Archive for Febreiro, 2009

SABER FALAR

15th Febreiro 2009 by franciscocastro 8 Comentarios


Leva toda a razón do mundo o profesor Xesús Alonso Montero no Xornal de Galicia de hoxe, cando declara que ningún dos tres candidatos son bos oradores.
E a cousa non é pouco importante. Cando menos para os que pensamos que na política aínda segue a ser importante a argumentación. E esa faise con palabras, con siloxismos, con razoamentos.
E sobre todo, con discurso.
Importa que saiban falar. E que saiban falar ben. É un tópico pero é certo: só quen ten ben organizado lingüisticamente o cerebro pode ter ben organizado racionalmente o mesmo.
Daquela, xa que van debatir ( ou non ), que se esforcen.

Chuzame! A Facebook A Twitter

UNHA PREGUNTA DIFÍCIL

14th Febreiro 2009 by franciscocastro 11 Comentarios


Se na manifestación de Galicia Bilingüe só eran 2500, é dicir, case que nada nun país de catro millóns coma o noso; se son en realidade moi poucos afiliados; se, en definitiva, son tan pequerrechiños… ¿alguén pode explicarme por que os medios de comunicación galegos lles dán tantas entrevistas, tanto espazo en primeira plana, por que falan e falan e falan tanto do «conflito lingüístico»?
Conflito que, é obvio, é inventado.
¿Polos medios?
Non foi unha soa pregunta. Foron dúas.

Chuzame! A Facebook A Twitter

COMO VEN OS ESCRITORES: CONFERENCIA

9th Febreiro 2009 by franciscocastro 16 Comentarios


Este xoves, ás 20 horas, no Centro Social Caixanova de Vigo pronunciarei unha conferencia baixo do título Como ven os escritores. A mirada literaria. Esta actividade está enmarcada dentro do ciclo O traballo literario a través dos escritores.
Serei presentado polo crítico literario Ramón Nicolás.
Espero velos a todas e a todos e gozarmos xuntos falando da literatura.

Chuzame! A Facebook A Twitter

A MANIFESTACIÓN DA VERGOÑA

8th Febreiro 2009 by franciscocastro 22 Comentarios


Hoxe manifestáronse por Compostela. E pedían liberdade. E manteñen que o castelán está discriminado e perseguido en Galicia.
Manifestáronse. Protagonizando a protesta máis esperpéntica que nunca se deu no mundo. Aproximadamente 2500 galegos rexeitando a berro grande algo que é seu, algo que lles agasallaron os seus devanceiros, probablemente a lingua na que falan aínda seus pais, de certo que os seus avós, milleiros de galegos berrando por Compostela contra algo que é único e singular e que é o seu ADN máis verdadeiro.
Protestaron, en castelán, claro, mais fixérono coas sete vogais galegas que non poden evitar utilizar. Con acento galego. Cada un co acento do seu lugar. Amosan un odio infindo contra de si mesmos. E iso dá vergonza.
Porque odiar como se nota que odian a lingua de todos, tamén a deles aínda que non lles guste, só pode producir vergonza.
Os que se manifestaron hoxe non queren o bilingüísmo aínda que o digan. Queren monolingüísmo castelán e punto. Xa está ben de aturarlles que nos digan outra cousa. Xa está ben de entrarlles nun debate que é de todo punto imposible de manter porque, entre outras cousas, cando de debatir se trata, o mínimo que hai que esperar da outra parte é a xenerosidade de recoñecer que se vai tratar con argumentos e non con prexuízos.
A manifestación de hoxe foi a manifestación da vergonza, do autonoxo e do patetismo. Unha manifestación suicida, antipaís, antiilustrada e antisenso común. Un disparate. Unha parvada tristeira que nos afunde, nos derrota e nos fai perder a fe.
Como hoxe explicaban ben algúns xornais, os convocantes reciben o apoio de sectores que andan moi achegados, ou directamente metidos, na ultradereita. Son os que non queren que as mulleres violadas e preñadas aborten. Son os mesmos que aínda sospeitan que detrás do 11 M estaba alguén distinto dos que foron. Son o eco de Jiménez Losantos. Son os que nos negan a unha morte digna e libremente escollida aos que non queremos a fin dos nosos días padecer sen esperanza. Son os que pelexan contra da Educación para a Cidadanía e non lles importaría Relixión Católica obrigatoria para todos…
Son un tristeiro exemplo de confusión e de falta de raciocinio.
Mais son galegos. Ou gallegos. No fondo tanto ten. En calquera caso, veciños, compatriotas. Sen dúbida, tamén irmáns.
Hoxe pódeme a vergoña.

Chuzame! A Facebook A Twitter

NON SABER SE SABERÁ

7th Febreiro 2009 by franciscocastro 8 Comentarios


O run run que viña escoitando desde había días confirmouse. Dixéranme hai semanas que un restaurante que frecuentei moitísimo durante a miña primeira mocidade, o mesmo no que descobrín o pracer de cear namorado, as mesas e mantel onde aprendín – un chisquiño, nada de nada, non pensen – a libar certos viños, a mesma cociña coa mesma xente que hai vinte e cinco anos e que pecharan había quince ou así, que volvía abrir. Máis ou menos no mesmo sitio. Co mesmo nome. Coa mesma cociña.
Pensei: teño que volver; nada me apetece máis.
Hoxe pasei pola porta. Aínda pechada. Un cartel: abrimos pronto.
Tiven un ataque de melancolía e un certo medo. Eu xa non son o mesmo. Nin mellor nin peor. Distinto.
Non sei se me saberá.

