NA MAÑÁ DOS TEUS BEIZOS

Posted by franciscocastro - 24/02/09 at 09:02 p.m.


Como hoxe teño o día así, así ( é dicir, bonito ), e como non teño medida do pudor, e como algunha vez ten que ser a primeira, colgo aquí un poema que escribín pensando na miña filla de once meses.
Leva incluso unha verba inventada.
Ademais, este é un poema que nunca estará nun libro meu de poemas. Así que merece estar nesta bitácora náufraga.
Velaí:

Na mañá dos teus beizos
hai palabras
e unha delas
a máis fermosa
leva o teu nome.

Alí sortearon unha vez
un corazón novo de estrea,
a poxa máis alta foi a da carteira
onde gardo todos os bicos.

Así que pasarei cada día e cada noite
a recoller a patela das túas apertas.
Sei
filla
que alí che nacen as devezas;
sei
nena
que xogas coa lúa mentres esperas.

Os comentarios están pechados.