POR QUE LEMOS, POR QUE TEMOS BLOGS ( e 3 )

Posted by franciscocastro - 18/04/09 at 09:04 p.m.


Desde que comezamos coa reflexión foron moitas as ideas que os amables lectores e lectoras foron verquendo nos comentarios e que, dalgunha maneira, faría redundante que eu repetise aquí.
Sen embargo, hai un motivo que se enunciou desde o primeiro momento e que, pola súa importancia, debo de deixar escrito aquí neste terceiro – e derradeiro – post sobre o asunto.
Leo blogs, teño un blog, porque este medio de comunicación me permite recuperar a idea de foro, é dicir, a idea de lugar aberto onde alguén que ten algo que dicir procura outros que teñen un certo interese en escoitar. A prensa xa sabemos que non permite isto. As Cartas ao director non son desde logo un exemplo válido. Nos medios tradicionais o fluxo da comunicación é unidireccional. Nos blogs, ao montarse ás veces debates incluso entre lectores (neste meu xa pasou máis dunha vez ), ao ser ligado o teu post dende outros blogs e dende ese a outros, ao vincularse co facebook ou calquera outra rede social, o fluxo da comunicación nin sequera é bidireccional. É pluridireccional.
Os blogs representan a vella ágora dos gregos. O lugar onde a palabra se expresa máis viva.

O lugar onde os náufragos lanzan unha botella ao mar coa seguridade de que vai chegar a algunha praia.

Os comentarios están pechados.