Archive for Outubro, 2008

ASA NOVELAS SENTIMENTAIS DE RAMIRO FONTE

12th Outubro 2008 by franciscocastro 11 Comentarios


Non hai nada que eu, a estas alturas, poida engadir, ao xa dito, sobre a calidade inmensa de poeta de Ramiro Fonte. Nin da súa cordialidade, que sempre sentín as poucas, pouquísimas veces que tratei con el.
Sen embargo, eu quixera lembrar aquí unha obra de Ramiro Fonte, que lin cando viña de pasar os 20 anos, e que levaba por título Catro novelas sentimentais.
Quero destacala porque foi naquel tempo cando vin claro que quería ser escritor e escritor en galego. Daquela, coa fruición que segue ás grandes decisións vitais, púxenme a ler todo canto caía nas miñas mans, en especial, a literatura galega que se estaba a facer naqueles días e que hoxe chamamos A Xeración dos 80. E un deses libros que lin,e que me sorprendeu pola súa forza lírica, a pesar de ser un texto narrativo, foi este que aquí recordo.
Lembro que unha das historias tiña moito que ver cun asunto que a Ramiro Fonte sempre entusiasmou: a paixón bibliófila. Lembro que eu quería ser escritor. Lembro que estaba, en realidade, aprendendo a ler. Lembro que aprendín a ler, tamén, grazas ás novelas sentimentais de Ramiro Fonte.

Chuzame! A Facebook A Twitter

¿SEGUE A SER A POESÍA IMPORTANTE?

11th Outubro 2008 by franciscocastro 3 Comentarios


No Babelia de hoxe, o escritor turco Orham Pamuk fai unha reflexión ben interesante.
Nun momento da entrevista sinala que nos derradeiros 35 anos a novela foi convertíndose aos poucos nunha realidade máis e máis importante, mentres que a poesía foi entrando en declive.
Eu, que amo a poesía, non podo deixar de darlle a razón. No caso galego non diría que nos derradeiros 35 anos, pero si que desde a década dos oitenta do século pasado, xa non ten a presenza social que tiña. Incluso, naquela época, en Galicia, houbo moito poeta que, dalgunha maneira, desertou da lírica para comezar a escribir novelas. Desta maneira, déronlle á narrativa un protagonismo que aínda lle dura.
Mais non sempre foi así.
A finais do XIX, Curros Enríquez era un autor coñecido e cun certo protagonismo na sociedade do seu tempo. E ata a súa morte, outro tanto aconteceu con Celso Emilio Ferreiro. Os dous tiveron despedidas multitudinarias que son toda unha metáfora e unha confirmación do que estou a dicir. Moitos dos seus poemas pasaron a ser cancións populares que moitos en Galicia cantan sen saber quen as escribiu. Eran reclamados nos actos políticos. Había movementos cívicos ao redor deles e eles sentíanse parte simbolicamente importante deses movementos.
Hoxe non notamos iso.
Todo o espazo, seica, está ocupado polos novelistas.

Chuzame! A Facebook A Twitter

INTOLERABLE

10th Outubro 2008 by franciscocastro 6 Comentarios

A estas alturas xa todo o mundo sabe, porque a prensa o comentou dabondo estes días, que a Universidade Nacional de Educación a Distancia, ven de negarlle ao profesor, crítico literario e investigador cangués, Héitor Mera, ler a súa tese de doutoramento arredor da obra de Bernardino Graña, na que leva anos e anos traballando, por estar redactada en galego.
Incriblemente, nas universidades españolas un pode defender a súa tese en inglés ou en calquera outra lingua na que a tese fose redactada e dirixida. Sen embargo, en galego, na UNED, non. A pesar de tratar sobre un poeta galego.
O asunto, agora, está nas mans dos políticos. E esperemos que non chegue a cousa aos tribunais.
Hoxe falei con Héitor para transmitirlle solidariedade e ánimo, pois a súa non é, desde logo, unha situación gozosa. Son moitos anos de traballo agora entorpecidos e perigosamente parados por un atropelo que, coma tantos, nace da ausencia de lóxica.
Espero que o caso de Héitor Mera serva para abrirlle a porta ao galego nunha universidade que, aínda que sexa a distancia, é tan universidade coma as demais e, xa que logo, é mantida ( incluídos os soldos dos seus directivos ) con impostos, tamén, galegos.
E xa que estamos, neste punto da historia, ademais de desexar que todo se solucione para ben, agardo, ademais, que todos eses colectivos que din que loitan pola liberdade de estudar en castelán ou en galego, e que loitan por poder escoller o ensino, tamén en castelán, desta vez, se pronuncien a favor do noso estudoso e loiten para que el poida completar o seu exitoso curriculo académico, tamén, en galego, e non obrigatoriamente en castelán.

