PERDOAR A MALA FE

Posted by franciscocastro - 28/08/08 at 10:08 p.m.

Moi atinada a resposta que, en xeito de Carta ao Director, publican hoxe en El País, Carlos Callón ( da Mesa pola Normalización Lingüística ), Luis González Tosar ( do PENCLUBE ) e Cesáreo Sánchez Iglesias (da Asociación de Escritores en Lingua Galega ), arredor da entrevista que un tipo tan ben informado ( parecía ), ecuánime ( semellaba ), racional ( pichisss…) coma George Steiner, concedeu a ese xornal e no que dicía, entre outras lindezas, que lle parecía mal que nas universidades de Galicia se obrigue a falar en galego e, alucina vecina, que a literatura galega, para resumir, non vale un pataco.
Como xa se comentou en todos os xornais e en todos os foros e en todos os blogs e en todas as terrazas dos bares, eu só quero dicir unha cousa:
puidera ser que o señor Steiner di o que di por ignorancia ou desinformación. Mais sen dúbida, é gravísimo que o diga.
Mais, concordarán comigo en que ese mesmo pensamento téñeno moitos galegos: que na Universidade imponse a lingua á forza e que a literatura galega non vale para nada.
E ao señor Steiner podo perdoarlle a desinformación, pero aos de aquí… cústame perdoarlles a mala fe.

Os comentarios están pechados.