O PREMIO DE AGUSTÍN

Posted by franciscocastro - 25/10/08 at 10:10 p.m.

Cando o xoves, a iso de media mañá, recibín a nova do Premio Nacional de Literatura a Agustín Fernández Paz, collín de teléfono para chamalo. Contestador automático. Ardíame o peito de gañas de dicirlle todo o que o admiro, todo o que aprendo del, non só na literatura. Así pois, e como hai cousas que só poden dicirse cantando, solteille un oé oé oé oé, oé, oé, con aires futboleiros. Espero, polo ben da miña reputación, que esa gravación xa a teña borrada.
Durante o resto da xornada andiven por fóra de Vigo e souben del en todas e cada unha das emisoras nas que fun atopando a súa voz. Contra a noite, por fin puiden dicirlle unhas palabras. Poucas pois supuxen que estaría canso de tanta felicitación.
Hoxe, como somos veciños, e como nos pasa decote, atopámonos no barrio. Quería dicirlle un cento de cousas, pero estaba con máis xente e deume algo de corte.
Así pois, e confiando en que leas isto, amigo, aproveito para dicirche que somos un chisco máis felices grazas a ti. E que a vida é moito máis vivible grazas ao que escribes.

Os comentarios están pechados.