Chuzame! A Facebook A Twitter

FILL@S DA TELEVISIÓN

9th Outubro 2008 by franciscocastro 3 Comentarios


Hai uns meses fixen aquí unha reflexión arredor do influxo, poderoso, da televisión no noso xeito de narrar. Perdoádeme se me poño en plan Cuéntame como pasó, pero son capaz de evocarme a min mesmo, moi pequerrecho, diante do televisor. Xa que logo, ese xeito de narrar está na miña xeración queiramos ou non. No artigo citado sinalaba eu que nuns anos veremos como lle influíu aos que escriban detrás de nós tanta videoconsola ( que tamén teñen, as historias coas que xogan, os seus argumentos, os seus personaxes, os seus ritmos narrativos, etc… ).
Agora, atopo esta reportaxe do suplemento de El País na que, dalgunha maneira dise o mesmo pero desde a outra banda: os grandes contadores de historias, agora, son os que escriben House, e as demais series que triunfan en todas as teles.
Ruíz Zafón é categórico: «sin duda, Dumas o Dickens estarían hoy en televisión»

Chuzame! A Facebook A Twitter

PREFIRO ÁS PERSOAS

8th Outubro 2008 by franciscocastro 8 Comentarios

O meu artigo de onte, como tantos que levo escrito durante estes anos tanto no blog como noutros foros e soportes, busca, dalgunha maneira, desacralizar o status do escritor e do artista en xeral. E hoxe mesmo atopei este interesante artigo de Javier Marías que case que suscribo na súa totalidade ( agás no que di de Kerouac e Bukowski, cando lles chama «previsibles» ). Porque, se lles son sincero, non aturo aos artistas que van de artistas, a todos eses e a todas esas que van co título por diante. Isto pásame igual cos que che dan a man e se presentan como avogados ou médicos ou o que sexa. Estou convencido de que canto máis presumes de cargo máis pequeno es, e de que a xente verdadeiramente grande o é, entre outras cousas, porque non se dá importancia. A grandeza está nas súas obras.
E no gremio dos artistas, escritores incluídos, haiche moita ínfula. E, polo xeral, canta máis ínfula menos discurso, canta máis fachenda menos lucidez e canta máis presunción máis evidencia de pequenez.
Prefiro ás persoas. Como dicía o outro, sen atributos.

Chuzame! A Facebook A Twitter

OS ESCRITORES SUICIDAS

7th Outubro 2008 by franciscocastro 8 Comentarios

Hemingway: escritor e suicida.Hai un par de semanas, o escritor Héctor Abad Faciolince publicou unha reportaxe no suplemento de El País movido polo suicidio recente do escritor estadounidense David Foster Wallace, tentando responder á pregunta por que se mata un escritor.
Dá unha morea de razóns. Probablemente todas erradas. Os escritores suicídanse polo mesmo que o resto da xente, o que pasa é que, como son escritores, seica son capaces de disfrazalo esteticamente e daquela un mátase porque non atura o mundo, ou o mercado, ou a si mesmo, ou non lle sae un soneto. O resto da humanidade, por non poder pagar a hipoteca, por desamor ou por puro fastío de vivir. Se queren a miña opinión, coido que é o mesmo. A xente mátase por infeliz. Pero os escritores metamorfoséano en «tormento creativo» ou «baleiro existencial».
O que quería comentar son estas frases, absolutamente alucinantes: Creo que la raza de los escritores suicidas, pero indecisos, se ha inventado otro tipo de estrategia para no matarse, y para ni siquiera intentarlo. Me refiero a los escritores que, en vez de dar el salto, trasladan el propio suicidio a sus personajes. Así hizo Shakespeare con Ofelia, Romeo y Julieta; Goethe, con el joven Werther; Tolstói, con Anna, y Schnitzler, con el subteniente Gustl. Es raro, pero si uno suicida a alguien en un libro, se experimenta una muerte que de alguna manera sacia la ansiedad por la propia muerte. Lo sé por experiencia propia.
Descoñezo a súa propia experiencia. Pero, en calquera caso, fíxome pensar en que algúns dos meus personaxes máis queridos dalgunhas das miñas novelas morren suicidándose.
A verdade, eu non sentín nada de todo iso que di o autor da reportaxe. Se así fora, que o que fan os nosos personaxes é dalgunha maneira o que nos gustaría facer a nós, daquela, o gremio dos escritores serían, sen comparación, a xente máis pervertida do universo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

GALICIA BILINGÜE O O PP

5th Outubro 2008 by franciscocastro 6 Comentarios

Leo con abraio en El País de hoxe que o PP das cidades pídelle a Feijoo que asuma as teses de Galicia Bilingüe. Na noticia noméase á ex-alcaldesa de Vigo, Corina Porro, quen ten reiterado en múltiples ocasións o seu apoio a esta formación.
Eu, que non simpatizo para nada co PP, sentinme ben ao saber que Alberte Núñez Feijoo era dos poucos ( o outro paréceme que é o líder popular de Baleares ) que non asinaran o Manifiesto por la lengua común.
Agora, seica están presionándoo para que apoie á causa de GB. E o máis triste é que nin sequera llo piden apoiándose nun sincero proceso reflexivo ( ben difícil me parece ) sobre a opresión do castelán por parte do galego (¡miña madriña que difícil se me fai escribir isto! ), senón porque temen que Rosa Díez lles quite votos pola súa defensa do castelanismo.
Non voto ao PP. Pero gustaría que un partido que aglutina a tantísima xente non mantivese parvadas. E Alberto Núñez Feijoo sabe, de sobra, que os disparates que mantén Galicia Bilingüe non os pode asumir.
Se o fai, será, quizais ( aínda que teño dúbidas ) unha boa nova para os seus seguidores. Pero para os demais será unha traxedia. Porque a un político que queira ser tomado como importante, o mínimo que hai que pedirlle é senso común.
Espero que o teña.

