ESE CHICO QUE HABLA GALLEGO

Posted by franciscocastro - 21/02/09 at 10:02 p.m.


Este serán pasoume algo que demostra á perfección o estado de anormalidade no que vivimos nesta Galicia nosa.
Chamei a unha tenda para informar de que un produto que mercara estaba defectuoso. Preguntei pola dependenta, á que coñezo de hai moitos anos. Atendeume outra rapaza que me dixo que non podía poñerse, que estaba atendendo a uns clientes e que chamara “nun ratiño”, así o dixo, co agarimoso diminutivo noso. A frase completa foi: “ahora no puede ponerse que está con unos clientes, pero llámala en un ratiño”. Dei as grazas e, pasado o ratiño ( media hora ), volvín chamar e volveu collerme ela. “Si, ahora se pone”. Chamouna. E escoitei con toda claridade: “Es un chico que ya llamó antes. Habla en gallego”.
Non fixo referencia á miña voz melodiosa. Non fixo referencia á sensualidade que transmito polo teléfono. Non fixo referencia a que era un cliente. O que lle pareceu digno de destacar é que es un chico que habla en gallego.
Carafio. En Galicia. O que sería destacable sería: es un chico que habla en japonés, poño por caso.
Iso: a anormalidade.
O chico que habla en gallego é, en Galicia, raro.

Os comentarios están pechados.