Chuzame! A Facebook A Twitter

UN POBO DOADO DE ENGANAR

6th Febreiro 2009 by franciscocastro 4 Comentarios


Frase de Benicio del Toro/Che Guevara na película Che, el argentino, mentres arenga aos seus homes:
Un pueblo que no sabe leer ni escribir es un pueblo fácil de engañar.
Por iso os políticos, polo xeral – hai excepcións, como di o tópico, honrosas – non teñen moito interese en fomentar a lectura.

Chuzame! A Facebook A Twitter

AGASALLAR CUN LIBRO

5th Febreiro 2009 by franciscocastro 9 Comentarios


Debeu de ser polo que escribín onte, pero este serán non era o seu aniversario, nin había ningún motivo para facer o agasallo.
Pero a cousa foi así: o meu neno estaba preparando un exame. Eu tomáballe a lección. Nun momento, preguntou por unha das lecturas que viña no seu libro de texto. Que lle parecía unha boa historia. Que se eu lera ese libro. Non, meu fillo, ese non o lin.
Rematamos o estudo. Saín á rúa. Directo á librería. Tiña que comprarllo. Esas oportunidades non se deben deixar pasar nunca.

Chuzame! A Facebook A Twitter

O CAMIÑO DO LIBRO

4th Febreiro 2009 by franciscocastro 7 Comentarios


Hai moito tempo que tiña ganas de deixarvos aquí esta reflexión de Astrid Lindgren ( a da lingua da foto ), do seu Mi mundo perdido. Interesante para que lle boten un ollo todos eses que cren que para mellorar a educación o que hai é que meter ordenadores nas aulas, para que reflexionen aqueles pais/nais que coidan que un bo colexio é aquel que ten, eu que sei, hípica e moito inglés, para facer pensar a todos aqueles que confunden educar con obrigar a memorizar.
Velaí vai:
¿Qué deseáis para vuestro hijo? Quizá que adelante lo debido en la escuela. Bien, pero en ese caso tenéis que indicarle el camino del libro. ¿No experimentáis a veces el deseo de conocer un poco mejor lo que sucede en ese mundo suyo? En ese caso tenéis que indicarle el camino del libro. ¿Deseáis enseñarle dónde encontrar consuelo si está triste, y dónde encontrar alegría y belleza si la vida le parece gris? ¡Podéis indicarle el camino del libro! Pero, ahora mismo, cuando vuestro hijo tiene seis años. Luego sería demasiado tarde. Demasiado tarde para Blancanieves y para el Doctor Doolittle, demasiado tarde para unas Aventuras de Tom Sawyer, demasiado tarde para encontrar el camino de la más extraordinaria de todas las aventuras.

Chuzame! A Facebook A Twitter

UNHA PREGUNTA: ¿QUE ESTARÁS FACENDO DENTRO DE DEZ ANOS?

2nd Febreiro 2009 by franciscocastro 18 Comentarios


Este meu blog leva un tempo moi centrado na política.
Vai sendo tempo de cambiar.
E como hoxe teño o día en verdade parvo e melancólico e un chisco disparatado, fágovos unha pregunta, das difíciles.
No fondo, xa me coñecedes, é un xogo.
Responde. Cóntame. Dime.
¿Que pensas que estarás facendo dentro de dez anos?
Comezo eu: dentro de dez anos, un 2 de febreiro de 2019, estarei actualizando o meu blog e preguntándome cantos dos meus soños, dez anos atrás, fun quen de conseguir.

Chuzame! A Facebook A Twitter

UNIRANSE?

1st Febreiro 2009 by franciscocastro 5 Comentarios


O Partido Popular está no seu democrático dereito de apoiar a marcha que Galicia Bilingüe vai facer para denunciar a «imposición do galego» e a persecución contra do castelán en Galicia. Non me parece mal. É cousa deles.
O que si espero é que, cando volva darse outro caso de violencia machista se unan á manifestación.
Que mañá ou pasado convoquen unha manifestación contra da fame no mundo.
Que dentro de tres ou catro días anuncien unha marcha para acabar coa prostitución.
Que a semana que vén non dubiden á hora de asinar un documento para que a crise a paguen os que a causan, é dicir, os ricos.
Estou certo de que farán iso.
Porque, de non facelo, de ter a sensación de que o único polo que se movilizan é por botar abaixo un plano de normalización que eles mesmos aprobaron no seu día ( ¡toma coherencia! ), daquela, tería que pensar que para eles iso é máis importante que as mulleres que son asasinadas, que os cativos que morren de fame, que a violencia sexual que sempre é a prostitución, que o paro…
E iso, de ser certo, sería en verdade escandaloso.

Chuzame! A Facebook A Twitter