outros son, porque pertencemos a un grupo, porque somos sociedade, porque nos recoñecemos dun país e dunha terra, dun espazo e dun lugar no mundo onde hai xente propia coma nós que comparte un cento de cousas con nós.
Ou sexa, que dalgunha maneira podo dicir que son galego porque hai galegos e un lugar no mundo que se chama Galicia.
O poema, en efecto, obrigoume a pensar isto. Mais levoume tamén a formularme unha pregunta complicada que vos deixo aquí, a ver quen ma responde: que acontece cando unha parte do país, da terra, da sociedade, do grupo, dimite da súa condición de pertenza a ese país, a esa terra, a esa sociedade, a ese grupo. Que acontece cando vives nun lugar onde hai dúas partes, dúas terras, dúas sociedades, dous grupos. Que pasa cando unha parte dos galegos, non se senten en primeiro lugar galegos ou, directamente, non se senten de ningunha maneira galegos, máis que como unha cousa folclórica de lacón con grelos e festas patronais que bonitos los fuegos del Apostol y las playas de Sanjenjo. Que acontece cando unha boa parte dos galegos non ven as palabras propias como as súas palabras. Que pasa cando a xente que vive en Galicia ve, como estranxeiros, aos que senten o país doutra maneira distinta.
Daquela, seguindo a Benedetti, nin sequera son. Ou, quizais, seguindo o seu exemplo de vida e compromiso debo dicir: a pesar dos outros, son.
Non sei como o vedes.

Os comentarios están pechados.