ALGUNHAS CONCLUSIÓNS

Posted by franciscocastro - 27/09/08 at 10:09 p.m.

Veño de chegar ( canso, moi canso… xa non estou para algúns excesos noctámbulos ) do III Encontro de Escritores Novos, “Entre dous séculos” que a Asociación de Escritores en Lingua Galega organizou no Pazo de Mariñán durante o venres e o sábado. Dous días compartindo asuntos, polémicas, propostas, ideas, risas, laios, palabras… cun mollo de escritoras e escritores de nós que, sobre todo, teñen fe nun sistema literario. En definitiva: un chute de adrenalina para este que isto escribe.
Como xa adiantei, tocoume moderar unha apaixonante mesa na que, baixo do epígrafe “A literatura. Internet e novas tecnoloxías”, sentou a Lara Bacelo, Leo Campos e Eduardo Estévez ( se o fago a posta, non me sae tan ben… ).
Resumo veloz as conclusións denantes de caer desmaiado do esgotadiño que estou:
1. – Internet veu revolucionalo todo. Tamén o mundo da creación literaria. As súas posibilidades, como ferramenta, están aínda a ser exploradas. Semella que con grande éxito visto o número sorprendente de lectores dalgunhas bitácoras de creación.
2.- Hai que reflexionar sobre as relacións e o papel e a pantalla. ¿É un blog un libro?, ¿Seica son, simplemente, dous soportes diferentes?
3.- Sempre escribimos, tamén nos blogs, sobre a propia experiencia. Agora, ela é tamén o que lemos, en papel ou na rede.
4.- Os blogs cuestionan o concepto de autor que, de facto, está a verse deconstruído e reformulado. Hai autores colectivos e, incluso, autores anónimos pero non por elo menos “autores”.
5.- Os blogs e a relación co mundo editorial: eu son o meu propio editor. O sector editorial xa non é o mediador necesario para que os meus textos cheguen ao público.
6.- Constatouse, como para os libros en papel, a existencia no blogomillo de “elementos canonizadores”. Hai milleiros de blogs, mais uns cantos están a se converter en canonizadores de calidade e, xa que logo, de potenciadores de visitas.
Esas son algunhas das ideas. Resúltame imposible, espero que se me comprenda ( e non é cousa do cansazo ) deixar constancia aquí de todo o que se dixo durante o ricaz debate, intenso, que se produciu.
E agora vou durmir.

Os comentarios están pechados.