TINTÍN PERDEU A VIRXINIDADE

Posted by franciscocastro - 19/08/08 at 11:08 p.m.

Leo que os propietarios dos dereitos de Tintín, veñen de bloquear a reedición dun relato de Antonio Altarriba no que este lle fai unha homenaxe, digamos, retomando a historia da súa vida moitos anos despois de onde a deixou Hergé e contándonola con pelos e sinais.
Sobre todo, seica, con pelos.
Segundo as crónicas, pareceulles fatal, aos tintinólogos, que, entre outras cousas, en Tintín y el loto rosa, que así se chama o libro, o amiguiño de Milú perde, ¡non era sen tempo! a virxinidade, e failla perder, nin máis nin menos que Catherine Deneueve. ¡Que sortudo o Tintín!, ¡eu tamén quería algo así!
A verdade é que a polémica éme difícil de entender pois non lle vexo nada de malo en coller aos personaxes clásicos e facer con eles o que nos pete. Eu escribín un conto, erótico, dentro dun libro, hai moito tempo, protagonizado por Ken e Barbie. E todos os días lemos cousas parecidas.
Coma sempre, o problema, é o sexo.
Se Tintín se apuntase aos marines e tirase bombas sobre a poboación civil do Iraq para “liberar” o mundo seguindo os criterios texanos de Bush, igual non pasaba nada.
Pero enróllase coa Deneueve.E iso hai quen non o perdoa.
Como se Tintín fose menos interesante, como personaxe, despois da súa estrea romántica…

Os comentarios están pechados.