Chuzame! A Facebook A Twitter

SE ANTES O DIGO…

4th Outubro 2008 by franciscocastro 10 Comentarios


Remataba o meu post de onte sobre as queixas dalgúns colectivos de cegos diante da película Blindness, dicindo que a ver canto tardaba alguén en propoñer un veto.
E non creo que eses paladíns do politicamente correcto lean este blog pero hoxe a prensa xa nolo conta: unha asociación dos Estados Unidos reclama que se vete a exhibición da película por «degradante». Concretamente sinalan que a película sobre o Ensaio sobre a cegueira de Saramago, así como o libro «tratan aos cegos como incapaces de facer calquera cousa e incluso como adictos e criminais», e tamén que a película «levará a que os cegos teñan menos oportunidades e incluso perdan empregos».
En fin, Saramago reaccionou chamándoos imbéciles, o cal tampouco é de recibo. Cando menos, habería que alcumalos de ignorantes, porque é obvio que non entenderon o libro.
Non. O grave non é que a Federación de Invidentes declare iso. O grave é que millóns de persoas, polo feito de que o di esa Federación, pensarán o mesmo sen ver a película nin ler o libro e por suposto, non irán ao cine nin mercarán a obra. E quen di iso desa fita pode dicilo, eu que sei, de Eduación para a Cidadanía ou sobre calquera outro asunto do que, sen coñecer en realidade de que vai, neste país, todo o mundo, se atreve a opinar.
Díxeno onte: un síntoma dos tempos – podres – que nos toca vivir.

Chuzame! A Facebook A Twitter

ESTÁN CEGOS ( CONTRA O POLITICAMENTE CORRECTO )

3rd Outubro 2008 by franciscocastro 7 Comentarios


Unha das modas dos últimos tempos que máis dano teñen feito á literatura é o politicamente correcto. Ollo co que escribes, non vaias ofender a algún colectivo. Dá igual que todo sexa ficción. Dá o mesmo que calquera lector cun mínimo de neuronas se decate de que unha cousa é o que dis e outra o que ti pensas que son as cousas ou como deben de ser as cousas.
A cousa é preocupante, por absurda e porque, dalgunha maneira, xa está asumido por todos. De tal xeito que sempre hai quen se molesta diante da última obra ou película ou cadro ou o que sexa porque «se insulta» a tales ou taloutras persoas.
Todo isto a conto de que nos Estados Unidos vén de estrearse Blindness, ou o que é o mesmo, a versión cinematográfica do Ensaio sobre a Cegueira de Saramago.
Hoxe a prensa informaba de que o colectivo de cegos protestou duramente porque segundo eles, a fita pon aos invidentes como «verdadeiros monstros».
Están cegos.
Do que fala Saramago é do monstruoso que sería un mundo onde todos, absolutamente todos, estiveramos cegos. E nin sequera polo feito de sermos cegos, senón porque sairía, nese estado de caos, o peor de nós.
Pero iso non o captaron. E protestan. E haberá, xa veredes, quen dirá que hai que facerlle un boicot.
É un síntoma, un máis, do parvos que andan os tempos.

Chuzame! A Facebook A Twitter

¿CAL É A DIFERENZA ENTRE O EROTISMO E A PORNOGRAFÍA?

2nd Outubro 2008 by franciscocastro 2 Comentarios

Olga Rodionova é unha multimillonaria rusa que se dedica desde hai anos a posar espida ou case que espida polo puro pracer de facelo, porque si, porque lle apetece. E non, desde logo, de calqueira maneira. Os mellores fotógrafos do mundo ( Newton, Bettina Rheims ) téñena fotografado nas poses máis atrevidas e suxerentes. Todo, a conta dos cartos do seu home, que lle financia as arelas artísticas. Ela di procurar a beleza. E, vendo algunhas das fotos no suplemento de El País, un pode aceptar que, cando a acusan de pornográfica, esaxeran.
Aceptamos erotismo.
Na reportaxe a xornalista pregúntalle cal é diferenza entre o erótico e o pornográfico.
A resposta é sorprendente porque, polo xeral, adóitase aceptar que a diferencia estaría na suxerencia ( erotismo ) fronte da evidencia (pornografía ).
A súa resposta é, cando menos, digna de reflexión: o amor.

Chuzame! A Facebook A Twitter