É A ÚLTIMA VEZ QUE ESCRIBO SOBRE ISTO.

Posted by franciscocastro - 08/08/08 at 12:08 a.m.

Mañá darán comezo oficialmente os Xogos Olímpicos na China. Levo dando a matraca co asunto desde hai moitos anos, cando se anunciou que serían eles os organizadores da edición do 2008. Protestei en cantos foros me deixaron.
Mais esta, prometo, será a derradeira.
Mañá comeza un dos espectáculos máis fermosos a nivel deportivo do planeta e empezan no país que máis xente executa do mundo. Por crimes varios. Entre outros, polo crime de pensar distinto ao pensamento obrigatorio oficial gubernamental.
Péganche un tiro na cabeza ( ver foto ) e despois, cóbranlle a bala á túa familia. A condena ven despois dun xuízo multitudinario (¿ula posibilidade de defensa? ), e van á morte atados polas pernas e cun cartel onde se lles insulta, roubándolles a dignidade ata o derradeiro momento. No ano 2007, o goberno chinés recoñeceu 470 execucións. Son os líderes mundiais. Organizacións coma Amnistía Internacional sinalan que moi probablemente son moitas máis. En calquera caso, e tomando como certo o dato do propio goberno, son máis dunha persoa ao día.
Quen di iso di outras moitas cousas que, non por sabidas, nos escandalizan menos. Aínda así, e dado que van ser os grandes consumidores do futuro, aparcamos a ética, a decencia, a lóxica e todo o importante e ollamos para outro lado.
Máis altos. Máis rápidos. Máis fortes.

Máis hipócritas.

O certo é que xa non me sorprende.
E case que estou a piques de dicir que xa nin me importa.
Porque o feito en si é coherente con todo o demais que está pasando neste inicio -vergonzante – de século XXI.
Coherente co feito de que a UE aprobe unha normativa para “internar” aos sen papeis ata dezaoito meses porque si; coherente co feito de que Berlusconi saca ao exército á rúa a apatrullar zonas de xitanos e, claro, inmigrantes, incluídos os nenos; coherente co feito de que ao entrar nos Estados Unidos poden quedar co teu portátil ou con calquera caderno que lles pareza sospeitoso, para lelo, ou sexa, por exemplo, con calquera dos meus blocs de notas, que poden chegar a poñer, eu que sei, que o actual presidente dese país é parvo, por dicir unha frase calquera sen segundas intencións.

Hai un estraño movemento de estupidez global.

Non volverei escribir sobre isto.

Os comentarios están pechados.