CRISES DE VERDADE

Posted by franciscocastro - 30/07/08 at 11:07 p.m.

Un ano máis, o gremio de editores aproveitou para, presentando o Barómetro de Hábitos de Lectura e Compra de Libros, neste caso correspondente ao 2007, sinalar que no estado español hai un atraso importante. Centrándonos no caso galego, coma vén sendo costume dende hai un par de anos, andamos polo final, cos extremeños.
Fronte destes datos, xa tantos anos comentados neste blog, só direi que xa que os políticos tanto falan da crise, alguén debería sinalar que un país está verdadeiramente en crise non se os grandes bancos e as grandes multinacionais do ladrillo deixan de ingresar a millonada que, de todos os xeitos van ingresar, senón se os seus habitantes non se achegan polas librerías e bibliotecas, polos museos e as tendas de música. Etcétera.
E, por outra banda, que non hai peor pesimismo que o da rutina. Hai quen ten asumida que a realidade é esa: non se le e punto. Fronte diso, que para moitos é “o natural”, reclamo o dereito ao optimismo, á lectura militante e contaxiosa.
E postos a reclamar, pido para o meu país a posibilidade de, algún día, saír deses últimos postos. Por que non.

Os comentarios están pechados.