¿HAI TABÚS NA LITERATURA INFANTIL E XUVENIL?

Posted by franciscocastro - 12/05/09 at 09:05 p.m.


O vindeiro martes, ás 19 horas, dentro dos actos da Feira do Libro de Lugo, e coa presentación/moderación do escritor Manuel Darriba, manterei unha conversa con todos os que queiran pasar por alí, sobre a existencia ou non de tabús na literatura infantil e xuvenil.
O motivo é, en parte, a publicación do meu novo libro ( que aborda a enfermidade, a morte, o Alzheimer ). Nas miñas outras dúas obras para este chanzo de idade abordei a violencia neonazi ( Un bosque cheo de faias ) e as catástrofes ecolóxicas ( O ceo dos afogados ), nesta última, cunha escena – o ataque dunha manda entolecida de golfinos sobre un mergullador ao que esnaquizan, que fixo que nalgúns centros de ensino os rapaces e rapazas me preguntaran, por exemplo, se era necesario escribilo con tanta dureza.
O motivo. en parte, é ese, mais tamén, a miña sensación, moitas veces manifestada neste blog, de que hai un exceso de “boísmo” e do “politicamente correcto” en moitos dos libros de LIX que se escriben, e, sobre todo, que se prescriben nos centros de ensino.
Semella como que esquecemos que, noutros tempos, nos libros para a mocidade había morte, e ogros, e bruxas que mataban por ciumes, e traizóns, e sangue. É dicir, que había a vida real. E hoxe igual prescindimos de todo iso condicionados polo medo a que alguén nos diga que non se poden escribir certas cousas porque non é axeitado que as lean a segundo que idades.
Non sei. Ou mellor dito, si que sei.
O debate, dende aquí, fica xa aberto.
Quero escoitarvos.

Os comentarios están pechados.