APOIOS POLÍTICOS
30th Outubro 2008 by franciscocastro 3 Comentarios
En campaña electoral ( e nos derradeiros tempos a campaña electoral é continua ) os políticos sempre gustan de rodearse de xente da cultura. Supoño que lles dá unha certa lexitimidade. E así, escritores, actores e intelectuais en xeral son «chamados» para apoiar a tal ou taloutro candidato.
Nos Estados Unidos sábeno de sempre. Así, non é estraño que o actor Chuck Norris ( en fin, non sei se metelo ou non na categoría de «intelectual» ) entrase en campaña para, sen pedir con claridade o voto para os republicanos, aparecer nun video ( no que chega incluso a facer un golpe en plan «peli de Chuck Norris» ) pedíndolle aos paisanos que lle voten a aquel candidato que non teña pensado poñer restriccións ao uso libre de armas.
Ese tipo de cousas, no fondo, son un alivio, porque nos fai ver que no vello mundo aínda nos tomamos a política un chisco máis en serio. Pois está claro que un anuncio dese tipo, cun fulano dicindo ese tipo de paridas e, sobre todo, practicando patadiñas de kárate diante da cámara, cando menos, movería a risa.
Sen embargo – e a risa mudámola por pranto – nos Estados Unidos ese tipo de accións moven o voto.
E así pode pasar, como pasou durante os derradeiros oito anos, que un parvo ocupe a cadeira presidencial.

Cando o xoves, a iso de media mañá, recibín a nova do Premio Nacional de Literatura a Agustín Fernández Paz, collín de teléfono para chamalo. Contestador automático. Ardíame o peito de gañas de dicirlle todo o que o admiro, todo o que aprendo del, non só na literatura. Así pois, e como hai cousas que só poden dicirse cantando, solteille un oé oé oé oé, oé, oé, con aires futboleiros. Espero, polo ben da miña reputación, que esa gravación xa a teña borrada.


Vén de saír ao mercado un libro que non sei se debo cualificar de valente, de temerario, de cómico ou de necesario, obra do profesor francés Pierre Bayard e que leva por título: Cómo hablar de los libros que no se han leído.


